"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Febreiro, 2005


Bueno, eu fun ver Constantine. Quede claro.
O certo é que despois de moito atopar ese trailer do demo que todavía anda por aí, tíñalle un medo respectable. Pero non foi para tanto, a verdade é que non foi nin para menos, a peli está ben, se non es un integrista de Hellblazer nin da cor de pelo de John.
É un remexido de moitas partes da longa historia desta personaxe. Que non queda mal del todo, tendo en conta o que puideron ter feito.
É mellor, na miña opinión, que Elektra ou que Catwoman, por dicir dúas que todavía vos deben lembrar.
Case acadan ese punto de humor tan ¿inglés? do Sr. Constantine. Pero fáltalle algo máis de mala idea nalgunha frase. Tal vez sexa a dobraxe. Verémolo no DVD.
Máis cousas: a interpretación de Rachel Weisz pasa por vez, pero teño que recoñecer que a súa personaxe non me encaixa a min del todo. Estou pensando en como acaba. Podía ter sido o contrapunto perfecto, vendo que a motivación principal de Constantine na película ven sacada do arco argumental de “Hábitos Perigosos”.
O único que non é xustificable para min é o que lle fixeron a Chas, o amigo taxista de John. Parafraseando a certo alieníxena: “Menuda cabronada”. Un tipo serio, cos pes na terra, cun oficio e familia, un home feito e dereito reducido a… iso. Triste é, pero facer nada se pode; que esa persoa da vida de John, de todas elas, estea interesada no que está, polo menos na película, é difícil de pasar por alto.
A aparición de Medianoite resulta demasiado “positiva” para Constantine, máis do que debería, tendo en conta quen é dentro de DC, na miña idea.
O Snob é case perfecto. Se alguén se lembra da película “Orlando” xa sabe quen interpreta a ese anxiño. Outra mostra de que neste guión se mezclaron case que tódalas historias de Hellblazer. Menos mal que en ningún momento do filme fai de guía dun tipo grande, verde e pouco falador.
O invitado final tamén é unha feliz escolla, de entre tódolos que podían encher esa personaxe. E que ben queda.
Negativo pero menos: Constantine liado a tiros. Iso non pega nin con cola, polos menos ós seus anos. Tal vez cando era máis novo, pero non a estas alturas. O cartel cun Keanu Reeves levando un escopetón do quince pode asustar algo a quen coñece as mañas de John, xa que isa non é unha delas exactamente. Pero na peli é máis anécdota que outra cousa. E vendo como reflectiron algúns dos trucos de John, é compresible que metesen un trabuco polo medio.
A película está chea de detalles e acenos a partes da banda deseñada de Vertigo/DC. Como por exemplo cando se fala da axuda que dan os pais a fillos que ven ós mortos; un momento moi importante na vida do noso detective ben plantexado, cunha mínima conexión coa historia orixinal. E así moitos outros.
Merece a pena vela. De verdade. Pero por vela. Creo que ninguén sairá escocido do cine.
Pero ó final fáltalle algo que sempre consegue John, ou polo menos non nolo deixan tan cru como debería ser. Pero non vou dicir que é. Se alguén a ve e pensa que sabe de que estou falando, que o diga nun comentario.

Reflexión: tendo en conta que Hellblazer é o que é, deamos gracias a quen corresponda por ista adaptación, que non sacrifica absolutamente todo para conseguir boa taquilla. O feito de que sexa inglés, loiro e algo máis cabrón, entre outras cousas; ben, un prezo creo que asumible para velo no cine. Tal vez na segunda se superen para mellor. Supoño que xa se verá.

Don Vitto

Crítica Constantine

Alone in the dark

Nesta bitácora no só listamos aquelas películas que, como bos frikis que somos, deberiamos ir ver, senon tamén aquelas que non deberiamos ir ver por moi fikis que sexamos. Esta é unha delas. Moitos son os frikis que se poden ver arrastrados po-lo recordo daquela inquietante e xenial saga de aventuras gráficas de terror do mesmo nome, pero para que isto non suceda aquí vos deixamos opinións dos máis variados medios internacionais pero que coinciden nas súas valoracións do «atentado».

  • Esta película é tan horribel a tódo-los niveis, que te preguntas por qué o distribuidor non a lanzou directamente en DVD, ou mellor ainda, por qué non a tirou ó lixo.
  • New York Times

  • O director Uwe Boll é o Ed Wood dos nosos días, un tipo que pretende mistura-lo estilo de acción de John Woo cas películas de serie B de John Carpenter.
  • Splicedwire

  • Alone in the Dark é tan horríbel que quen gaste dez dólares en vela, debería recibir en troques once e unha carta de disculpas asinada po-lo director e os actores.
  • Toronto Star

  • Películas coma Campo de Batalla: A Terra ou Pluto Nash agardan a estrea de títulos coma Alone in the Dark para non parecer tan malas.
  • Gazzete

  • É peor do que te podas imaxinar.
  • Fantastica Daily

  • (Christian) Slater recita as súas liñas coma se lera a carta dun restaurante. Tara Reid aprendeu as frases máis longas en pequenos segmentos, para non saturarse.
  • Lawrence Toppman (Philadelphia Observer)

  • Alone in the Dark será a peor película do 2005. O feito de que se poda facer algo peor é o único susto xenuino que a película pode ofrecernos.
  • Chris Kaltenbach (Baltimore Sun)

  • Tan desquiciadamente horríbel que bordea os lindes da inmortalidade cinematográfica.
  • Hartlaub (San Francisco Chronicle)

  • O espírito de Ed Wood segue vivo en Alone in the Dark.
  • Michael Rechtstaffen (The Hollywood Reporter)

  • Unha das peores películas xamáis feitas.
  • Three Movie Buffs

  • Terríbel alén do posíbel, coma o peor serial dos anos 40 nunca feito. Sobre Slater e (Stephen) Dorff… bueno, teñen feito películas peores–un intre, non, non as fixeron.
  • Frank Swietek (One Guy’s Opinion)

  • Precisase unha actriz que faga que as frases SOEN intelixentes, e (Tara) Reid non vai gaña-lo Premio Nobel a curto prazo (é a proba de que o alcol mata as células cerebrais… con saña).
  • Willie Waffle (wafflemovies.com)

  • As tres estrelas viron días mellores, pero gustariame pensar que inda poden facer algo con máis clase e dignidade que isto. Como porno gay.
  • Rob Vaux (Flipside Movie Emporium)

  • Dizir que Alone in the Dark de Uwe Boll é mellor que o seu debut americano do 2003 House of the Dead e coma louva-la sífilis por non se-la SIDA.
  • Nicholas Schager (Slant Magazine)

  • Hai algunhas pelis estúpidas que molan, se desconectas o cerebro e disfrutas. Alone in the Dark non é unha desas, inda que sexa moi estúpida.
  • Michael Wilmington (Chicago Tribune)

  • En canto a adaptacións de videoxogos, ata Pong: A película tería máis personalidade.
  • Michael Rechtshaffen (Hollywood Reporter)

    E inda haberá xente que vaia vela. Non será porque non se avisou… Crítica Alone in the Dark

    Madagascar


    Xa temos o avance da que será a aposta de Dream Works para o verán do 2005. Os animaliños que falan e cantan xa fai tempo que non son monopolio de Disney e así, nesta película, os creadores de Shrek e O escorrenta quenlllas ofrécennos unha delirante de animais criados en cautividade (no zoo de Nova Iorke) e deportados por mal comportamento á inhospita illa de Madagascar na que terán que busca-la vida po-la súa conta ó tempo que van coñecendo ós peculiares habitantes da mesma (lemures a esgalla).
    Ben Stiller como o león Alex, Chris Rock como a cebra Marty, David Schwimmer a xirafa Melman e Jada Pinkett Smith como a hipopótamo Gloria, serán os actores que porán as voces e parte da súas caracterizacións ás personaxes principais deste disparatado filme que promete risas e divertimento.

    Corpse Bride


    Xa está dispoñíbel o trailer da nova película de animación de Tim Burton, feita co mesmo e particular estilo usado en James e o pexego xigante e Pesadelo antes de Nadal. Nesta ocasión Tim Burton volve a ofrecernos un deses contos tan do seu gusto (e do noso) no que mistura fantasía con terror. As personaxes principais de Corpse Bride (O cadáver da noiva) terán a voz e certo parecido dalgúns dos actores e actrices fetiche de Burton: Johnny Deep, Helena Bonham Carter, Emily Watson ou Christopher Lee. A estrea nos EE.UU é en Halloween, Haloween, Halloween!!!

    The Pink Panther


    Hai cousas que é mellor non ver nunca, pero ás veces non está de máis sabelas para poder evitalas. Ésta é unha delas. The Pink Panther (A Panteira Rosa) con Steve Martin (con acento francés), Kevin Kline, Beyoncé Knowles e Jean Renó (que últimamente fai calquera cousa).
    Despois non digades que non vos avisamos.

    Tras este psicotrópico nome atópase a próxima película na que participa Weta Workshop, un das mellores compañías de creadores de todo tipo de vestiario, armas e armaduras, criaturas e demáis parafernalia fantástica. Dende Túa nai comeu ó meu can e Os Feebles ata O Señor dos Aneis, pasando por series como Hércules e Xena, a princesa guerreira.
    The Chronicle of Narnia. The Lion, the Withc and the Wardrobe (As Crónicas de Narnia. O León, a Bruxa e o Armario) é a adaptación cinematográfica dun grande éxito da literatura infantil coa que Disney intentará crear unha saga que faga fronte ó invencíbel Harry Potter e, en menor medida, a Lemony Snicket.
    As imaxes de como se está facendo a película son un aperitivo do que será un bo despliegue da parafernalia de Weta Workshop e de como nos volveremos nen@s por un día para disfrute dos nosos ollos.
    A estrea nos EE.UU será o 9 de decembro.

    Fantastic 4


    E outra máis de superheroes. Unha oportunidade máis para pór a proba os efecto especiais de última xeración. Toda a información na páxina web, e para facerte unha idea nada mellor que botarlle un ollo ó trailer que, coma sempre, promete. A estrea en España será o 15 de xullo.

    Alita, anxo de combate


    Os rumores sobre a realización da película deste famoso manga de ambientación ciberpunk veñen de longo. Nos últimos meses o proxecto vai tomando forma da man das declaracións do que vai se-lo director: James Cameron. Glosamos a continuación algunhas das máis interesantes:

    «Estamos agora mesmo (outubro 2004) en plena pre-producción dun proxecto chamado Battle Angel, que é algo no que estiven traballando durante anos, e estamos finalizando o guión definitivo agora mesmo. Estivemos facendo diseños, é unha gran película de ciencia ficción e hai un par de cousas moi interesantes neste proxecto.»
    «A película será unha mistura de imaxe real e gráficos de ordenador, e con sorte estará lista para estrear no 2007.»
    O argumento «será unha combinación do primeiro e o terceiro libro (?)» «Contratarase a un nome coñecido para dar vida a Alita, pero non é unha película de estrela e a maior parte de Alita será feita por ordenador» «Imos rodala en 3D usando o sistema de imaxe en estereo que estivemos desenrolando para os documentais» xa que, segundo cre, para principios do verán do 2007 a maioría dos cines estarán equipados con sistemas de cinema dixital.

    Kingdom of heaven


    Non teñas medo enfronte dos teus inimigos.
    Sé valente e honrado.
    Fala con verdade.
    Protexe ós desprotexidos.
    Este é o teu xuramento.

    Outro dos ingredientes do éxito comercial nas produccións estadounidenses son as aventuras de tempos pasados (canto máis lonxanos mellor) con heroes lendarios e batallas épicas. Todos estes ingredientes encóntranse nas historias sobre as cruzadas e na nova película de Ridley Scott: Kingdom of heaven (O Reino dos ceos). Un reparto de luxo (Marton Csokas, Jeremy Irons, Orlando Bloom, Liam Neeson e Eva Green, entre outros) e unha ambientación moi ben conseguida (grabada casi na súa totalidade en terras españolas) son algúns dos alicerces que nos mostra o trailer. A estrea nos EE.UU o 6 de Maio.

    Sin City


    Nos últimos tempos a carteleira estase cheando de películas tiradas de cómics de grande éxito. Agora tócalle o turno a outro título de gran sona: Sin City, cunha estética fidel ó cómic e cun reparto de luxo: Bruce Willis, Jessica Alba, Elijah Wood, Rosario Dawson (no cartaz), Benicio del Toro, Michael Madsen, Clive Owen e Mickey Rourke, entre outros. A estrea nos EE.UU será o 1 de abril. Esperaremos a ve-los resultados, de momento contentámonos con ve-lo trailer unha e outra vez.

    Constantine


    A aposta
    entre o ceo e o inferno
    está na terra.

    Xa sei que hoxe foi a estrea pero non está de máis reseñar aquí a súa páxina web. Unha nova adaptación dunha personaxe de cómica á gran pantalla. Unha oportunidade máis para o gran público para descubrir un impactante cómic, como é Hellblazer. E para os afeccionados deste cómic unha posibilidade de ver cumplidos os seus soños ou ver destrozado o espírito do cómic.

    Reparto confirmado de O Capitán Alatriste

    A adaptación cinematográfica da novela O Capitán Alatriste de Arturo Pérez-Reverte que será realizada por Agustín Díaz Yanes a partir de Marzo (xa escomenzaron as clases de esgrima) xa ten confirmado o seu reparto fai tempo, pero non está de máis recordalo.

    O capitán Alatriste será Viggo Mortensen, Íñigo (compañeiro de batalla) será Unax Ugalde, Angélica de Alquezar estará interpretada por Elena Anaya, o Conde Duque de Olivares por Javier Cámara e Blanca Portillo nun papel masculino. Estes son nos papeis principais, nos secundarios a cousa vai crecendo: Juan Echanove, Eduardo Noriega, Ariadna Gil, Enrico Lo Verso, Antonio Dechent, Antonio Resines, Victoria Abril e Pilar Bardem. Por nomes que non sexa, tanto extranxeiros coma españois.

    War of the Worlds

    Non deixedes de visita-la páxina de War of the Worlds, a película de Steven Spielberg protagonizada por Tom Cruise basada na popular novela de H. G. Wells. Estrea o 29 de Xuño nos EE.UU. Non perdade-lo trailer.

    «O vindeiro verán, a Terra vai á guerra.»

    Batman Begins

    Hai homes que viven en covas…
    Encerrados no seu corpo,
    Prisioneiros da súa ialma.
    Hai oscuridades que nos se disipan
    coa luz do sol
    E ás veces
    nin ca da xustiza.

    Escomenzamos esta nova andaina po-lo cinema máis espectacular e punteiro e outras veces cutre e subcultural cun clásico entre os clásicos: Batman (posíbelmente o primeiro grande éxito dun filme tirado dun cómic) Aquí traemos dous cartaces teaser do que será a súa próxima película, Batman Begins. Unha precuela onde se nos contan as orixes do Señor da Noite e de tódo-los seus traumas (que non son poucos).

     

    About Author

    CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.