"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Marzo, 2005


O cinema da Asia oriental volve estar de moda. Fai algún tempo foron as películas de Hong Kong (ou “de chinos”) con Jackie Chan, Jet Li, Chow Yun Fat, Jonh Woo e compañía, fai pouco as de medo xaponés como Ringu, The Eye ou A maldición e finalmente a ultraviolencia máis poética da man do xaponés Takeshi Miike e a nova xeración sur-coreana.

A este último grupo pertence a película Sympathy for Mr. Vengeance dirixida po-lo cabeza de lanza de Corea, Chan-wook Park. Neste filme podemos observar algunhas das características deste tipo de cinema que nos ven espertar do soño no que nos teñen sumidos as productoras estadounidenses: historias moi humanas sen heroes, case non hai violencia, pero cando a hai é altamente explícita, a fotografía e o coidado descoidado dos ambientes e escenarios, unha serie de códigos de honra e de convencións sociais e culturais que nos desconcertan e producen curiosidade a un tempo.

As historias son na maioría dos casos locais pero con significado comprensíbel en calquera punto do globo. O protagonista desta historia é un mozo xordo que vive ca súa irmá enferma que precisa un ril. A película narra os intentos do mozo por conseguir un ril ou o diñeiro necesario para subir na lista de espera. Todo-los seus intentos son en van e a situación vaise enconando. O único que consegue é facerse inimigos e alimentar odio e rencor en contra daqueles que lle impiden consegui-los seus obxectivos. Outros personaxes engaden obxectivos e rencor: a súa noiva contestativa, o seu xefe e a súa filla…

Unha historia perfectamente contada a pesar de tódalas tramas que se xuntan e a información ós poucos que se nos dá. Unha historia sobre a venganza, en palabras do director, “un sentimento humano que queima vidas enteiras na súa procura, para ó final, ó consegui-la ver que non sirve para nada ou é moito peor.”
Crúa, humana, salvaxe, poética. Só alguén cos ollos rasgados no-lo podía contar así.

The Ifrit

Crítica Sympathy for Mr. Vengeance


¿Alguén pensou algunha vez que unhas marionetas non podían ser máis que xoguetes? Grande erro. As marionetas poden ser violentas, románticas, crueis, ácedas, e incluso ter sexo Todo iso queda demostrado despois de ver Team América, a nova película dos creadores de South Park, que parece que co tempo nin maduran nin melloran na súa opinión sobre a maioría das personaxes famosas dos Estados Unidos nin do mundo mundial.

A Policía Mundial é un grupo, americano por suposto, adicado a protexe-lo mundo da devastación dos terroristas, aínda que teñan que devastalo eles mesmos no camiño, como a mesma película nos lembra, toda liberdade ten un prezo, e o Team América é o encargado de protexela, e de cobrar ese prezo.
Por iso, cando Kim Yong Il comeza a vender armas de destrucción masiva, só un grupo de valerosos, decididos e honrados americanos poderá enfrontarse a él con todo o ársenal ó seu alcance, que non é pouco, e garantir así a nosa seguridade (a ver que opinan diso en París ou no Cairo)

Pero lembremos quen son os autores, os mesmos de South Park, así que ninguén pense que por ser marionetas é unha película para nenos: é violenta, hai lingüaxe soez, e moito, e inclúe esceas de sexo explícito entre marionetas, algo que nunca na vida puidera imaxinar, pese á cantidade de películas frikis vistas ate o momento.
Dende logo, quen vaia ver esta película debe ir atento, non é só para pasa-lo rato, non se pode perder as moitas homenaxes a outras películas de culto (algúns apreciarán especialmente as escenas da cantina terrorista ou da entrada no palacio), sempre tendo en conta as limitacións dos “actores” e a evidente ausencia, moi de agradecer, dun exceso de efectos dixitais.

En fin, outra nova película friki para facernos disfrutar, regodeándonos na crítica máis cruel, e que nos deixa cavilando sobre cal das tres clases de persoas somos, unha película na que non queda títere con cabeza…. literalmente.

Godzilla Sama

Crítica Team America


A popular serie de películas protagonizadas por Wesley Snipes sobre o heroe que combate a súa natureza vampírica e o secreto dominio dos chuchasangues sobor da humanidade deu un traspés definitivo cara o máis abominábel dos xéneros. Inda que o espectador xa non ten claro exactamente a que xénero de película está asistindo. Blade: Trinity trata de combinar o horror gótico coa comedia e a acción, pero o resultado é unha mala película en calquera dos tres apartados. Pártese da base de que acudimos a vela co cerebro desconectado, e co único obxectivo de pasar un rato máis ou menos entretido, pero marchamos ca impresión de que alguén estase pasando da raia.

Blade é un personaxe ideal para unha entretida película de acción. Os vampiros son un conxunto de malos populares e con moitos recursos, tanto estéticos coma paródicos. E os responsabeis non se poderán queixar dos medios económicos dos que dispoñen para realizar estas películas. Entón, ¿por que nos castigan con estes productos? Ninguén espera que poñan tanto amor e dedicación coma Peter Jackson na Triloxía do Anel, pero a impresión que se dá, dende o guión á realización das esceas de loita, é a da máis absoluta desidia.

Non me gustaría entrar nesta revisión a valorar detalles coma a ausencia de diálogos, a caricatura grotesca dos vampiros desta entrega, ou a enésima morte de Whistler, xa que podería revelar detalles sobre o guión, e desanimar a algún a formarse a súa propia opinión, inda que sería recomendábel agardar ó seu lanzamento en videoclubes, tendo en conta as outras películas que existen neste momento na carteleira.

Centrémonos no malo da película: nin máis nin menos que Drácula. Cando alguén ten a audacia de recurrir ó mítico e idiosincrásico vampiro agárdase que se cumpran unha serie de requisitos. O primeiro: Carisma. Dende Bela Lugosi ata o caricaturesco Drácula de Van Helsing tiñan algo parecido a unha personalidade. Todo o que Blade: Trinity nos ofrece é un vacío e plano matón metrosexual. O segundo: Poder. Todos agardamos que o proxenitor dos vampiros, aquel que vivíu moitas vidas e que merece permanecer soterrado nunha pirámide do conflictivo Oriente Próximo, sexa alomenos unha arma de destrucción masiva, pero non. De feito, en ningún momento semella unha ameaza real para Blade. É realmente bo matando mortais, pero claro, calquera vampiro que quera sobrevivir debería selo. Pero cando chega a hora de enfrentarse a Aquel que víu a luz, aquel Stephen Dorff da primeira película resutou ser moito máis perigoso. De feito, o noso Drácula prefire fuxir ante Blade en troques de enfrentarse a el e rematar coa amenaza para sempre. ¿Por que iamos pensar que Drácula ía ser capaz de deter a Blade cando éste decide ataca-la súa base se no primeiro encontro o pai dos vampiros fuxíu con rabo entre as pernas? A resposta é que non o pensabamos. E polo tanto, xa non temos interese en saber de que maneira vai remata-lo noso heroe con tan insulso inimigo. De feito, atopamos moita máis interese no combate entre os dous secundarios cómicos, a histriónica vampira que lidera a comunidade de turno e un dos seus antigos acólutos que agora forman parte dos xocosos «Gardiáns da Noite». As rapazas inda están agardando ve-la tatuaxe de Hello Kitty.

En resumo: o malo da película é moito máis plano e aburrido que o propio heroe, e cando unha mala película tirada dun cómic ocorre algo así, pos, en fin, mellor o deixamos e morra o conto.

O Druida

Crítica Blade Trinity

Páxina web de Sin City

Xa está dispoñíbel a páxina web da adaptación da obra de Frank Miller, Sin City, dirixida por Robert Rodríguez e cun grande elenco de actores famosos.
Na páxina, de momento, pódese ve-la sinopse do filme así como fichas dos distintos personaxes e númeroso material para descargar. Estilo banda deseñada total.

Appleseed


Outra das grandes esperadas do ano e que tamén se puido ver en Sitges, a adaptación que a obra de Masamune Shirow merecía, Appleseed.
En EE.UU só foi estreada en cinco cidades (Ontario, San Xosé, Los Ángeles, Honolulú e Nova Iorke), así que é bastante improbábel que a podamos ver na pantalla grande por estes lares.
Desfrutaremos po-lo momento das imaxes e trailers da páxina estadounidense. Esperamos pronto poder facer unha crítica.

Steamboy


Xa se pode ve-lo trailer en castelán da última película de Katsuhiro Otomo, mellor película de animación no pasado Festival de Sitges, Steamboy.
Un filme de aventuras no estilo máis clásico, ambientado nun Londres victoriano de estética steam (como ben indica o título).
Esperamos poder facer pronto unha crítica agora que saen as versións en inglés e castelán, pois coa versión en xaponés non puidemos atopa-los subtítulos.

Charlie and the Chocolate Factory


Antes de ver The Corpse Bride estrearase outra película de Tim Burton: Charlie and the Chocolate Factory. Un conto infantil visto a traveso da visión peculiar deste xenio e co seu actor fetiche, Johnny Depp, como histriónico protagonista.
De momento podemos desfrutar do trailer.

Casino Royale


Outros que se unen á moda dos remakes.
Parece que xa é oficial o título número 21 da saga 007. Será Casino Royale, segundo The Hollywood Reporter os productores decidíronse por esta novela, e baixo o mando de Martin Campbell, quen xa dirixira unha do famoso espía británico: Goldeneye. Casino Royale, é o título da primeira novela que Ian Fleming escribíu sobre o axente secreto en 1953. O libro adaptouse en 1954 para a televisión e en 1967 para o cine con Peter Sellers, Woody Allen y David Niven entre outras moitas estrelas do momento. As comparacións son odiosas… sobre todo para os que perden.

Decir por último que Quentin Tarantino rexeitou o proxecto ó saber que Pierce Brosnan non ía seguir interpretando a James Bond. Unha verdadeira pena.

Wonderful Manhwa


Un futuro probábel, quizais non tan lonxano, un mundo asediado po-la contaminación que decide aillarse nunha cidade autosuficiente, que se abastece de enerxía e crece por si mesma alimentándose daquelo do que os seus habitantes se protexen: a contaminación, pero non hai sitio para todos. Esta é a ambientación na que se desenrola a historia de Wonderful Days, un deses productos que desvían a atención do anime do Xapón cara outras latitudes, neste caso, Corea.

A historia céntrase na relación de tres personaxes, amigos no pasado pero separados por un feito tráxico, e as súas diferentes posicións respecto ó conflicto que enfronta ós habitantes da xigantesca cidade-arca e ós do exterior, desprezados po-los privilexiados que viven nela, inda que ó mesmo tempo dependan deles para as tarefas pesadas.
As tensións entre estes dous grupos crecen ó mesmo tempo que a cidade, ó igual que a dependencia dos seus habitantes dos do exterior, cando un ataque ó mesmo corazón da cidade, produce o encontro da parella protagonista e a posta en marcha dun plan que pode salva-la cidade, con terribeis consecuencias para os que habitan fora dela.
Este é grandes rasgos o argumento desta xenial película, que cun argumento coidadosamente elaborado e ben desenrolado, uns personaxes totalmente creibeis e ben definidos, sen caer en excesivas profundidades emocionais, xunto a unha coidada realización técnica ofrécenos un producto da mellor animación actual, en poucas verbas: Wonderful Manhwa.

Godzilla Sama

Crítica Wonderful Days

Ghost Rider

Marvel atopou o filón de ouro na adaptación cinematográfica das súas personaxes máis famosas e así poder levantar un pouco a cabeza dos malos resultados económicos dos últimos anos. Así que aquí temos outra máis: Ghost Rider (O motorista pantasma) que se está a rodar en Australia, moi preto do set de Superman Returns. E este é o posíbel reparto principal:

    Director: Mark Steven Johnson
    Johnny Blaze: Nicolas Cage
    Blackheart: Wes Bentley
    A boa: Eva Mendes

Esperamos con escepticismo as primeiras imaxes.

Aquí tedes os nomes dalgún dos grupos que soarán na banda sonora da esperada Batman Begins: Green Day, The Cure, Foo Fighters, Velvet Revolver, Audioslave, Pearl Jam, Dave Navarro, Chevelle, Metallica

A dúbida que temos na redacción é se só son do disco da banda sonora ou parte da música incidental. A cousa cambia moito dun a outro e pode influir significativamente no resultado da película.

Superman Returns

O reparto desta nova entrega de Superman ten poucos nomes coñecidos:

A estrea nos EE.UU non chegará ata o verán do 2006. Inda nos queda tempo para ir descubrindo moitas cousas, mesmo de cambiar algún nome da lista.

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.