¿Grave erro ou para pasa-lo rato?
25 Decembro 2005
Ben. Estou diante dun teclado e por fin superei a noxenta sensación que me corrompeu logo de ver esta peli. (A cousa empeza forte, ¿non vos parece?)
Imos cos antecedentes: tíñamos apetencia por unha destas, de chineses máis ou menos, dende hai certo tempo. Así que nos aproveitamos dunha conxunción cósmica e fómola ver. GRAVE ERRO.
Se existe algo que desprezo máis ca unha mala película é unha película que podendo ser boa non o é. Sete espadas acaba sendo un perfecto exemplo disto.
Sen ánimo de lle querer pisar unha posible crítica, empregarei a idea primeira que lle deixou no corpo a Godzilla-sama: “todo este filme vai camiño de moitos sitios bos é non da chegado a ningún deles”. Creo que todos colleredes por onde van os tiros. Esta película é unha desagradecida que ademais de darche polo ** non ten nin o detalle de facerche unha **** no proceso. Frase moito mellor no seu contexto orixinal, pero algo parecido éche o que obtés ó saíres do cine. Quedas… non sei… coma cortado no medio de algo. É moi desagradable.
Pero uns detalliños axudarán sen dúbida….
Primeiro (e máis importante): É unha de chineses. As ostias teñen que molar moito. E non molan. As coreografías marciais son simplonas, desas de medio pelo que venden no Todo a 0,60 €. Non hai espectacularidade nin novidades. E sendo “clásicas” non teñen ese bo oficio que demostran os orientais de renome neste campo. Por iso teñen renome, supoño.
Segundo: A historia. Non son Os Sete Samurais de Kurosawa; tampouco é unha de vaqueiros con pistolas. A profundidade deste guión é a mesma que ten unha poza nun día de orballo; e aínda por riba vaise de existencial meténdose no que é a escravitude, se é cousa de corpo ou de espírito, ou caralladas así.
Imos ver. Se non se fai ben o que se quere facer, coma son neste caso as escenas de leña repartida a esgalla, o mellor é non meterse noutros xardíns, que tamén a vas pifiar. Pero non, que somos guais e imos facer unha cousa ó grande.
Terceiro: Os das sete espadas. Son uns paquetes. Van tan sobrados que lle quitan a emoción ó asunto. Cando empezan xa sabes que a cousa vai rematar moi mal… para os outros. Aínda que claro, ten que haber algo de sufrimento, que o sufrimento tamén é bo para darlle un toque de bágoas, un punto de feminidade ou o que sexa.
Rematando: está claro que non entendín a película e que son un Homo Violentus que non podería colle-las sutilezas de semellante obra de arte aínda que llas metesen pola boca ou polos tres ollos do corpo. Que non. Que son un negado. Así que ánimo e ide ver esta gran xoia da sétima arte. Porque eu pringaría con ela, pero ben sabe Deus que non vou selo único como estea na miña man evitalo. Ou que vai ser isto.
Don Vitto
Para pasa-lo rato

Sete espadas, peli de cine chinés. Ben, aquí comezamos. Non son ningun experto en materia de cine chinés, nin teño a mais remota idea dos traballos dos seus directores nin dos seus actores, pero sei cando unha peli me gusta e cando non. Aconsello a todo o mundo que cando vaia ver unha peli chinesa vaia mentalizado do que as súas retinas van captar, e asi ninguen leva un fiasco ó ver unha peli destas características.
Pola miña parte, a película chinesa Sete Espadas é unha desas pelis das que califico coma de se non tes nada que facer e queres pasar o tempo, vai a vela. Quizais alguén dirá que son moi benevolente dicindo isto, pero é a miña opinión.
A historia lévanos a epoca na que na China cambia a dinastía reinante e o novo emperador decreta que todos aqueles que practiquen as artes marciais deben morrer decapitados, e para conseguir tal fin ten unha especie de exercito da morte, e a partir de aquí sigue a película. O que mais se lle pode criticar a esta peli é a súa falta de coreografia nas loitas, agás na loita final na que si se ve unha coreografia decente. A película intenta profundizar un pouco en cada un dos Sete Espadas, e nalguns momentos faise un tanto aburrida.
En conclusión, nin ben nin mal, simplemente unha peli para ver se non tes nada que facer e queres mata-lo tempo sobrante nun día aburrido.
Por certo unha preguntiña que deixo no aire: ¿por que carallo as mulleres orientais nos poñen tanto ós homes occidentais? Que hai unha que leva unha tatuaxe que… ¡puf!
Inversor
Crítica de Sete Espadas Siete Espadas Seven Swords Qi jian
28 Decembro 2005 ás 3:57 pm
Unha cousa boa que dicir desta peli: os malos teñen pinta de malos dende o principio. Pode ser que non teñen personalidade, pero o seu vestiario é do máis “cool” no campo de vestarios de malos que teño visto últimamente, e os seus alcumes non está mal: “Besta de pedra” ou “Espírito Negro” nunca chegarán a ser Hans Grüber, pero están de sobras capacitados para facer que un comece a pensar nas faltas de ortografía que pode ter o seu testamento