"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Xaneiro, 2006


As cousas de palacio van despacio, e as de CINEMA FRIKI máis. Dende o mércores pasado vense celebrando en Bizácoras (o directorio máis bizarro da burroesfera) a Semana Internacional do Traxe de Gorila, dedicada o enaltecemento da xente vestida de gorila, ós gorilas mesmos e ó gorileo en xeral.

Dende CINEMA FRIKI faremos unha excepción á nosa programación habitual, como xa o fixemos durante Cineuropa, e intentaremos contribuir a esta gorilización facendo un repaso da saga de O planeta dos simios (Retorno ó planeta dos simios, Fuxida do planeta dos simios, A rebelión dos simios, A conquista do planeta dos simios e O planeta dos simios de Tim Burton), a maior saga de xente disfrazada de gorilas da historia.
Ademáis faremos unha análise do xogo de ordenador Gorillas, gran inicio gorileiro da maioría dos integrantes desta bitácora.

Agardamos que disfruten.

FELIZ SEMANA DO TRAXE DE GORILA!

Aquí tedes uns cantos videos da versión Bollywood de O Clube da Loita. Parece que perdeu coa traducción.

Loitas si que hai

Onde está Neo?

Non poden falta-los bailes

Moitos bailes

Bailes quentes

E momentos románticos

Quedáchedes sen palabras, eh.

Gracias a Uruloki (ou non)

Paul Bettany en Batman


Se non estás nos rumores a Joker non es ninguén. Agora tócalle o turno a Paul Bettany.

O actor di: “O rumor está en todas partes pero non saiu de ningures. Estou empezando a pensar que foi miña nai quen empezou o rumor.

Os candidatos son moitos e tamén é moito o que inda queda para que Nolan dea a solución final.

Vía Superhero Hype!

Michael Keaton en Batman, Isla Fisher en Batman, Justin Timberlake en Batman, Outro Joker máis, Katie Holmes fóra do próximo Batman, Sean Penn en Batman, Máis Batman, Seguintes películas de Batman.

Special Forces


O visionado do filme Special Forces resultou ser unha verdadeira sorpresa. Agardabamos ver unha película de acción de serie Z, pero ó final resultou ser un producto moi digno do xénero e ben rematado.

Conta a historia das vicisitudes polas que ten que pasar un equipo das forzas especiais norteamericanas para rescatar a unha periodista capturada polo lexítimo goberno da república de Muldonia.

Ben levada dende o comezo ata o final, a cinta pon de manifesto que non é necesario un grande presuposto para poder facer un bo filme de acción, e ademáis descubre a un novo grupo de actores que sen dúbida van ter moito que dicir no xénero nos próximos anos.

O único que se lle pode votar en cara é o fomento que se fai do imperialismo americano, xa que na historia as forzas capitalistas atacan sen mediar provocación ó pacífico país de Muldonia ó que acusan ademáis de levar a cabo unha limpeza étnica.

Nada máis lonxano da realidade. Muldonia é unha grande nazón que respectou sempre os dereitos humáns e…

É mentira!! Axuda!! Estou retido polo xeneral Hasib e me está a obrigar a dicir todo isto!! O filme é unha merda infumable cheo de violencia gratuíta da peor calidade posible e cun argumento e uns intérpretes que non se sosteñen nin de puta coña!!!

Maldita sexa, coido que xa veñen!! Fuxide, insensatos!! Non a vexades nin na TV nun día de resaca!! Escapade!!!

BANG (son dunha Makarov)

Yann Breoc

Crítica de Special forces

O sexto día, Do sexto mes, Do sexto ano


Non hai nada que dea máis medo que un neno malvado e aqui temos de novo ó peor de todos. Chega o remake de A Profecía.

É un teaser trailer así que o único que podemos ver é mal rollo e a cara do “anxeliño”.

A estrea nos Estados Unidos o 6 de xuño (6/6/06)

Vía Rotten Tomatoes

Adam Goldber en Deja Vu

Deja vu contará a historia dun axente do FBI (Denzel Washington) que viaxará atrás no tempo para salvar a unha muller de ser asasinada. Adam Goldberg fará de científico.

Denzel Washington, Adam Goldberg e Jim Caviezel. Dirixe Tony Scott. Comezarán a rodar no mes de febreiro en Nova Orleans.

Vía Rotten Tomatoes

Agora só nos queda saber se será tipo Regreso ó futuro ou Timecop. Son as pelis de viaxes cíclicas? Teñen algún tipo de relación con acontecementos mundiais?

O batallón perdido


Estraño telefilme épico baseado en feitos reais. Estraño porque parece un capítulo de Irmáns de Sangue, pero peor e sen tanto presuposto, aínda que contén algunhas esceas de loita salvables.

Os feitos narran como un batallón americano na I Guerra Mundial queda separado das liñas amigas e rodeado polo exército invasor alemán. Será unha loita pola supervivencia.

O batallón perdido, para pasalo rato, nada máis.

Diefer Casan

Danny, the dog


Filme de Jet Li que tira máis cara o drama que ó cine de acción. Película típica de “neno salvaxe” que descubre o mundo real. Danny pasou toda a súa nenez nunha cela onde todo o que coñecía da realidade era o que lle mostraba un libro de parvulario. Soamente era sacado para “arreglar” os asuntos do seu xefe (Bob Hoskins) a base de mamporros. Seguiría nese mundo se non coñecera o amor que lle brindou un home cego (Morgan Freeman) e a súa filla.

Este filme busca a faceta de actor de Jet Li sen encamiñalo á acción, pero non ó logra. Visible, se se busca outras alternativas ás patadas e os golpes, pero Jet Li ten películas moito mellores.

Diefer Casan

Crítica de Danny, the dog

Pois rematado o plazo de votación e feito o reconto pasamos a relaciona-los resultados e os premiados nesta primeira edición dos Premios CINEMA FRIKI. A participación foi baixa pero suficiente para facer unha aproximación ao mellor e ao peor do ano 2005.

MELLOR PELÍCULA: Batman Begins 4 votos

Seguido moi de preto por A Guerra das Galaxias. Episodio III con tres votos e Old Boy e Sin City con dous votos. Cun voto fican A Casa das Dagas Voadoras, American Splendor, As Crónicas de Narnia. O León, a Bruxa e o Armario, Ferro 3, O afundimento, Serenity, Sr. e Sra. Smith e Team América.

MELLOR ACTOR/ACTRIZ/ANIMAL/ANCIÁN: Ralph Fiennes e Christian Bale con 2 votos

Tamén cabe resaltar neste ano a: Amber Smith, Angelina Jolie, Antonio Gasalla, Audrey Tatou, Brad Pitt, Jonnhy Deep, King Kong, Matt Damon (Team América), Mickie Rourke, Min-sik Choi, Naomi Watts, Nicole Kidman, R2-D2 e Samantha Morton.

MELLORES FX/CGI: King Kong (WETA Digital), Harry Potter e o Cáliz de Fogo (BUF/MPC/ILM) e A Guerra das Galaxias. Episodio III (ILM) con 2 votos



Accésit: Foto de Nadal da Familia Real Española

Este ano tamén puidemos regala-los ollos con: A Guerra dos Mundos, A noiva cadáver, As Crónicas de Narnia. O León, a Bruxa e o Armario, Batman Begins, Charlie e a fábrica de chocolate, Lazos de guerra, Sin City, A Guerra das Galaxias. Episodio III e Team América.

MELLOR BANDA SONORA: A Guerra das Galaxias. Episodio III (John Williams), 3 votos

A Noiva Cadáver, Batman Begins, A Guerra das Galaxias. e Team América, todas con 2 votos.
Non deixedes de escoitar tampouco as bandas sonoras de: A Guerra dos Mundos, Chamada perdida, Charlie e a fábrica de chocolate ou Longo domingo de noivado.

MELLOR “JUMP THE SHARK”: Deserto
Parece que o termo non tivo moito éxito. Poucos votos e bastantes malinterpretacións.
Algúsn dos votados: 7 vidas (última tempada), Días de cine, forzas especiais con shotgun (Special Forces), Harry Potter, O show dos Tonechos ou Perdidos (toda a serie é un “jump the shark”)

MELLOR SERIE: Ghost in the Shell. Stand Alone Complex (cuatro) e Perdidos (Fox e TVE1) con 3 votos

Con 2 votos: Roma. Agardamos máis tempadas, DVDs e o que sexa de: As Guerras Clon, Galáctica. Estrela de combate, Los Hombres de Paco, Mulleres desesperadas, One Piece, Pai de familia, South Park e Tan mortos coma min.

PREMIO DRA. CHRISTMAS JONES Ó PEOR SECUNDARIO OU Ó MÁIS PRESCINDÍBEL: Deserto
Non houbo suficientes votos. Pero os algúns dos nosos comentaristas e críticos prescindirían de Andy Lau (en A Casa das Dagas Voadoras), Chete Lera (en Somne), Daniel Roebuck (Artz en Perdidos), James McAvoy (en As Crónicas de Narnia. O León, a Bruxa e o Armario), Justin Chatwin (en A Guerra dos Mundos), Monica Bellucci (O segredo dos irmáns Grimm), Nancho Novo (Somne), Os sete espadas (Sete Espadas), Penélope Cruz (Sahara), Samuel L. Jackson (A Guerra das Galaxias. Episodio III) ou Uxía Blanco (Somne)

PEOR RUMOR: As irmás Williams en X-men 3 e Justin Timberlake coma Dúas Caras, 2 votos

Non queremos volver oir falar de: Catro viláns en Spiderman 3, Episodio 0, Michael Keaton coma o Joker, Naruto en cuatro, en Telecinco, en…, Remake de Depredador, Resident Evil III e IV ou Rocky VI.

PEOR REMAKE: O berro, 2 votos

Tampouco gustaron A Guerra dos Mundos ou Dark Water.

MELLOR TRAILER/CURTA: Sin City e A Guerra das Galaxias. Episodio III, con 3 votos.

Paga a pena volver a ver (ou ver por primeira vez) os trailers de As Crónicas de Narnia. O León, a Bruxa e o Armario, Batman Begins, Harry Potter e o Cáliz de Fogo, O Reino dos Ceos, Os Vixiantes da Noite, Superman Returns, Team América ou X-men 3. Ou as curtas Encarna e Muppets overtime.

PEOR VESTIARIO/MAQUILLAXE: Deserto
Non houbo suficientes votos. Para algúns dos nosos comentaristas e críticos non acadaron o aprobado neste apartado: Blade Trinity, Os Vixiantes da Noite, Special Forces ou A Guerra das Galaxias. Episodio III.

MELLOR PARODIA: Deserto

PREMIO CAMPO DE BATALLA A TERRA Á PELÍCULA QUE NON VIMOS (PATROCINADO PO-LA IGREXA DA CIENCIOLOXÍA): Os Vixiantes da Noite

Tamén desexamos esquecer como sexa Alexandro, Blade Trinity, Demonlover, Elektra, Sahara, Somne, A Guerra das Galaxias. Episodio III, Torrente 3. El protector ou Os Vixiantes da Noite.
Especial mención merece Special Forces, “estreada” no 2003, regalada no 2004 e no 2005 por fin xuntamos forzas para vela.

PREMIO ALAN RICKMAN Ó “MELLOR” MALO: Kim Chong-il (Team América) 3 votos

Tamén é un moi bo malo Ji-tae Yu (Old Boy), 2 votos. Intentarán seguir facéndono-la vida imposíbel: Cillian Murphy (Batman Begins), Darth Vader (A Guerra das Galaxias. Episodio III), Ian McDiarmid (A Guerra das Galaxias. Episodio III), Tilda Swinton (As Crónicas de Narnia. O León, a bruxa e o Armario) e Tobin Bell (Saw II)

Dar as gracias a tódo-los que partipáchedes e dicir que en breve publicaremos o nome do gañador do sorteo dunha botella de rico licor café de El Mosquito (SCQ)
Tamén procederemos ó envío dos premios ós respectivos gañadores.

Thandie Newton en Casino Royale


Thandie Newton será unha rapaza Bond en Casino Royale, chamarase Vesper Lynd, unha espia de dubidosa alineación.

Parece que esta será a definitiva.
A rapaza sae nunha das películas do 2005 nos EE.UU que temos agora mesmo nos nosos cines, Crash. Esperamos ter unha crítica en breve aquí.

Vía Cinema Blend

Charlize Theron en Casino Royale, Angelina Jolie en Casino Royale, Vilán e chica Bond de Casino Royale, Ás voltas de novo co novo James Bond, O novo James Bond, Casino Royale.

Jet Li deixa as artes marciais

Jet Li, un dos grandes actores do cinema de artes marciais, o mestre de wushu, deixa o xénero que fixo que sexa o que é.
O seu derradeiro filme será Fearless, recén estreado en China.

Todo explicado nesta entrevista tirada da web chinesa de cinema Sina:

Que nos podes contar da túa personaxe en Fearless?

Interpreto ó protagonista, Fok Yuen-gap, que é un heroe entre os chineses. Non me gustaría que a xente vira a personaxe coma un heroe puro, lonxe da xente normal, senon coma un home con puntos bos e con puntos febles. O filme amosa a miña filosofía de como usa-las artes marciais. Que son as artes marciais? En chinés significa “dete-la guerra”.

É verdade que Fearless é a túa derradeira película de kung fu?

Si. Levo facendo películas de kung fu máis de vinte anos. Durante este longo proceso intentei amosar ó público os contidos das artes marciais chinesas. Non son só loita senon tamén filosofía oriental, sabedoría e táctica.

Ós meus anos, coido que preciso facer algúns cambios na miña vida. Non podo quedar sempre no mesmo sitio.

Atopas algún parecido entre Fok Yuen-gap e ti mesmo?

Bueno, Fok morreu ós 42 anos, e eu teño 42 anos. Coma el teño experimentado altos e baixo ó longo da miña vida. Así que creo que entendo os seus sentimentos ó perder alguén, nas dificultades e ó erguerte despois de caer. Este filme é real nalgúns feitos históricos, pero tamén ten algúns detalles de ficción. Nunha palabra, creei a historia de Fok baseandome na miña propia experiencia de vida e progresos psicolóxicos.

Que che parece a canción composta por Jay Chou para o filme?

Coido que Chou entendeu a miña mensaxe. Dixenlle que andaba na procura dunha canción que invitara á xente a enfrentarse á vida con decisión, activamente, nunca dándose por vencidos por nada. A canción expresa a idea. Chou é un ídolo para moita xente nova e coido que pode enviar esta mensaxe positiva ó público.

Que tipo de filmes vas facer no futuro?

Agora mesmo non teño ningún obxectivo específico. En diferentes momentos da miña vida no pasado tiven distintos obxectivos. Agora estou no proceso de atopar un obxectivo. Sigo o meu corazón – sexa o que sexa que eu quera facer, fareino.

Algúns actores franceses e tailandeses tamén están a facer filmes de artes marciais. Que opinas deles?

É bo ter competencia de filmes de artes marciais feitos en diferentes paises. Esta competencia pode traer cambios, que son bos para o público. Coido que as películas son como a economía: Hai ondas no desenvolvemento, inclusive cumios e vales. Sempre precisamos facer esforzos para face-las artes marciais populares no mundo.

Fearless é a historia de Fok Yuen-gap (Huo Yuanjia) un heroe nacional chinés e mestre de artes marciais a comenzos do século XX. Despois de ter algunhas experiencias escuras nos seus primeiros anos fixo rexurdir a imaxe de China atraveso das artes marciais.

Vía KFCC

A pregunta que nos facemos dende aquí é saberá Li facer algo máis?

Sam Raimi produce…

Cando un ten moitos cartos gástaos en cousas que lle gustan, e a Sam Raimi o que lle gusta é dar medo. Por iso os seus dous próximos proxectos coma productor serán sendos filmes con alto contido de terror: Priest (Crego) e Siren (Sirena)

Xunto cos tamén productores Mike De Luca e Josh Donen comezarán a partir do verán o proxecto de levar á pantalla grande o manwha (banda deseñada coreana) Priest de Min-Woo Hyung.
Priest conta a historia, en clave de western, dun crego que desobedece as ordes da Igrexa e xúntase cun sheriff novo e cunha sacerdotisa para tratar de atopar a unha banda de vampiros renegados que secuestraron á súa neta.

O outro proxecto está tirado dun video-xogo xaponés da PS2, Siren de Keiichiro Toyama.
Non sei como será o xogo, pero a sinopse non é moi alá. Unha rapaza estadounidense anda á procura da súa irmá perdida en Xapón. Comeza a súa busca en Hanuda, unha vila nas montañas. Alí atoparase atrapada xunto cun mal indescriptíbel que non pode ser contido.
Escribirá o guión Michael Gordon.

Xa existe unha película xaponesa baseada neste video-xogo, chámase Forbidden Siren e estréase o 11 de febreiro en Xapón.

Vía KFCC

Casshern


Impresionante derroche de efectos especiais. Esta é a única forma de trasladar un manga a imaxe real. Non tiven a fortuna de lelo, pero o filme de Casshern está tan ben feito que imaxino cada fotograma coma unha viñeta do cómic.

Despois dunha guerra, a Federación Oriental derrotou os exércitos de Europa e tomou control do continente Eurasiático. Este é o marco onde se desenrola a película, nun futuro postapocalíptico, onde un novo descubrimento traerá aínda máis destrucción.

Recomendable, aínda que solo sexa para poder disfrutar dos seus efectos, aínda que me perdín nalgunha parte.

Diefer Casan

Crítica Casshern

A primeira, na fronte


Non podemos negalo, estamos ante a primeira película descerebrada, ou descerebrante do ano. E a moita honra, si señor.

Poucas veces podemos ver unha adaptación tan fiel á gran pantalla, sexa dun videoxogo, un libro, ou da banda deseñada. Certo que o argumento da obra orixinal non destaca precisamente pola súa complexidade argumental, pero iso non impide que outras obras de características similares rematasen sendo un horrible fiasco (e non miro para ninguén, Resident Evil).

Doom convértese nunha obra típica do xénero de caza de bechos, poida que en vinte anos falen dela coma un gran clásico do xénero, quen sabe, bazas para iso ten de sobra: Doom cumpre todo-los estereotipos, incluíndo os erros mortais que tantas veces recriminamos ós protagonistas destas obras, como son:

    1. Separarse: a máis tempo só, máis posibilidades de rematares morto, e isto inclúe o punto 2
    2. Ir ó baño: as necesidades fisiolóxicas son unha trampa mortal nunha película
    3. A xente de cor morre primeiro: vale, este non se cumpre, pero é case o único, esta película tamén tiña que innovar en algo, non?
    4. Cumplindo o primeiro punto, non xuntes ó novato e o depravado da unidade, ou rematarás tendo un depravado e un inútil (isto complícase cando case toda a unidade ten algunha tara mental)
    5. Por último, aínda que fundamental, NUNCA, xamáis crer que unha corporación vai cumpri-las leis sobre investigación se pode evitalo. En xeral, cando alguen diga que unha corporación ten problemas nunha das súas instalacións de investigación, flamexa primeiro, dispara despois, e cando teñas o lugar convertido nun aparcadoiro, pregunta, se tes moita curiosidade.

En fin, cine “palomiteiro” de primeira categoría, con certas innovacións xeniais, coma a secuencia en primeira persoa (videoxogo ou película?), non apta para quen queira levar ós seus miolos ó cine, divertida para os demáis.

Godzilla Sama

Crítica Doom

Completamente impresionado

Nin por todo o ouro do planeta pedería imaxinar o resultado desta adaptación dun videoxogo ao cine. Teño que dicir que quedei completamente impresionado co resultado final da película. Normalmente cando vou ver unha peli sacada dun videoxogo non espero outra cousa que unha merda de filme na cal se me atragantan os flocos de millo coma por exemplo en Resident Evil, ou Dragóns e Mazmorras, ou calquera das pelis de Lara Croft ( inda teño pesadillas por culpa da peli Tomb Raider. O berce da vida. Angelina por que nos fas esto?)

Pois ben, Doom, a película, é coma todo o mundo sabe unha adaptación dun videoxogo a cal en termos xerais quedou ben feita, visible, e amena para o espectador. Se tiveramos que porlle unha puntuación sobre 10, esta sería pola miña parte a dun 5’9 rozando o 6 pero non chegando a el. A historia, as personaxes (quedome con The Rock e o que fixo de Eomer en O Señor dos Aneis) Nun computo global quedou decente, un portal de teletransportes, unha compañía que fai experimentos xenéticos ás espaldas de todos, e coma resultado deses experimentos un mostruo ó que hai que aniquilar, e coma non, para solucionalo problema mandan ós marines comandados por Yhe Rock, e para finalizar no fin da peli o espectador queda ca boca aberta o ver a visión que teriamos se estivesemos xogando ó videoxogo no noso ordenata.

Pouco máis se pode dicir desta película. Aquel que queira ir vela que vaia que non vai ir a perdelo tempo, e se non queredes non vaides.

Inversorr,
asasino da ortografia e mercenario da gramatica

Escoitando: Mazinger (Gigatrón)

Premios CINEMA FRIKI 2005


Chegados a estas alturas do ano é un bo momento para facer un repaso do visto e elexir o que máis nos gustou e o que menos. Por iso inauguramos eiquí os 1os Premios CINEMA FRIKI.

Para participar e dar as vosas opinións tan só tedes que enviarnos un correo-e ó noso enderezo
sinalando un máximo de cinco candidatos en cada categoría. Recolleremos votos ata o día 15 de xaneiro. Entre os tres máis votados de cada categoria faremo-las votacións finais. Ben sinxelo.

Aquí téde-las categorías:

  1. Mellor película
  2. Mellor actor / actriz / animal / ancián
  3. Mellores FX / CGI
  4. Mellor banda sonora
  5. Mellor “jump the shark”
  6. Mellor serie
  7. Premio Dra. Christmas Jones ó peor secundario ou ó máis prescindíbel
  8. Peor rumor
  9. Peor remake
  10. Mellor trailer / curta
  11. Peor vestiario / maquillaxe
  12. Mellor parodia (actor, personaxe, película…)
  13. Premio Campo de Batalla a Terra á película que non vimos (patrocinado po-la Igrexa da Ciencioloxía)
  14. Premio Alan Rickman ó “mellor” malo

Recordade que só consideramos productos do 2005 (aquí tedes unha lista con tóda-las estreas) e que de momento non temos premios pero en calquera momento pode salta-la sorpresa e aparecer algún agasallo dalgún dos nosos innúmeros mecenas e benefactores.

¡Xa temos premio! Unha botella de 0’75 cl de auténtico licor café do melloriño da capital, da tasca El Mosquito.
O exemplar será enviado a calquera parte do globo ao participante na elección de candidatos que será elexido por sorteo amañado o luns 16 (aprox.)

Imaxe realizada por panchez de Aduaneiros sem fronteiras

Cos escasos votos emitidos ata o momento é case seguro que os premios quedarán desertos.
¡¡A VOTAR!!

 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.