Santo en la venganza de la momia
14 Xuño 2006
Unha vez máis o mundo divídese en dous, os que viron unha película de Santo e os que non. As súas películas son das que fan pensar e replantexar a túa vida. Nada volve se-lo mesmo despois de semellante experiencia.
El Santo, El Enmascarado de Plata, é unha lenda da loita libre mexicana que estendeu a súa presenza ó cinema dando lugar a disparatadas películas que do despropósito que son dan a volta e chegaron a converterse en verdadeiras perlas pop dun puño (do puño de El Santo, claro)
O filme comeza cun combate entre El Santo e El Rebelde Rojo contra unha parella de loitadores italianos que lle queren arrebata-lo título e ó mesmo tempo desenmascaralo para ve-la súa identidade. Golpes imposibeis, chaves de imaxinativos nomes, un público de quince persoas que fai por un estadio ateigado, un cento de veces a piques de ser derrotado sen escapatoria… pero El Santo nunca perde. Todo isto en a penas (!) quince minutos.
Despois disto queda demostrado que El Santo é unh grande loitador querido po-lo pobo, así que quen mellor (?) que el para protexer unha expedición ó máis profundo da selva mexicana en busca dun tesouro. E así temos montada unha grandísima expedición á que non lle falta de nada. A saber: un profesor tolo, afoutos aventureiros, un cociñeiro de alta cociña, “belas” mulleres, porteadores a esgalla e, como non, El Santo.
A selva é inexpugnábel, pero ten unha estrada que os leva ata unha aldea onde intimida a un velloco para que el e o seu neto de oito anos lles fagan de guías (O peiteado deo rapaz é do melloriño) E así, a pesar do medos atávicos de guías e porteadores, chegan a unha paraxe paradisíaca cas súas pedras de cartón pedra, o seu lago-piscina e demáis.
Xusto ó lado atópanse as ruínas aztecas e a tumba do sacerdote sobor do cal existe unha maldición para os que ousen profanar a súa soterrada e perfectamente iluminada momia. E aquí comeza o desastre. E non vou contar moito máis. A momia empeza a matar a todo ‘quisqui’ cunhas técnicas abraiantes, unha mobilidade de quedar pampo e uns efectos… bueno, efectos. O final é claro e meridiano, pero tampouco o vou contar.
En definitiva. Santo en la venganza de la momia é un filme para disfrutar o lado máis bizarro da vida, cuns diálogos sen sentido ningún, un despregue técnico cutre cutre (como mostra dicir que un dos cambios de escena máis usado é o de mover rapidamente a cámara cara un lado e que disfrutado a cámara lenta amósanos parte do equipo técnico e do estudo de gravación), uns personaxes e unhas actuacións de Goya. Vamos, unha historia cos ingredientes que triunfan nas superproducións de hoxe.
Altamente recomendábel. Na lista de pendentes agárdanos Santo y Blue Demon contra Drácula y el Hombre Lobo.
Ifrit
Crítica de Santo en la venganza de la momia