"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Xullo, 2006

Shame on you, Jon Peters

ifrit

O Superman Returns que eu vin…

Logo de teren pasado un par de semanas, despois de moitas voltas, creo que podo escribir unha cousiña ou dúas sobre esta película. Por suposto, non vou dicir nada que non dixese alguén xa nalgunha dirección da rede. Non importa que non se coñeza polos sentidos; seguro que existe.

Deixando iso claro dende o comezo, podo largar tranquilo.

¿Gustoume ou non me gustou? É unha peli tranquila e sinxeliña de ver, que non debería molestar a ninguén agás a aqueles que non teñen parada e necesitan violencia descerebrada para poder aguantar quietos, xa sabedes, eses que se non hai leña e hostias ben (ou mal) dadas non se senten “cheos”. Que lles dean, polo menos neste caso. Trátase de traer de volta a Kal-El ó mundo das franquicias, non de ir de chulo, meter a Xuizo Final e mata-la galiña dos ovos de kriptonita (que é o que lles falta para xustificar tanto mineral dese por estes lares…)

Ehh… que me despisto. Este filme é perfecto para lembrarlle a unha xeración o que foi Christopher/Superman, e vale ben para introducir de novo, seguindo o patrón e as ideas da orixinal de Richard Donner, ó novísimo Brandon Routh coma lexítimo herdeiro.

Non está de máis avisar que quen isto escribe ten nun pequeno pedestal A delgada liña vermella de Malick, polo que o de asustarme por unha montaxe pausada… case que non.

Luthor, pode que máis importante que Superman ou que Clark Kent por separado, está ben, incluso moi ben. Xa se verá co tempo. Falta velo en orixinal, pero de momento só pode mellorar. Está chalado pero dunha forma moi perigosa, para nada graciosa aínda que os seus actos e formas despisten. Será moi infantil iso de probar un cacho de cristal nunha maqueta, pero se te paras a pensalo… é a mostra máis patente da súa visión do mundo, un lugar no que el se divertires e xogar a ser deus, ou polo menos o “ser superior” de Butragueño….

Podo, e é de xustiza, aceptar que lle falta algo de infraestructura en plan LexCorp, e a Torre L, pero supoño que todo chegará, coma chegou na visión doutro home a presidente useño. Non se pode queimar todo nun único disparo. O risco non é aceptable.

Superman. Impecable. Non é o Deus Ex Machina que todo o pode. Nin quere selo. A dependencia del non leva a ningún bo lugar. E se el non o sabe, polo menos sospéitao. Recoñezo que lle falta velocidade nalgúns planos, sobre todo nos aéreos, un pouco máis de chispa, que diríamos. Se o tivesen feito máis dinámico, logo, non momento de ires de cachi-man, poderían incrementa-la sensación de esforzo e vontade coa mesma velocidade amosada na pantalla.

E que dicir da clásica opción entre face-lo que quere e o que é mellor para a maioría. Puro Superman. E logo queda non tan ben con Lois. Cousa que tamén paga Clark Kent.

Clark Kent. O granxeiro periodista. Sen moitas luces e non moi espilido, pero traballador e de fiar, máis ou menos. Un mandado con tódalas letras. Ou iso é o que amosan no cine. E a min váleme. Non é o depredador informativo coma pode ser Lane. Está, pero en segundo plano. Coma ten que ser. E dóelle. Co rápido que lle podía dicir a Lois que el é Superman… co sinxelo que sería conquistala cas súas mallas…. un único vo máis… e todo sería moito máis cómodo…. Difícil non se render, ¿verdade?

Cíclop… que digo… o machacante de reemprazo de Lois…. Máis heroico que o propio Scott Summers. Con iso creo que xa se di todo. Morrer nunha franquicia para facer noutra o papel que tiña que ter sido. Manda carallo. Pero queda ben. Queda ben. E queda patético/tenro. Humano ou non, querer a unha muller coma Lois Lane non pode ser un camiño de rosas. Ela é a dona do seu mundo, non unha actriz secundaria nel.
Vale de recado para o inútil de X3, aínda que Singer non estea libre de culpa…

O resto, que tampouco me quero eternizar: fan o seu papel.

En definitiva, que se collémo-la lei dos grandes números, e comparamos, a peli sálvase, pode que tal vez cunha nota máis que de aprobado. Ten toda a pinta de non perder cos anos, así que non se pode dicir moito mal dela. O primeiro paso ten que se dar con seguridade, pois ese si que non ten volta atrás. Non se pode volver ó principio, a non ser que pasen vinte anos… E para novidade e risco xa temos a un asmático, ou algo así.

E que carallo, non é X-Men 3, non compromete un futuro con decisións salomónicas e incriblemente controvertidas, nin abusa de montaxes ridículas de escenas de acción e de combates estúpidos (si, estúpidos). Non pinta a mona con pailáns de medio pelo, e acaba, por exemplo, cuns secundarios-terciarios con peso e autoridade pétrea, sen máis andar rañándoa. E teño que agradecelo.

Pode que a cousa quedase un pouco en plan “todo o mundo é bo”, pero esa é miña impresión da película en xeral. Non quero entrar no aspecto redentor de “dóuvo-lo meu único fillo” e picados en cruz dende a exosfera, mortes pola humanidade, etc. O rollo relixioso e Superman nunca foi do meu agrado. Superman é filosofía social, non mística relixiosa.

Don Vitto

Outras opinións: Viruete (de Viruete.com), Rafa Marín (de Crisei) e Uruloki (de Uruloki.org).


Cando un pensa en facer unha crítica deste tipo de películas, o primeiro que pensa é en non repetir demasiadas veces o término “atroz”, para que non perda forza nin significado, pero claro, quedamos sen sinónimos igual de contundentes e expresivos.

Pero vaiamos por partes, antes de entrar no cine xa tiñamos claro que iamos ver unha película con máis testosterona ca Floyd Landis, e por se quedaba algunha dúbida, a gran cantidade de malotes na cola e na sala é máis ca suficiente para despexalas, esperemos que ningún deles copie as maneiras dos protagonistas.

Dentro de The Fast and The Furious 3. A Todo Gas. Tokyo Race, hai tres partes que debemos diferenciar claramente:

    1. Argumento: prácticamente inexistente e apenas relevante, non é mais ca unha excusa para pasar ás outras dúas partes
    2. Mozas: Por suposto, tan neumáticas coma os propios coches, con pouca roupa e axustada, é decir, ensinando cacha, tal e como lle gustan a Shin-chan e a nós.
    3. Bugas: moitos, variados e tuneados ate o inferno, alomenos no que a pintura se refire, porque desta xa pasan de dar as poucas explicacións que aparecían na primeira parte sobre mecánica.

Sobre o que constitúe a parte principal da película, as carreiras en sí mesmas, tampouco é que engada gran cousa, a verdade é que a montaxe, intentando ser espectacular, non chega a máis que mareante, e contínuamente da a impresión de estar no medio dun accidente, así que cando chega o accidente de verdade, apenas percibes a diferencia, salvo algún plano a cámara lenta intercalado.

En canto a actuacións, non hai moito que decir, por non decir que os cameos fan olvidar por completo ós protagonistas, ese Sonny Chiba, ou o gran Keiichi Tsuchiya, o verdadeiro e único Rei do Derrape, nunha aparición que os máis fans deste mundiño, e de certa serie de anime, deberían recoñecer, por non falar da gran sorpresa final, que por suposto, non vou desvelar aquí, teredes que sufrir toda a película para velo.

En fin, unha pequena obra de entretemento, que pasará sen pena nin gloria pola nosa carteleira, e que só deixa unha reflexión neste pouco humilde crítico: “canto dano fixo Initial D nas nosas novas e fráxiles mentes”, quen poida entender, que entenda.

Godzilla-sama

Ouveos (The Breed)


Ouveos (Aullidos en castelán, The Breed no orixinal) é a última producción de Wes Craven. Desta volta será un dos seus pupilos, Nick Mastendrea, o que senta na cadeira de director.

Un grupo de amigos voa ata unha illa deserta para pasa-la fin de semana. Noutros tempos a illa fora ocupada por unha unidade especial de investigación canina. Pronto descubren que este fermoso refuxio convertiuse no seu peor pesadelo.

A que xa vos están entrando as ganas de ir vela de cabeza? Engadide a este subxugante argumento artistas da talla de Michelle Rodríguez, Taryn Manning ou Oliver Hudson e xa tedes unha idea case completa do que vos podedes atopar neste terrorífico filme de terror. Por se ainda non estades convencidos aquí tedes o trailer.

Segundo as notas de prensa o máis salientábel do filme son os cans. Uns cans especiais adiestrados que levaron o maior traballo da rodaxe.

Ouveos é unha película típica de verán adolescente perfecta para ir coa moza e pouco máis.

Coido que non son o único que unha vez sentado cómodamente no sofá, cambiando de canle sen xeito se atopa cos créditos de inicio dunha mala película. E por mala película refírome a unha que pareza saída da Filmoteca Nacional de Ulan Bator, cun son que se entrecorta ás máis das veces e cunha imaxe que da a impresión de que o señor Eastman estaba a durmi-la sesta o día da rodaxe. Esas malas películas, de extraterrestres colonizadores, de asasinos resucitados, de monstros de outras dimensións, de espectros do Alén ¿Quen nun momento deses non sentiu un calafrío percorréndolle o lombo e atopouse dicindo “caralludo, unha de medo”?

A verdade é que non hai mellor regalo que o que non se espera, e é con ese ánimo co que se acolle a esta filme -só co título xa semella asegurada unha hora e media de diversión-, ríndonos polo baixo deses advenedizos que cren que o cine ha de renderse por forza a uns estándares de calidade.

A sinopse, como é habitual, é sinxela: A protagonista, unha ambiciosa periodista de investigación (¿?) infíltrase co seu cámara nunha illa volcánica que os militares utilizan de almacén de lixo nuclear. A enerxía liberada no proceso atrae a un extraterrestre que comeza a matar a todo canto humano se cruza no seu camiño, entre eles ó cámara e ó coronel que está ó cargo da planta nuclear. A moza, coa axuda dun ermitaño, aínda que atractivo, cazador de serpes logran derrota-lo intruso cun aparello deseñado polo finado ancián científico que inútilmente tentou dete-la ameaza.

Nembargantes, a película está chea de inconsistencias, demasiadas incluso para ser do xénero que é. Podemos obvialas, iso ata lle da un certo encanto.

O que é menos disculpable e que os diálogos son ridículos e insulsos as máis das veces e che deixan cunha completa sensación de indiferencia; só salvaría dúas ou tres frases de algún secundario. E sobre todo, as personaxes principais son do máis plano e irritante, nin sequera a presenza de Charles Napier como o testán do coronel Kovacks lle da un mínimo aire de respetabilidade.

Pero o que peor me sentou é que este enxendro me fai sentir como… un deses “advenedizos”, facéndome dubidar do encanto do worse is better. Unha cousa é facer películas de serie B, e outra ben distinta é aburrir ata ás pedras.

En resumo: unha MERDA. E non sigo porque non creo que valla a pena poñerme de tan mal humor.

P.S.: E o alien do carallo ten pinta de centola, ou boi de mar, xa non sei.

Giménez Espantos

Novo trailer de Mercury Man


Os tailandeses pode que non saiban moito de cinema pero entenden á perfección as reglas do cinema comercial. Os filmes de Tony Jaa prescinden de argumentos en prol de espectacularidade e un maior número de stunts e agora fan unha achega ó xénero de superheroes con Mercury Man. Porque non fai falla que estes teñan un cómic , se non que chega con que sexan molóns e teñan uns efectos especiais potabeis.

«Chan, un bombeiro tailandés, é dotado accidentalmente cun poder sobrenatural que procede dun obxecto místico chamado Leklai. Co tempo dase conta de que este poder/don dispón á vez dun lado positivo e dun negativo. Chan intentará manter o equilibrio entre ambos mentres fai fronte a un grupo mafioso que pretende recuperar este poder»

Precísase máis?

O primeiro trailer desapareceu, pero xa hai un segundo igual de impactante.

Vía KFC Cinema e Uruloki

Pathfinder


Alguén dixo que estes vikingos parecían Guerreiros do Caos… Con este cartace xa queda todo dito. Impresionante… non sei se isa é a palabra que o define. Non sei de onde sacaron a inspiración estes homes… WH rules!

Pathfinder contaranos a historia dun mozo vikingo que resulta abandoado accidentalmente durante unha batalla entre vikingos e nativos americanos. Os nativos coidan ó neno coma propio, e anos máis tarde, cando o poblado resulta invadido polos vikingos, o mozo, xa feito un home, defenderá o seu poblado contra os vikingos…

Espero que non poñan os vikingos coma uns sanguinarios e dementes e os indios coma uns pacifistas de boa vontade. Sería americanizar demasiado.

¿Karl Urban tra-los pasos de Mark Dacascos?

A estrea estaba prevista para setembro nos Estados Unidos, pero vense de retrasar ata xaneiro por mor da esixencia que o equipo se autoimpuxo despois de ve-la reacción do público ó trailer.

Como rematar coa lenda


Entusiasmado collín o DVD de A lenda do Zorro co fin de ver un deses filmes de aventuras sen moita máis pretensións que o de pasar un rato entretido.

Pero non sabía que enganado estaba. A segunda parte do Zorro de Antonio Banderas defradoume dende o principio, onde tiña a impresión de estar vendo unha película de Jackie Chan debido ós golpes espectaculares, acrobacias e diálogos humorísticos, incluíndo ó fillo do Zorro que parece sacado da Ópera de Pequín. Deixou de ser un filme de aventuras para converterse nun produto máis da industria ianqui para poder sacar cartos cando non saben que facer con eles ou para cumprir contratos millonarios con actores que fan películas a desgusto.

En resumo, unha lenda que podería prometer moito, rescatar un xénero esquecido, continuar unha saga de moitos anos de historia, quedará alonxado co tempo nun pequeno recuncho dos videoclubes. Unha lástima, si señor.

Diefer Casan

Maxia tailandesa


A lenda de Suriyothai é un filme tailandés producido por Francis Ford Coppola que conta a historia de intrigas e traicións dentro da realeza e nobreza tailandesas, onde unha muller tomará o control de todo un imperio, no período onde os mosquetes e os canóns empezan o seu dominio. Un filme dunha beleza artística impresionante onde tódolos decorados destacan pola súa fermosura e os seus detalles. Conflictos campais con miles de extras (algo moi común nestes filmes orientais) e con centos de elefantes de batalla (onde se demostra o escaso cariño polos extras nestes filmes orientais).

A lenda de Suriyothai é unha película correcta, non longa demáis, pero no que existen momentos nos que sí da esa sensación debido ós longos momentos de trama e traición onde podémonos facer un lio con tanto nome tailandés. Polo demáis pódese desfrutar da maxia das súas imaxes.

Diefer Casan

Spiderman 3: Teasers, pósters, imaxes, trailers…


Sei que por culpa das nosas ausencias non estamos moi ó día de todo o que acontece ó redor de Spiderman 3, pero tamén é verdade que serán poucos os que non viran todo o que ten saido.

Tamén saberedes que os inimigos desta volta serán o Home de Area, Veleno e o Duende Verde. E que o filme será moito máis oscuro que os seus predecesores, cun Peter Parker atormentado e un Spiderman que desvelará a súa identidade secreta.

O máis seguro e que tamén xa vírades o primeiro trailer, pero pode que inda quede alguén que non vira o novo trailer presentado na Comic Con de San Diego gravado coa cámara dun móbil.

E o que nos queda, que a estrea non está prevista ata o ano que ven.

Vía Cinema Blend

Cartace de Saw III

Se no primeiro cartace que saíu aparecía unha extracción dental, neste temos o resultado.

O director é o mesmo da segunda entrega, Darren Lynn Bousman.

A estrea nos USA é en Halloween, of course.

Vía Cinema Blend

Trailer de As Tartarugas Mutantes


Impresionante teaser trailer de… mellor que o vexas¡TMNT! Guau!

Pois si, unha nova película completamente en CGI para o 2007.

Teaser póster de Iron Man


Aquí temos para todos vós (que nos seguides lendo) un teaser póster de Iron Man, debuxado por Adi Granov.

As promocións cada día empezan máis pronto. A estrea de Iron Man será o 2 de maio do 2008 (!) e o proxecto a penas está botando a andar.

O director é Jon Favreau e o malo antagonista será Mandarín (un tipo gracioso). Os primeiros comentarios din que o filme contará os comezos da historia de Iron Man e que levará o primeiro traxe, non o coñecido en amarelo e vermello.

Vía Superhero Hype!

Johnny Depp en I Am Legend

O rumor acabou por converterse en pre-produción e é nesta fase do proxecto onde empeza o baile de nomes.

Ao xa confirmado de Will Smith únese agora o de Johnny Depp que disque faría o papel dun medio-vampiro (un Hemocyte).

As cousas pintan ben para I Am Legend.

Vía Rotten Tomatoes

I Am Legend

Remake de Os paxaros

Teño que respirar profundo e contar ata 10 antes de escribir esta nova e non despotricar das productoras e a súa falta de ideas. Na súa defensa din que será a mesma historia pero contada de novo dunha forma totalmente distinta, sen nada que ver con Os paxaros de Hitchcock. É dicir, que o novo filme estará baseado no mesmo relato curto (de Daphne Du Maurier) no que estaba baseado o filme de Hitchcock e contará con ingredientes que este non incluíu, como personaxes, situacións, escenarios…

Vamos, que terán en común o nome, a inspiración e pouco máis.

Vía Rotten Tomatoes

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.