"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Shame on you, Jon Peters

ifrit

O Superman Returns que eu vin…

Logo de teren pasado un par de semanas, despois de moitas voltas, creo que podo escribir unha cousiña ou dúas sobre esta película. Por suposto, non vou dicir nada que non dixese alguén xa nalgunha dirección da rede. Non importa que non se coñeza polos sentidos; seguro que existe.

Deixando iso claro dende o comezo, podo largar tranquilo.

¿Gustoume ou non me gustou? É unha peli tranquila e sinxeliña de ver, que non debería molestar a ninguén agás a aqueles que non teñen parada e necesitan violencia descerebrada para poder aguantar quietos, xa sabedes, eses que se non hai leña e hostias ben (ou mal) dadas non se senten “cheos”. Que lles dean, polo menos neste caso. Trátase de traer de volta a Kal-El ó mundo das franquicias, non de ir de chulo, meter a Xuizo Final e mata-la galiña dos ovos de kriptonita (que é o que lles falta para xustificar tanto mineral dese por estes lares…)

Ehh… que me despisto. Este filme é perfecto para lembrarlle a unha xeración o que foi Christopher/Superman, e vale ben para introducir de novo, seguindo o patrón e as ideas da orixinal de Richard Donner, ó novísimo Brandon Routh coma lexítimo herdeiro.

Non está de máis avisar que quen isto escribe ten nun pequeno pedestal A delgada liña vermella de Malick, polo que o de asustarme por unha montaxe pausada… case que non.

Luthor, pode que máis importante que Superman ou que Clark Kent por separado, está ben, incluso moi ben. Xa se verá co tempo. Falta velo en orixinal, pero de momento só pode mellorar. Está chalado pero dunha forma moi perigosa, para nada graciosa aínda que os seus actos e formas despisten. Será moi infantil iso de probar un cacho de cristal nunha maqueta, pero se te paras a pensalo… é a mostra máis patente da súa visión do mundo, un lugar no que el se divertires e xogar a ser deus, ou polo menos o “ser superior” de Butragueño….

Podo, e é de xustiza, aceptar que lle falta algo de infraestructura en plan LexCorp, e a Torre L, pero supoño que todo chegará, coma chegou na visión doutro home a presidente useño. Non se pode queimar todo nun único disparo. O risco non é aceptable.

Superman. Impecable. Non é o Deus Ex Machina que todo o pode. Nin quere selo. A dependencia del non leva a ningún bo lugar. E se el non o sabe, polo menos sospéitao. Recoñezo que lle falta velocidade nalgúns planos, sobre todo nos aéreos, un pouco máis de chispa, que diríamos. Se o tivesen feito máis dinámico, logo, non momento de ires de cachi-man, poderían incrementa-la sensación de esforzo e vontade coa mesma velocidade amosada na pantalla.

E que dicir da clásica opción entre face-lo que quere e o que é mellor para a maioría. Puro Superman. E logo queda non tan ben con Lois. Cousa que tamén paga Clark Kent.

Clark Kent. O granxeiro periodista. Sen moitas luces e non moi espilido, pero traballador e de fiar, máis ou menos. Un mandado con tódalas letras. Ou iso é o que amosan no cine. E a min váleme. Non é o depredador informativo coma pode ser Lane. Está, pero en segundo plano. Coma ten que ser. E dóelle. Co rápido que lle podía dicir a Lois que el é Superman… co sinxelo que sería conquistala cas súas mallas…. un único vo máis… e todo sería moito máis cómodo…. Difícil non se render, ¿verdade?

Cíclop… que digo… o machacante de reemprazo de Lois…. Máis heroico que o propio Scott Summers. Con iso creo que xa se di todo. Morrer nunha franquicia para facer noutra o papel que tiña que ter sido. Manda carallo. Pero queda ben. Queda ben. E queda patético/tenro. Humano ou non, querer a unha muller coma Lois Lane non pode ser un camiño de rosas. Ela é a dona do seu mundo, non unha actriz secundaria nel.
Vale de recado para o inútil de X3, aínda que Singer non estea libre de culpa…

O resto, que tampouco me quero eternizar: fan o seu papel.

En definitiva, que se collémo-la lei dos grandes números, e comparamos, a peli sálvase, pode que tal vez cunha nota máis que de aprobado. Ten toda a pinta de non perder cos anos, así que non se pode dicir moito mal dela. O primeiro paso ten que se dar con seguridade, pois ese si que non ten volta atrás. Non se pode volver ó principio, a non ser que pasen vinte anos… E para novidade e risco xa temos a un asmático, ou algo así.

E que carallo, non é X-Men 3, non compromete un futuro con decisións salomónicas e incriblemente controvertidas, nin abusa de montaxes ridículas de escenas de acción e de combates estúpidos (si, estúpidos). Non pinta a mona con pailáns de medio pelo, e acaba, por exemplo, cuns secundarios-terciarios con peso e autoridade pétrea, sen máis andar rañándoa. E teño que agradecelo.

Pode que a cousa quedase un pouco en plan “todo o mundo é bo”, pero esa é miña impresión da película en xeral. Non quero entrar no aspecto redentor de “dóuvo-lo meu único fillo” e picados en cruz dende a exosfera, mortes pola humanidade, etc. O rollo relixioso e Superman nunca foi do meu agrado. Superman é filosofía social, non mística relixiosa.

Don Vitto

Outras opinións: Viruete (de Viruete.com), Rafa Marín (de Crisei) e Uruloki (de Uruloki.org).

2 Comments

  1. by paideleo, on Agosto 9 2006 @ 11:48 a.m.

     

    Graci

  2. by Diefer Casan, on Agosto 21 2006 @ 11:48 p.m.

     

    Son un puntazos os seus m

Comment RSS

 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.