"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Outubro, 2006

Protégé

Aquí podedes ve-lo trailer da nova película do director Derek Yee, Protégé, un thriller de acción de magnífica factura no mundo das mafias da droga.

Encabeza o reparto Andy Lau. Acompáñano Daniel Wu, Louis Koo, Anita Yuen e Zhang Jingchu.

Vía KFC Cinema

99% colombiana

Corrupción en Miami

Non sei como empezar. Dáme algo de mal karma ou algo. Porque vou dicir cousas boas. Cousas moi boas, se se quere. E logo de ter soltado o que soltei de Ala… daquelo, pois que me sinto raro. Non quero ser un escravo do Imperio nin nada diso (aínda que hoxe xusto vimos de novo Clerks II, e un autónomo lembroume que de escravos nada, xente que aposta e se manexa no mundo universal, e as veces perde, xa sexa na Estrela da Morte II, ou no tellado dun mafioso con cara de neno –non ven a conto-).

Escomecemos: gloria de consumo no seu estado máis puro. 99% colombiana.

Continuemos: de libro, digna sucesora da serie, adaptación mellorable, aspirante á categoría de prata das pelis de accións e tiros. Ronin ou Heat pode que estean na categoría de ouro, por falar dalgunha de menos de hai dez anos. Michael Mann currouse máis o contar cun mellor guión en Heat, e, como me comentou CP, o final ten máis mérito… ou non. Por iso está mellor considerada, pero non moito. Que algo aprendeu no manexo da cámara e na fotografía que emprega. Pero sigamos…

Rematando: acción, toques de sexo, máis acción, música, coches (Ferrari botando lume… [imaxinádeme coma Homer babexando ó ver iso] ), lanchas, contrabando en avións, tiroteos, armas gordas, chulería, é que o ten todo! Menos guión. Pero non importa, non falla tampouco, recorren ó de sempre, en plan Bruce Lee, “Emprega o que funcione”: primeiro fanlla ós protas, logo os protas fanllas (en plural) ó malo, xa case están, pero o malo máis malo revólvese e aprétalle-los parafusos, e teñen que face-la machada final para quedar de guais. Tan sinxelo que é imposible que falle… se se ten oficio e se fai ben. E a estas alturas supoño que me concederedes que Michael Mann ten oficio, e o tal Anthony Yerkovich tamén o debe ter, porque fan nunha peli sen caralladas nin chistes en plan buddy movie algo “glande” (Pol dixit), quedándose, como se fora pouco, nunha sólida adaptación da mítica serie dos oitenta. Os polis infiltrados non van de graciosos, van de tipos duros, e trincan nas mozas, coma debe ser (impagable momento o de Rico coa súa; esa foi unha boa forma de meter humor). Etc., etc.
Consello: facede clic aquí, Colin Farrell merece ser visto, porque na peli non se aprecia del todo…
Jamie Foxx cumpre coa súa personaxe. Sempre me pareceu que Ricardo Tubbs era o máis dandi dos dous. E neste documento nótase dalgunha forma. Ou ó mellor son eu que teño prexuizos de cando vía a serie. Pero na peli xa digo, cumpre coma un campión (a escena da cama é que me fixo rir, de verdade).

Colin Farrell… inmenso. Ten semellante pinta de chulo que é que tira pa’trás. Xustiño o que tiña que ser. Pero gustaríame que se lle tivese visto dar un par de pancadas coma no enlace darriba. Aínda que ó final fai unha que merece a pena ser vista logo de seres rodada e montada.
E será mellor que vai parando, porque xa me empeza a tenta-la idea de ir comparando punto a punto esta xoia do cine hollywoodiense máis hollywoodiense con outra cousa que non é nin cine nin hollywoodiense nin nada. Sospeitaredes de qué falo…
Se vos gustan as pelis de polis e relacionadas, dende Arma Letal ata Conexión Tequila ou Operación Swordfish e demáis, esta tenvos que encantar. Porque chega moi arriba, en serio. Ou ó mellor era que viña eu de ter chegado moi abaixo, arrastrado por certa cousa innomeable (a partires de agora, que vai sendo tempo de comezar a esquecela).

E listo. Moi ben a peli. Moi ben. Polo que sexa. Saín contento do cine.

E coma detalle final, na fila xusto detrás nosa estaba todo un catedrático de Dereito Constitucional da USC, que para min que tamén o «pasou teta» pois quixo ver ata ós dobradores (que esa é outra…. pero estou tentando rematar sen entrar en comparacións… Deus, que difícil é….)
Último: houbo quen botou de menos un bicho na peli… adiviñade qué.
E final: que outros falen de Tosar.

Don Vitto

Casino Royale

Primeiro foi o teaser, logo o primeiro trailer e agora chega o segundo trailer. Canto máis vemos deste novo filme do axente 007 máis convencidos estamos nos nosos pensamentos. Este novo filme segue a liña dos protagonizados por Pierce Brosnan primando a acción por riba da espionaxe (non aprenderon nada da saga de Bourne) e tendo como piares fundamentais o coche e unha ghachonda saindo da auga. Tamén estamos cada vez máis convencidos de que Daniel Craig daría un bo axente do KGB, pero non dun ó servizo da Súa Maxestade.

Se po-lo menos inda chegara ós límites descacharrantes da orixinal se lle podería perdoar algo, pero parece que esta xente tómase en serio a si mesma.

Thandie Newton en Casino Royale, Charlize Theron en Casino Royale, Angelina Jolie en Casino Royale, Vilán e chica Bond en Casino Royale, O novo James Bond, Ás voltas de novo co novo James Bond, Ás voltas co novo James Bond, Casino Royale

Prototipo do novo KITT

KITT

Volve O Coche Fantástico, desta volta co fillo de Michael Knight coma protagonista.

Inda teremos tempo ata o 2008 para seguir coñecendo máis cousas deste prescindíbel proxecto.

Orlando Bloom e O Coche Fantástico

Trailer de 300

300

Inda queda alguén que non vira o trailer da agardadísima 300? Pois por se inda que da alguén aquí estamos nós para enmendalo. Aquí o trailer de 300.

E nesta outra páxina podedes ve-las similitudes entre as imaxes do trailer e a novela gráfica de Frank Miller.

Inda que pareza mentira vendo as imaxes e por toda a expectación que desperta ó seu redor a estrea nos EUA non está programada ata o 9 de marzo do 2007 (por estes lares a finais de marzo principios de abril). Así que só nos queda agardar con paciencia e ir disfrutando destas pilulas que nos soltan ós poucos de vez en cando.

300

Trailer de Eragon


Eragon semella unha mistura de As Crónicas de Narnia e Corazón de dragón. Non ten mala pinta, pero supoño que só para pasa-lo rato. E a tía está moi boa. *

Aquí téde-lo trailer.

Na páxina web está máis grande e máis espectacular. Paga a pena.

* ‘A tía’ é Sienna Guillory (Jill Valentine en Resident Evil. Apocalipse)

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.