Bandeiras, bandeiras e máis bandeiras
18 Marzo 2007Existen certos tipos de filmes nos que vas cunha predesposición de saber o que vas a atopar. Unhas veces levas unha grata sopresa e descubres que foi moito mellor do que agardabas e saes do cine cunha sensación de pasar un bo rato. Outras, nembargantes, pregúntaste iso de “Se sabía que era mala ¿Por que fun?” e saes máis cabreado aínda do cine.
Con Bandeiras dos nosos pais pasoume isto segundo. Non vou negar que tiña certas esperanzas. Clint Eastwood é sinónimo de calidade, pero ese medo de “nacionalismo” ianqui seguía sempre no aire.
Pero era de esperar. A historia está narrada polo fillo dun dos heroes de Iwo-Jima que foi enfermeiro (dende aquí, dou o meu total apoio para a inclusión da asignatura “Enfermería de combate“). Dúas horas e media cun montón de ianquis chorando porque a guerra é mala, un “temos que gañar porque somos os mellores ” constante, un intentar explicar que na guerra non hai heroes non conseguido e centos e centos de imaxes con centos e centos de bandeiras americanas (¿terá algo que ver o título da película?) que o meu daltonismo volveuse vermello, branco e azúl. Esperemos que Cartas dende Iwo Jima (a parte xaponesa) se deixe de tanta trapallada e solucione estas carencias.
Tampouco non vou negar que moitos críticos dirán que é unha obra mestra, que ten unha fotografía maxistral, que a historia está moi ben levada e que os contínuos ” flashbacks” non marean á xente. É certo, pero debe ser que por estes lares ese sentimento ianqui non nos vai moito.
A vantaxe que ten é que existe moita experiencia nesto do cine bélico da Segunda Gran Guerra, polo tanto, esa experiencia consegue que as esceas bélicas sexan sublimes. A axuda da infografía converte todo tipo de esceas en algo espectacular e grandioso (a escea do bombardeiro naval é impresionante). A lástima é que soamente dure uns trinta minutos e, ademáis, ó principio do filme, polo que ó converte máis lento aínda.
¿Teño autoridade moral para recomendala? Non o sei, pero os fans do cine bélico ó mellor poden entreterse un pouquichiño, para os demáis, case recomendo que de vela, sexa no cine, xa que nun DVD na casa acomodado no sofá, ten o perigo de converterse nunha boa sesta, iso sí, con soños en vermello, branco e azúl…
Diefer Casan