"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Maratón de Pesadelo en Elm Street. Parte 2

Pasou só un ano desde que se estreara Pesadelo en Elm Street e xa temos secuela. En 1985 estréase Pesadelo en Elm Street II que conta cun subtítulo pouco orixinal pero moi propio para a ocasión: A vinganza de Freddy.

E é que efectivamente, Freddy regresa para vingarse e vaino facer na que posiblemente sexa o filme máis “raro” na saga. O novo filme ven firmado por Jack Sholder (que un par de anos despois acadaría certo recoñecemento internacional no mundiño do xénero por dirixir Oculto) e está escrito por David Chaskin. E o certo é que se van cargar unha grande parte das “normas” establecidas na primeira parte da saga. Este feito, que podería parecer intrascendente vai obrigar a vindeiros guionistas a darlle uns cantos xiros extraños ós argumentos de posteriores filmes para que todo teña máis ou menos lóxica.

O caso é que na ficción pasaron xa 5 anos da primeira matanza en Elm Street e non queda nin rastro de Nancy nin da súa familia. O único que recoñecemos da zona é a mesma casa, que ten novos inquilinos, entre eles un mozo adolescente, Jesse (Mark Patton), que será o noso protagonista. O rapaz comeza a sufrir pesadelos no momento en que se muda á súa nova casa e pouco a pouco vai descubrindo que as paredes onde vive teñen un pasado escuro.

O filme non aporta ningunha novidade sobre o pasado de Freddy e o noso protagonista vai descubrindo o que precisa gracias a un diario de Nancy Thomson que atopou no fondo dun armario. Ata aquí, a cousa colaría, máis ou menos, o malo é que Freddy en lugar de matar ás súas victimas nos sonos como viña facendo, vaise pasar á moda da posesión e vaise dedicar a entrar e saír do corpo para matar na realidade. Esto non so vai contra o que era a personaxe, senón que vai marcar unha tendencia que terá repercusión nos posteriores filmes: a necesidade dun intermediario, por parte de Freddy, para chegar ás súas víctimas.

A esto podemoslle sumar uns cantos elementos desmadrados do filme como uns periquitos caníbales que morren por combustión espontánea, uns cadelos mutantes ou un local de ambiente, non sabemos se gay ou sadomaso, que é frecuentado polo profesor de educación física e que non entendemos moi ben que pinta un sitio así na pequena vila de Springwood. E xa postos a poñer defectos, nesta parte, vemos a peor maquillaxe de Freddy de toda a saga (xunto coa 5 que tamén ten delito).

Resumindo, un filme que estorba máis do que aporta dentro da saga dos pesadelos pero que aínda así se deixa ver. A resolución final, seguindo a estela da primeira parte, segue a ser un tanto inocente, ademáis, neste caso é pouco orixinal.

Curiosidades moi moi frikis.

  • Nesta parte temos un bo feixe de curiosidades comezando pola secuencia inicial. Vemos un autobús escolar que abre as súas portas. Nese momento podemos apreciar que o conductor do autobús é Robert Englund. Pero a cousa non remata aí, porque uns segundos despois vemos un plano desde o interior do bus onde sae o conductor de costas. Nese plano, o conductor ten o pelo loiro e bastante longo, o que contrasta co pelo curto de Englund. Esto fai que nos salte a dúbida de se se trata dun fallo de racord ou se Englund tiña máis pelo do que pensabamos.
  • Sen sair dese autobús vemos máis cousas curiosas. No fondo do mesmo vemos un figurante con pinta de flipado que ten unha radio enorme que xesticula de forma esaxerada. Se nos fixamos un pouco notaremos que nos soa a súa cara. Efectivamente: é Jack Black!!! (e non sae nos créditos).
  • Esta é a única parte de toda a saga na que non aparece a melodía orixinal que Charles Bernstein compuxo para o primeiro filme. E en canto á cantinela orixinal vemos as primeiras variacións: 1-2 Freddy viene a por ti (primeira vez que o escoitamos), 3-4 cierra la puerta “con llave” (un engadido), 5-6 coge “tu” crucifijo (outro engadido).
  • Nunha das paredes do cuarto dun dos colegas de Jesse podemos ver un poster dos Stray Cats. É do disco Built for Speed de 1982. Cando se rodou Pesadelo en Elm Street II, en 1985 a banda xa estaba oficialmente disolta.
  • Esto máis que unha curiosidade é un superlercheo para marughóns. Na primeira parte de Pesadelo en Elm Street aparece nos créditos unha auxiliar de producción chamada Rachel Talalay. A medida que van avanzando as partes da saga, esta muller vai ir ascendendo peldaños de auxiliar a axudante de aí a xefa e así sucesivamente ata ser a directora da 6ª parte. Esto deixa de manifesto que os EE.UU. son a terra das oportunidades.

Continuará…

Fagot

Comments are closed

 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.