"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Agosto, 2007

Planet Terror

O primeiro de todo amosa-la miña repulsa a de tódo-los colaboradores deste bló po-lo tratamento dado po-los distribuidores ó proxecto Grind House de Rodríguez e Tarantino.
Como moitos saberedes estes dous tolos da serie Z e demáis bizarradas quixeron rendirlle unha homenaxe ás grind houses, salas de cinema nas que se proxectaban sesións dobres de todo tipo de filmes dende terror, plotation en xeral, eróticos festivos, kung-fu e moitas outras alfaias que hoxe consideramos cinema de culto. Pero parece ser que ás distribuidoras non lles gustaba a idea e decidiron separar os dous filmes, facendo que o proxecto quedara en simple anécdota. Moito se reblanceceron os miolos dalgúns dende os anos 70.

E así comeza Planet Terror cun tráiler ficticio dun filme chamado Machete, protagonizado por un dos secundarios malos máis famosos: Danny Trejo, ó que nós cariñosamente chamamos Cara de Can. Machete é unha historia desmadrada de violencia, mafias, xiros de guión, sexo, tiros, explosións e dende xa queremos ve-lo filme enteiro! (Non confundir con este outro Machete)

E seguindo na mesma liña Planet Terror ofrécenos violencia, mutilacións, sangue, pus, vísceras, cachondas, heroes do lado escuro e todo tinguido cunha estética, unha fotografía e un tratamento que retrotraenos a outros tempos do cinema.

O filme comeza como nos mellores clásicos do xénero, unha chapuza duns militares corruptos deixa libre un virus que convirte á xente en mutantes antropófagos. E aí xa a temos liada. A partir de aquí presentación dos personaxes, creación do grupo de heroes á forza e orxía de destrucción e morte.

En cada detalle do filme nótase que Robert Rodríguez está facendo o que lle gusta e que sabe do que ‘fala’, que é un verdadeiro fanático da serie Z, o pulp e demáis produtos dos pop de derribo. E non perde ocasión en amosarnolo: a apariencia de cinta vella durante todo o filme que incluso córtase na metade e quedamos sen metraxe, a construción dos personaxes e as súas accións sen sentido pero necesarias no conxunto do filme, grandes frases para a posteridade e toda unha lista sen fin de pequenos e grandes detalles que son un homenaxe dobre: por unha parte ós autores das obras orixinais coas que medrou Robert Rodríguez e nas que se inspirou e por outra a tódo-los cinéfagos amantes destes.

Non sain do cine coa sensación de ver un peliculón pero si de ver algo feito con agarimo e que coido que disfrutarei máis nun segundo visionado.

ifrit

Non deixedes de le-las críticas de: absence, uruloki e la petite claudine

Para comezar a semana nada como unha boa selección de tráilers para tódo-los gustos.

Angelina Jolie cunha trenza? A terceira parte de Tomb Raider?! Non, tranquilos. É o póster promocional de Beowulf, unha nova revisión do mito nórdico.

E que queredes que vos diga, visto o tráiler non é que me emocione. Nin sequera tendo no reparto á propia Angelina (nai de Grendel), a Anthony Hopkins (rei Hrothgar), Crispin Glover (Grendel), John Malkovich (Unferth)… ou a Neil Gaiman e Roger Avary nos guións ou a Robert Zemmeckis na dirección (será isto o que me mete medo?)

Preguemos para que non sexa tan infame como o Beowulf de Christopher Lambert; pero coido que está mellor, inda que a temos pendente de ver, a versión islandesa, Beowulf & Grendel.

Teremos que agardar ata o 30 de novembro para sair de dúbidas.

Golpes, patadas, puñadas, xeonllazos, piruetas imposibeis, stunts mortos a ducias, efectos especiais a esgalla… Queredes saber máis? Pois é do outro loitador tailandés esperanza dos filmes de artes marciais, Dan Chupong (de Nacido para loitar) e as coreografías de Panna Rittikrai (Ong Bak). Ah! pero que queredes saber de que vai? (seguro?) Pois vai dun campesiño ó que lle arrasan a vila e vai buscar vinganza buscando ó lider dos malos malosos, pero entón descubre que o malo non é humano e a única maneira de vencelo é (seguro que queredes sabelo?) con sangue de regla de moza virxe.

Todo isto teríamolo aforrado se virades o tráiler de Dynamite Warrior.

01-18-08 este é o nome pouco clarificador dun dos novos proxectos de J. J. Abrams, creador de Perdidos (o proxecto tamén recibe os nomes de Cloverfield ou The Parasyte [será isto?]). Os rumores en internet non deixan de medrar:

Vía: chuza! e Xeración Web

O On & Off de Ribadeo acollerá a rodaxe da curta máis rápida do audiovisual galego.

O venres 3 de agosto comezará en Ribadeo a rodaxe de “Límite 12h.” unha curtametraxe que supera tódolos límites de velocidade, xa que está concebida para ser escrita, preproducida, rodada, montada, publicitada, exhibida e presentada a un festival de curtas nun tempo de 12 horas.

O proxecto que se desenvolverá integramente dentro do marco do Festival On & Off de Ribadeo estará escrito e dirixido por Marcos Nine e contará coa participación de Quique Batet na producción, Ximena Losada como encargada da difusión, Martín Vázquez no son e Fran X. Rodríguez na montaxe e a postproducción.

O argumento de “Límite 12h”. está a medio camiño entre o ducumental e a performance, xa que a curta contará xustamente como produce unha curtametraxe contrareloxo. Así cada unha das secuencias do filme estarán marcadas polas incidencias reais que tiveron os seus protagonistas para poder ilustralas nesta curta.

O inicio da producción está previsto para as 19.00h. do venres día 3 de agosto e terá que estar entregada á organización do festival antes das 12.00h. do sábado día 4 para poder entrar a concurso.

Que o futuro do cinema pasa po-la curtametraxe é algo que hoxe en día xa ninguén discute. A tódo-los niveis (experimetal, argumental, calidade, etc.) é no eido das curtametraxes onde o cinema segue a bulir como unha fábrica de soños e non como unha fábrica de cartos, remakes, refritidos, onanismo e outras historias que trufan a escena actual do cinema (non só comercial). Mentras «a industria» loita contra internet, as curtas fan desta o seu medio natural de nacemento, vida e reprodución. Sen dúbida dúas formas moi distintas de entender isto do cinema.

É neste panorama no que en Galicia agroman iniciativas relacionadas cas curtas case en tóda-los recunchos: Curtocircuito (Santiago), Curtas na Rede (internet), CurtasGZ (Pontevedra), Festival de Cans (Porriño), Certame Audiovisual de Vilagarcía (Vilagarcía de Arousa), Nada sobre nós sen nós (Boiro) e o que se está a celebrar agora mesmo, o On & Off de Ribadeo.

E é nesta última cita na que un dos colaboradores de CINEMA FRIKI vai levar a cabo esa idea tola que tedes relatada máis arriba (por algún sitio xa falan de facer unha rodaxe paralela dunha de zombis)

Dende aquí queremos darlle-lo noso apoio a todos eles, tanto ó seu traballo anterior como a tóda-las súas novas iniciativas e propostas que renovan e enriquecen (isto parece un anuncio de pastillas de caldo) o panorama do audiovisual galego e fan un pouquiño máis grande esa tolemia de soñadores para soñadores que é o cinema (e máis se é amateur)

No bló do proxecto poderedes seguir hora a hora o desenvolvemento, fotos, anécdotas e pronto o produto final.

A cousa promete e moito. Case tan bo como se estivera feito por fans.

Aquí o tráiler.

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.