Discovering Dario Argento
2 Setembro 2007Se A Raiña dos Mortos (pode que algún día escriba por aquí) atopa un pack de tres DVDs do mestre Dario Argento por 6 ouros, pois nosoutros non temos outra opción que velos.
A continuación paso a repasar dous dos títulos de distintos xéneros e de dispar calidade.
Demons (Lamberto Bava, 1985)
Farán dos cemiterios as súas catedrais e as cidades serán as vosas tumbas
Comezamos mal, o filme non é de Dario Argento propiamente dito, o mestre só participa como guionista. Pero o tal Lamberto Bava é bo amigo do mestre e mantén a mesma liña que este.
O filme comeza cunha desconcertante escena no metro, todo para levarnos ó punto onde se desenvolve a historia, un cine nun día de estrea. E alí mesmo, non hall do cine, empezamos a coñecer ós distintos personaxes. No centro da escena unha moto ca máscara prateada dun demo colgada e unha catana.
O filme de estrea é unha historia de terror adolescentes onde un grupo de parellas atopan un libro de Nostradamus cheo de profecías e tamén atopan unha máscara igualiña á do hall (tan igualiña que é a mesma) é o contacto co sangue converte á xente en demos. Ó principio xa vimos como alguén facía unha pequena ferida xogando coa máscara, así que desta maneira vemos como a maldición salta da pantalla á realidade (viva o metacinema!). Os filmes de Dario Argento son pura carambola.
No filme hai pequenas tramas persoais sen demasiada trascendencia pero que engaden bizarrez ó discurrir da historia.
E de aquí en adiante, sangue, mutilación, violencia e malas ideas (o típico de “Non, non! Non o fagas!” e vai e faíno… Mala idea) O filme está cheo de escenas a medio camiño entre o grotesco e a hilaridade, de frases para a memoria, decisións nefastas e un cine onde se realiza unha estrea que parece un búnker infernal.
O filme ten varios momentos cúmio dos que salientarei dous:
- A situación é desesperada. Os posesos xa son maioría e non dan atopado ningunha saída. Os protagonistas están na sala principal do cine e de repente rómpese o teito e cae un helicóptero. Sorpresa! Toma carambola! Pouco importa que o teito teña uns catro metros de grosor e sexa formigón. O que segue xa o podedes imaxinar. Conseguen acender o aparato xusto cando chegan os demos e así deleitarnos cunha preciosa escena de picadillo de carne e chuvia de sangue (unha deliciosidade parecida puidémola disfrutar recentemente en 28 semanas despois)
- Recordades que no hall había unha moto e unha catana promocionando o filme? O que seguro que non esperabades é que a moto tivera gasolina e a catana estivera afiadísima. Que mellor escusa para que o cachas da historia poda interpretar unha espectacular escena de destrucción motorizada antes de morrer.
E a película remata de súpeto, deberon quedar sen orzamentos. Dous salvan a vida e Berlín (si, era Berlín) queda baixo o dominio do posesos.
Pero tranquilos, hai Demons 2 e promete ser tan entretida como a primeira (Coido que Demons 3, non é unha secuela e que só aproveita o nome)
O gato de 9 colas (Dario Argento, 1971)
A pesar das frases que na portada anunciaban hiperviolencia e intriga a partes iguais, O gato de 9 colas é un filme de asasino en serie no que os protagonistas e o espectador non se enteran de nada, e así pasa o que pasa, que chegan tarde a todo e incluso están a piques de ser eles mesmo vítimas.
Unha trama farmacéutica, un xornalista que se mete en todo, un home cego que deseña crucigramas e xeroglificos e o seu sobriño lazarillo, belas mulleres e personaxes que pasaban por alí. O filme váise desenvolvendo engadindo máis e máis información (a maioría inútil) e os sucesos transcurren sen moita explicación.
E cando a maioría dos sospeitosos están mortos, nosoutros a piques de apaga-lo DVD e fixos de que o neno é o asasino, descúbrese todo nunha escena final sen moito sentido. Máis carambolas.
Inda que o filme deixa bastante que desexar en comparación con outros traballos de Argento, este é considerado un dos iniciadores do subxénero do cinema giallo, un subxénero principalmente italiano e no que precisamente as súas señas de identidade son os títulos enrevesados e con pouco sentido (a referencia ó gato de nove colas que fan no filme é de risa), misterios e despiadados asasinos en serie, intriga e unhas tramas e desenlaces bastante tramposos.
ifrit