"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Outubro, 2007

Isto de face-la introdución cada vez é máis complicado, tódo-los días son moi semellantes.

Erguinme, fun de paseo, escribín a crónica do día anterior, comín un pintxo de lombo con pemento e pementos caseiros recheos (non me preguntedes de que) nun bar de barrio de Irún e de aí a ver cinema e máis cinema.

La Criatura Perfecta. (Nova Celandia) Non vos podo contar moito deste filme porque quedei durmido (fago máis cousas das que conto neste bló), mais si vos podo dicir que ten moi boa pinta. Os vampiros (Irmáns) e os humanos viven en perfecta armonía, inda que estes miran con desconfianza ós primeiros a pesar de que levan máis de 300 anos sen matar (organizados en forma de igrexa viven en simbiose cos fieis) E aquí empeza unha historia de asasinatos, investigacións, virus do que non vos podo contar moito. Sen dúbida o máis interesante desta proposta é que a historia desenvólvese nunha ambientación steam actual, alonxándose doutras historias de vampiros recentes coma Blade, Underworld ou Dracula 2000 cunha estética futurista.

O que non conseguín descubrir foi a conexión que anunciaban no cartace: «Dos creadores de O Señor dos Aneis».

Storm Warning (Australia): Traslación do clásico da American Gothic de urbanitas atopan familia de paletos túzaros a Australia. Parella pérdese navegando, atopan unha casa, chegan os donos, os donos son uns tarados psicópatas, a cousa desmádrase, sangue, sangue, angustia e carreiras. Nada novo mais pasas o tempo.

Para cear bocadillo de tortilla de atún do Juantxo (a este ritmo vou probar toda a carta)

Dainniponjin (Xapón): De momento a grande descuberta do festival. Non hai palabras para describila (po-lo menos sen contar de que vai, cousa que non vou facer por que este filme hai que velo virxe) Tamén teño que dicir que o principio é moi desconcertante e se non estiveramos nun cine para vela ex profeso non chegaríamos a ver máis de 10 minutos. Altamente recomendábel para fans de Bobobo-bo bobo-bo.

E preparádevos, que hoxe toca Halloween/Samaín/Día das Cabazas! (cando chegue a casa haberá fotos)

Donosti. Día 3. Frouxo

Manter o nivel tan alto non é nada fácil e hai días mellores que outros.

Onte tocaba maratón, pero o nivel non foi nada do outro mundo.

Curtas españolas. O futuro (tamén o presente) está nas curtas inda que nesta ocasión non houbo ningunha cousa sobresainte. Plastilina e kriters, pombas e asasinato marcha atrás, reinvindicando o dereito a ser raro e fan de Eduardo Manostexoiras, La Hora Chanante (chanante!), euskadi profunda, un Mars Attacks con theremin e Alaska (sobresainte os marcianos), animación artística, gore burro e animación minimalista. Os directores que puideron asistir foron presentando as curtas.

E logo tres filmes (case) dunha sentada.

Sei quen me matou. Telefilme dos de A3 os sábados despois do xantar. Mala de solemnidade. Só para fans de Lindsay Lohan, ou algún perdido de Julia Ormond (e para os máis enfermos tamén sae Neal McDonough.)

1408. Só con contar como protagonista con John Cusack e Samuel L. Jackson de secundario este filme xa ten algúns puntos deste bló. O clásico da casa encantada reducido a unha soa habitación. Non é nada novo pero si que está moi ben feita e mantenche co corazón nun puño e dándolle voltas á cabeza.

Ha historia é sinxela. Un escritor escéptico non cre na lenda dunha habitación dun hotel maldita. E claro, a habitación está maldita que se non non habería película, e aí temos ó bo de John Cusack puteado po-la habitación dubidando entre a realidade e fantasía.

O outro. Disque un clásico do American Gothic a reivindicar. Eu coido que escoitei algo que non debía no descanso e non me chistou nadiña. Eso si, os nenos seguen no número un de fillos de mala nai nos filmes de medo. Para ver e opinar.

Unha familia de orixe ruso vive nunha lugar indeterminado dos profundos estados unidos onde a imaxinación dos nenos e as mortes desatadas ó seu arredor sobresaltan a súa apacíbel e tranquila existencia.

Para equilibrar o baixo nivel bocadillo de txistorra do Juantxo (haberá que ir cambiando)

Para coller forzas nada mellor que ir comer a un caserío, neste caso Susperregui. Alá­, non alto dun monte nunha paisaxe idí­lica chea de piñeiros. Pratos combinados, bocadillos, sidra, bo peixe, mellor carne. Eu quedei cunha ensalada mixta e unhas costelas de tenreira. Rico, rico.

E co bandullo satisfeito a mogollón!

Contos de Terramar. Comezamos a tarde coa primeira pelí­cula do fillo de Hayao Miyazaki, Gosho Miyazaki, e que conta coa participación de Carlos Núñez na súa banda sonora de inspiración irlandesa. E pouco máis interesante pódese dicir deste filme de animación que calca o estilo propio do estudio (cando non o copia de cintas como Nausicaa, eses gardas, esas capas…) e troca a mensaxe ecoloxista do pai por unha de amor á vida para tardoadolescentes con tendencias emo e/ou suicidas.

Descanso e bocadillo de tortilla de pataca rechea de txaka máis caña, outra vez no Juantxo (cando tes presa hai que ir a tiro fixo)

Resident Evil 3. Extinción. Non gustei demasiado da primeira e xa non vin a segunda, da que tampouco me falaron moi ben, pero podo dicir que gustei desta terceira entrega rendida ó xenero zombi sen ningún tipo de complexos.

Os Estados Unidos están a piques de sucumbir baixo o avance dos infectados po-lo virus T. Só quedan que saibamos os investigadores do Proxecto Umbrella que buscan unha cura, unha caravana de civí­s e Alice.

Ambientada totalmente nun mundo post-apocalí­ptico o filme ofrécenos grandes escenas de loita zombi, sangue, casquerí­a, mortes espectaculares, sangue, moita sangue e algún ataque tipo Matrix, que agora Alice é a elixida. Un argumento sinxelo pero efectivo oportunamente adobiado cos mellores tics do xénero.

E preparádevos, que chega a cuarta parte en Tokio. Que manteñan a liña.

E máis zombis. Primeiro da man dunha simpática curta arxentina, El acomodador de zombies. Os mortos voltan á vida para ver a estrea da Noite dos mortos vivintes en 3D. A guerra continúa.

O Diario dos Mortos. E chegou a esperada última cinta do mestre Romero. Se algún dixo que a fin do mundo será retransmitida por televisión, Romero retorce a idea un pouco máis e chegamos a que a invasión zombi será retransmitida por blós, youtube e myspace.

George A. Romero preséntanos a que posíbelmente sexa a súa obra máis claramente social. Rodada cámara ó ombreiro e mesturando imaxes de cámaras de seguridade, webcams e móbiles o filme é un falso documental que amosa a escapada dun grupo de estudantes que gravan todo o que lles pasa mentras reciben información por todos lados mais non saben o que está pasando realmente.

Sen dúbida toda unha reflexión sobre a era da información, os medios en internet e demáis, pero no nivel zombi non aporta nada do que se lle pide a alguén da talla de Romero. Disfrutar disfrutamos, tranquilos.

O que vén a continuación non sei como describilo ben. O propio Hideshi Hino presentou o filme: «Seguro que queredes vela? Sodes uns valentes!» Estaba a falar de Guinea Pig: Flowers of Flesh and Blood, filme famoso no seu tempo pois corría o rumor de que era unha snuff movie e esas cousas.

Nada máis lonxe da realidade. O que puidemos ver era un filme de baixísima calidade raiando o ridí­culo. E é aquí­ onde se fai notar o valor engadido deste festival. A platea e o balcón convertiuse nunha chea de comentaristas espontáneos facendo que o que noutro lugar serí­a motivo de fuxida en masa aquí­ sexa unha exaltación da violencia e a sangue gratuita e un non parar de brincadeiras alusivas.

En definitiva, non recomendo perde-lo tempo vendo este filme de 50 minutos mais si recomendo enfervorecidamente vir a Donosti.

Donosti. Dí­a 1

Xa estou aquí! Non foi sen tempo!

Dí­a 0. A viaxe

Once horas de tren! As nove primeiras ben, lendo e aprendendo con Mondo Brutto e rematando a pesadez de libro El guardián entre el centeno. Coido que inda non o fixen aquí­ pero recoméndovos a tódo-los que nunca o fixéchedes ler Mondo Brutto, con tres números aprendes máis que en toda a Primaria xunta e metes na cabeza máis merda que vendo A3 e T5 durante unha semana. Incrí­bel! (mais certo) E nas dúas últimas horas xa se empeza a nota-lo cansanzo. Falaría do que gusto de viaxar en tren, mais non estamos aquí­ para iso.

Chegada á estación, recibimento familiar e a cear a un restaurante chinés.

Antes de cear nada mellor que unha cervexa e uns pintxos, neste caso uns bolitxes (ou algo parecido), en Juantxo, disque as mellores tortillas de patacas (eu dou fe de que están ben ricas)

Si, estades no certo, esta vai ser unha crónica cinematográfica/gastronómica. Non podí­a ser doutra maneira neste paí­s.

O chinés é nin máis nin menos que o restaurante do presidente da asociación de hostaleiros chineses de Donosti (ou algo parecido, e non recordo o nome), un tipo singular. O restaurante é como de semiluxo (po-lo menos comparados cos de Compostela), con camareiros superatentos e moi simpáticos. As racións son realmente abundantes e eu saín a rolos. Ademáis poñen para picar ó principio e melón e ananás despois da comida todo de balde (atención ós ananás cortados dunha maneira imposí­bel). E chupitos, e cava e… bueno, que non é un deses sitios nos que tes que comer ás carreiras e andan enriba de ti para que marches.

DÍ­a 1. Inauguración

Vai fresco pero tamén vai sol. Todo moi agradábel para disfrutar desta preciosa cidade.

Hoxe comín na casa da miña tí­a e non vou facer crí­tica gastronómica diso. Só direi que estaba moi rico.


Empeza o festival. Está todo a rebentar. Para ir quecendo o ambiente unha representación na rúa enfronte da porta do teatro. Unha calesa con seres demoní­acos no interior e o mesmí­simo prí­ncipe das tebras liderando un espectáculo de danza e música. Estades todos condenados!!, berraba a súa maxestade.

E xa entrados en calor imos para dentro. O meu sitio está no balcón arriba de todo nunha esquina, un pouco esquinado pero vese ben (este vai se-lo meu sitio para todo o festival)

A presentación está a cargo dun dúo cómico local e do director do festival. Po-lo medio presentan Ó xenial mangaka Hideshi Hino que fai unha demostración con catana e traxe ninja (a serio!). Remata a cousa cunha representación moi do gusto do público presente no que unha rapaza de boa familia guiputxi É posuída por un espírito bilbaíno (pode dicir as paradas do metro de Bilbo todas de seguido) e correctamente exorcizada por dous curas ataviados con sendas bufandas da Real.

E chega o cinema.

Empezamos con dúas curtas a concurso. As dúas de animación que mesturan o fantástico e o humor. Para votar temos o Monstruómetro.


E chega o prato forte do primeiro dí­a. Karra Elejalde e Nacho Vigalondo presentan o seu filme. Parcos en palabras dan paso á acción.

Los Cronocrímenes é sen dúbida un filme arriscado dende a súa concepción ata a súa finalización. Unha historia con saltos no tempo e só catro actores. Un thriller minimalista en canto ós seus plantexamentos que manteñen ó espectador pegado á butaca e todo o tempo dándolle á cabeza para seguir a trama.

Para facer un pequeno resumo o filme conta a historia de Héctor, un home que vai vivir coa súa muller a unha casa no medio do monte e un dí­a cuns prismáticos ve a unha moza espirse e vai buscala. Cando a atopa a moza está inconsciente e totalmente espida (ó final é un filme español, ten que haber tetas) e é nese intre cando un home coa cara cuberta cunha venda rosa o agrede e comeza unha persecución po-lo monte. Así­ ata chegar a un estraño complexo cientí­fico onde un científico non menos estraño dille que se agoche na máquina na que estar a traballar. Comezan as viaxes no tempo, pero Só unhas poucas horas Atrás. E as copias de Héctor… O dito, un thriller de enredo con catro actores.

Recordar que Los Cronocrímenes é a primeira longa de Vigalondo e que a súa factura é moi boa. Os actores encaixan perfectamente (entre eles o propio Vigalondo, actor de vocación). Non chega ós niveis de Primer, mais máis de un necesitará un croquis para entendela.


Descanso. Pulso ó ambiente. Hideshi Hino asina o meu exemplar de O neno gusano. Bocadillo de tortilla de patacas do Juantxo.

E toca meterse en vea tres capÍ­tulos de Masters of Horrors. Os dous primeiros (The Washingtonians e The Screwfly Solution, de Joe Dante) teñen pouco de horror e son máis ben comedias sanguentas. Sen dúbida a terceira é a mellor, dirixida por Dario Argento semella un terrorífico anuncio de PETA. En Pelts Argento saca tóda-las súas armas e amósanos a súa condición de vello verde sen miramentos. Nós agradecémolo.

Fin do día 1.

Anexo. Pack do abono.

O abono, ademáis de dar pase a tóda-las sesións dos dous teatros máis Ás festas inclúe unha serie de agasallos.

Dous libros (un é American Ghotic, exhaustivo repaso ó cinema americano de terror máis propio) e dous fanzines/revistas, unha é 2.000 maníacos, a veterá publicación nunha edición especial do festival con contidos xeniais; e a outra é InterZona (po-la que me pregunta Absence) que inda non lin, pero que vos podo dicir que trae un par de artigos (Hernán Migoya, Jesús Palacios, John Tones…) e varias bandas deseñadas de David Rubín, Hideshi Hino, Kano, etc. En próximas entregas máis detalles.

Pois iso que CINEMA FRIKI estará na XVII Semana de Cinema Fantástico e de Terror de Donosti.

Inda non se sabe se haberá conexións en directo co bló.

O programa é máis que atractivo:

E quen sabe, ó mellor despois disto fechamos o chiringuito.

Sitges 07. En directo

Xa sabedes que en CINEMA FRIKI fuximos dos críticos e demáis xentalla e preferimos fiarnos de espectadores coma nós (e se teñen gustos parecidos ós nosos mellor que mellor). Por iso recomendamos segui-la evolución do Festival de Sitges da man de blós amigos como El blog ausente, Tierras de Cinefagia ou o do propio Nacho Vigalondo.

Isto é o que levan comentado ata o momento:

Desde Sitges con ardor (I): Rolda de prensa de presentación

La Miriloto: apostas de Lord Absence

Listado de películas 1 e 2, en Tierra de Cinefagia

Desde Sitges con ardor (III). El Orfanato (en realidade é a II)

Desde Sitges con ardor (III). Stardust

Desde Sitges con ardor (IV). [-REC] (non ler! SPOILER!!)

Superflato Vigalondo acaba de aterrar e inda non cre o de Austin

Desde Sitges con ardor (V) Pase frustrado de It is fine, everything fine, de Crispin Glover

Desde Sitges con ardor (VI) The Fall

Desde Sitges con ardor (VII) The Last Winter

Desde Sitges con ardor (VIII) Hell’s Ground Gore pakistaní

Desde Sitges con ardor (IX) O medo aniña no que non se comprende

Desde Sitges con ardor (X) A tecnoloxía e os acomodadores

Desde Sitges… (I) Senseless, Aparecidos e a curta Go’el (o colega Yume vai de V.I.P.)

Desde Sitges con ardor (XI) Diary of Dead Chega o último de Romero

Desde Sitges con ardor (XII) Dead Silence O director de Saw e bonecos de ventrílocuo

E o festival de Sitges faise ‘madurito’ de verdade cumprindo corenta anos. Que para unha persoa é media vida, pero para un festival son anos e anos, e filmes e filmes, e premios e anécdotas, e acertos e errores, de todo.

Bueno, na páxina web non din nada (en xeral está un pouco desatendida), pero vendo o cartace parece que entre outras cousas celebrarase o 25º aniversario de Blade Runner e de Tron.

Pero fagamos un pequeno repaso (non exhaustivo) ó que nos ofrece este ano o festival:

Gala de inauguración e clausura:

Para abrir unha nova produción de Guillermo del Toro, dirixida por J. A. Bayona e interpretada por Belén Rueda, Fernando Cayo e
Geraldine Chaplin, entre outros. Disque é un drama con toques de terror. Vendo o tráiler parécese demasiado a Os Outros de Amenábar, pero por outra parte aparecen eses nenos con cabeza de boneco que meten bastante medo.
E para cerrar unha á que xa fixemos referencia por aquí, 1408, baseada nunha novela de Stephen King e interpretada por John Cusack e Samuel L. Jackson. Pinta ben.

Sección oficial Fantàstic:

  • L’interior (Inside): Dúas palabras: splatter francés.

  • Los Cronocrímenes: Recén chegado do Festival de Austin co premio baixo o brazo Nacho Vigalondo presenta a súa primeira longametraxe, coa participación de Karra Elejalde, Candela Fernández, Bárbara Goenaga e o propio Vigalondo. Persoalmente téñolle moitas ganas. Botádelle un ollo ós teaser-tráilers 1 e 2.
  • A habitación de Fermat: Intriga matématica dirixida por Luis Piedrahita e Rodrigo Sopeña, interpretada por Santi Millán, Lluís Homar e Elena Ballesteros. Catro matemáticos son invitados a resolver un problema con só dúas preguntas: que os une e por que alguén os quere matar.
  • Halloween: Rob Zombie atrévese a refacer un dos grandes clásicos do terror do mestre Carpenter.
  • I’m a cyborg, but that’s ok: Un novo filme do autor da triloxía da vinganza, Park Chan-woo (Sympathy for Mr. Vengeance, Old Boy e Lady Vengeance). Cunha mistura de xéneros típica do lonxano oriente contanos a historia dunha rapaza que cre ser un robot de combate.
  • Musishi: Katshuhiro Otomo atrévese agora ca imaxe real e ademáis cunha historia de época misturada con seres sobrenaturais. Baseada no exitoso manga de Yuki Urushibara do que xa se fixo unha versión animada.
  • [-REC]: Un dos directores españois máis entregados ó xénero de terror presenta a súa nova proposta: un filme impactante no que un equipo de televisión acompaña a unha brigada de bombeiros nunha saida. Xénero? Terror, of course.
  • El rey de la montaña: thriller de atmosfera agobiante dirixido por Gonzalo López-Gallego que conta con rostro coñecidos como os de Leonardo Sbaraglia ou María Valverde. A típica historia de persoa perdida en inquedante bosque sen saida, mais promete sorprendentes xiros de guión. Nada é o que parece.
  • Sukiyaki Western Django: Non hai xénero co que Takeshi Miike non se atreva, desta volta é unha mistura de spaghetti western e jidaigeki (filmes costumbristas de época), todo cunha estética e uns decorados moi particulares. Miike non deixa de sorprendernos.
  • Teeth: Dúas palabras: vagina dentata. Xénero: terror adolescente gore.

Sitges 07. Os inicios

Todo ten un comezo e os comezos do Festival Internaciona de Cinema de Catalunya (a.k.a. Sitges) están fielmente recollidos nunha serie de entradas realizadas por Lord Absence.

Acompañan ás entradas os correspondentes cartaces de cada edición e abundante material escaneado de publicacións da época que vos farán sentir como se estiverades alí.

    Do que levo lido o que máis me chama a atención é ese feito bizarro ou síntoma de cinefília en grao sumo de proxectar os filmes en versión orixinal e sen subtítulos, xa foran estes chineses, alemáns ou rusos.

     

    About Author

    CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.