Donosti. Día 2. Invasión zombi
29 Outubro 2007Para coller forzas nada mellor que ir comer a un caserío, neste caso Susperregui. Alá, non alto dun monte nunha paisaxe idílica chea de piñeiros. Pratos combinados, bocadillos, sidra, bo peixe, mellor carne. Eu quedei cunha ensalada mixta e unhas costelas de tenreira. Rico, rico.
E co bandullo satisfeito a mogollón!
Contos de Terramar. Comezamos a tarde coa primeira película do fillo de Hayao Miyazaki, Gosho Miyazaki, e que conta coa participación de Carlos Núñez na súa banda sonora de inspiración irlandesa. E pouco máis interesante pódese dicir deste filme de animación que calca o estilo propio do estudio (cando non o copia de cintas como Nausicaa, eses gardas, esas capas…) e troca a mensaxe ecoloxista do pai por unha de amor á vida para tardoadolescentes con tendencias emo e/ou suicidas.
Descanso e bocadillo de tortilla de pataca rechea de txaka máis caña, outra vez no Juantxo (cando tes presa hai que ir a tiro fixo)
Resident Evil 3. Extinción. Non gustei demasiado da primeira e xa non vin a segunda, da que tampouco me falaron moi ben, pero podo dicir que gustei desta terceira entrega rendida ó xenero zombi sen ningún tipo de complexos.
Os Estados Unidos están a piques de sucumbir baixo o avance dos infectados po-lo virus T. Só quedan que saibamos os investigadores do Proxecto Umbrella que buscan unha cura, unha caravana de civís e Alice.
Ambientada totalmente nun mundo post-apocalíptico o filme ofrécenos grandes escenas de loita zombi, sangue, casquería, mortes espectaculares, sangue, moita sangue e algún ataque tipo Matrix, que agora Alice é a elixida. Un argumento sinxelo pero efectivo oportunamente adobiado cos mellores tics do xénero.
E preparádevos, que chega a cuarta parte en Tokio. Que manteñan a liña.
E máis zombis. Primeiro da man dunha simpática curta arxentina, El acomodador de zombies. Os mortos voltan á vida para ver a estrea da Noite dos mortos vivintes en 3D. A guerra continúa.
O Diario dos Mortos. E chegou a esperada última cinta do mestre Romero. Se algún dixo que a fin do mundo será retransmitida por televisión, Romero retorce a idea un pouco máis e chegamos a que a invasión zombi será retransmitida por blós, youtube e myspace.
George A. Romero preséntanos a que posíbelmente sexa a súa obra máis claramente social. Rodada cámara ó ombreiro e mesturando imaxes de cámaras de seguridade, webcams e móbiles o filme é un falso documental que amosa a escapada dun grupo de estudantes que gravan todo o que lles pasa mentras reciben información por todos lados mais non saben o que está pasando realmente.
Sen dúbida toda unha reflexión sobre a era da información, os medios en internet e demáis, pero no nivel zombi non aporta nada do que se lle pide a alguén da talla de Romero. Disfrutar disfrutamos, tranquilos.
O que vén a continuación non sei como describilo ben. O propio Hideshi Hino presentou o filme: “Seguro que queredes vela? Sodes uns valentes!” Estaba a falar de Guinea Pig: Flowers of Flesh and Blood, filme famoso no seu tempo pois corría o rumor de que era unha snuff movie e esas cousas.
Nada máis lonxe da realidade. O que puidemos ver era un filme de baixísima calidade raiando o ridículo. E é aquí onde se fai notar o valor engadido deste festival. A platea e o balcón convertiuse nunha chea de comentaristas espontáneos facendo que o que noutro lugar sería motivo de fuxida en masa aquí sexa unha exaltación da violencia e a sangue gratuita e un non parar de brincadeiras alusivas.
En definitiva, non recomendo perde-lo tempo vendo este filme de 50 minutos mais si recomendo enfervorecidamente vir a Donosti.