Publicado en 2007 por cinemafriki en Festivais |
15
Nov
Veña, vai, que xa queda pouco.
The damned thing: Capítulo correcto da segunda tempada de Masters of Horror dirixido por Tobe Hooper con forza descoñecida e xente que se volve tola.
How to get rid of the others: Inda me estou preguntando que facía este filme nunha Semana de Cinema Fantástico e de Terror. Explícome. É un bo filme, pero o seu contido é social e non ten o máis mínimo atisbo de terror ou fantasía (só que é un futuro non moi lonxano)
O filme cóntanos como en Dinamarca montan campos de concentración e xurados militares para desfacerse de toda aquela xente que leva moito tempo recibindo axudas e demáis do Estado sen aportar nada a cambio. Unha idea de conversa de bar levada á práctica ata as súas últimas consecuencias.
Bos actores, unha historia que fai pensar mais con boas dosis de humor negro… mais non sei que facía por aquí…
Feast: Humor negro, moita sangue e situacións imposibeis. Algo así como que pasaría se os Aliens rodearan un bar de estrada no medio de ningures cunha clientela do máis dispar. Recoméndabel.
E para rematar o día The Rocky Horror Picture Show. Eu xa o vira en Compostela, mais desta volta con actores molestando po-lo medio. Estaba ben, mais coido que moita xente virxe (así se chama os que nunca a viron) non se enterou moito pois esta xente anda po-lo medio da pantalla ademáis de animando á xente da platea.
Espero qeu a organización aprendera e non volva a pór en mans do público da Semana matasogras. Que suplicio!
Publicado en 2007 por cinemafriki en Festivais |
15
Nov
E outro día con cinco filmes para ver (máis curtas)
The Tatooist: Para amigos das tatuaxes e da cultura maorí e semellantes, pouco interesante para os demáis.
Un tatuador desleigado vai de feira en feira roubando deseños e nunha desas rouba un instrumento sagrado de tatuar que un espírito usará para vengarse. Tamén é verdade que quedei durmido, pero o que vin (principio, algo do medio e final) non era moi alá.
Highlander: The Search for Vengeance: Un novo capítulo da saga dos Inmortais, desta volta en animación e da man de Yoshiaki Kawajiri (Ninja Scroll, Wicked City…)
A historia que conta está máis vista que eu que sei e a forma de contalo igual. A animacion de Kawajiri xa non nos sorprende, así que podemos sumar esta ó montón de Inmortais para esquecer.
Aachi & SSipak: Todo o contrario pódese dicir deste outro filme de animación xaponesa. Deseños pop en 2D perfectamente ambientados en escenarios 3D, un ritmo e unha historia de non parar e todo cheo de referencias a ducias de películas.
A historia é a clásica de un botín e varios bandos detrás del, pero con varias peculiaridades que fan ó filme diferente e digno de ver, entre elas que a nova moeda de cambio nese futuro próximo é o equivalente á merda que cada cidadán caga. Escatoloxía sen parada.
À l’intŕieur: Os franceses atacan por partida dobre. E con varios puntos en común: as dúas teñen como fondo os disturbios dos arrabais de París, ningunha das dúas aforra en litros de sangue nin en escenas esplícitas, amén de deixa-la corrección política a un lado, e as dúas protagonistas están embarazadas (a de Frontière(s) recén embarazada e menos importante no devir da historia)
Unha muller embarazada fica soa o día de Nadal xusto o día antes de dar a luz. Po-la noite unha extraña entra na súa casa para arrebatarlle o fillo como sexa. Moita sangue, moita violencia e nada de respecto por nada. Ó igual que a outra peli francesa crea ambientes opresivos e de impotencia que se rompen de forma brutal e fatal.
Outra ópera prima arriscada, po-lo xénero e as achegas ó mesmo.
Dard Divorce: E cando inda nos estabamos a limpar o sabor a sangue da boca apareceu un xigantón alemán para presentarnos en premiere mundial un filme ó que lle faltaban os efectos especiais.
Por decisión popular o peor filme da semana. Actores de pena, historia e dialogos totalmente prescindibeis, escenas gore ‘chapuceras’. Coido que non vou salvar nada e recoméndovos que fuxades de Olaf Ittenbach.
Saimos ás catro e pico, cuspindo no chan e cagándonos (amigabelmente) no director da Semana. Mañá será outro día.
Publicado en 2007 por cinemafriki en Festivais, Xeral |
14
Nov
(Debido a problemas técnicos e doutras índoles o relato do sucedido foi interrumpido, mais xa está de volta. Tampouco ninguén o botou de menos)
E chegou Halloween, o Día das Cabazas, o Samaín, o Día de Tódolos Santos ou como queirades chamalo. O primeiro dos días grandes.
E sen más voltas imos ó que imos.
Epitaph: Filme coreano ambientado durante a invasión xaponesa, que conta tres historias ambientadas nun hospital universitario. Para min foi un pouco lío e as historias tampouco eran moi alá. Mais se temos en conta que é unha ópera prima isto fáinos ter algo de esperanza en próximos proxectos dos irmáns Jung (mira que me costou atopalo no IMDB)
Halloween: Unha das agardadas da Semana. E non decepcionou. Rob Zombie fai unha actualización máis que decente deste grande clásico do cinema de terror. E unha vez máis os nenos dan moito, pero que moito medo (máis que un tipo de dous metros cun machado) E unha vez máis Rob Zombie non perde a ocasión de recordarnos o boa que está a súa señora.
Teeth: Terror adolescente e o mito da vagina dentata. Frouxa en tódo-las frontes: humor pobre, pouco medo/terror/sustos, a suposta guapa tiña unha cara rara… Inda que os ataques son poucos sangue non falta (que esperabades, a posuidora de tan temíbel horror é unha férrea defensora da castidade xuvenil) Para pasar o rato.
E chegou a gala da noite de Halloween. A organización tiña preparado un concerto dun grupo de afeccionados chamado Los del Gas con letras graciosas, mais o público queria cinema.
Frontière(s): Brutal gore francés. Litros e litros de hemoglobina, as torturas máis horrendas e as mortes máis desagradábeis. Delicioso.
Un grupo de mozos fuxen de París en plenos disturbios cun botín en dirección á fronteira holandesa. No camiño atoparán un motel e uns personaxes do máis disfuncional e con máis dun segredo agochado. A maioría deles tamén atopará a morte entre gritos, mais ninguén pode escoitarte na campiña francesa.
O clásico da familia de paletos do American Gothic traducido ó francés. Unha ópera prima chea de boas momentos e boas actuacións. O dito, moito sangue (pero moito moito) e unha grande cantidade de barbaridades.
Poultrygeist: Night of the Chicken Dead: E chegou a que para min foi a mellor película da Semana. Unha produción da Troma en estado de gracia.
O argumento é moi sinxelo: unha cadea de cómida rápida con polo levanta un novo restaurante enriba dun cemiterio indio. O lío está armado. No medio unha parella, un vello amor, mais imposíbel: ela é vexetariana e el traballa no restaurante.
O filme é un exceso. Podería contarvos aquí escena por escena, con tódo-los pormenores cos que disfrutei sen igual, pero sería demasiado extenso. Simplemente listarei os ingredientes cos que está feito: tetas, cus, látex, sangue, gómitos, merda, líquidos corporais, plumas, números musicais, bailes, crítica política e social, incorrección política, sangue, volencia e moito, moito humor. O dito, pura Troma.
Saimos do teatro pasadas a seis da madrugada e sen dúbida pagou a pena.