(Debido a problemas técnicos e doutras índoles o relato do sucedido foi interrumpido, mais xa está de volta. Tampouco ninguén o botou de menos)
E chegou Halloween, o Día das Cabazas, o Samaín, o Día de Tódolos Santos ou como queirades chamalo. O primeiro dos días grandes.
E sen más voltas imos ó que imos.
Epitaph: Filme coreano ambientado durante a invasión xaponesa, que conta tres historias ambientadas nun hospital universitario. Para min foi un pouco lío e as historias tampouco eran moi alá. Mais se temos en conta que é unha ópera prima isto fáinos ter algo de esperanza en próximos proxectos dos irmáns Jung (mira que me costou atopalo no IMDB)
Halloween: Unha das agardadas da Semana. E non decepcionou. Rob Zombie fai unha actualización máis que decente deste grande clásico do cinema de terror. E unha vez máis os nenos dan moito, pero que moito medo (máis que un tipo de dous metros cun machado) E unha vez máis Rob Zombie non perde a ocasión de recordarnos o boa que está a súa señora.
Teeth: Terror adolescente e o mito da vagina dentata. Frouxa en tódo-las frontes: humor pobre, pouco medo/terror/sustos, a suposta guapa tiña unha cara rara… Inda que os ataques son poucos sangue non falta (que esperabades, a posuidora de tan temíbel horror é unha férrea defensora da castidade xuvenil) Para pasar o rato.
E chegou a gala da noite de Halloween. A organización tiña preparado un concerto dun grupo de afeccionados chamado Los del Gas con letras graciosas, mais o público queria cinema.
Frontière(s): Brutal gore francés. Litros e litros de hemoglobina, as torturas máis horrendas e as mortes máis desagradábeis. Delicioso.
Un grupo de mozos fuxen de París en plenos disturbios cun botín en dirección á fronteira holandesa. No camiño atoparán un motel e uns personaxes do máis disfuncional e con máis dun segredo agochado. A maioría deles tamén atopará a morte entre gritos, mais ninguén pode escoitarte na campiña francesa.
O clásico da familia de paletos do American Gothic traducido ó francés. Unha ópera prima chea de boas momentos e boas actuacións. O dito, moito sangue (pero moito moito) e unha grande cantidade de barbaridades.
Poultrygeist: Night of the Chicken Dead: E chegou a que para min foi a mellor película da Semana. Unha produción da Troma en estado de gracia.
O argumento é moi sinxelo: unha cadea de cómida rápida con polo levanta un novo restaurante enriba dun cemiterio indio. O lío está armado. No medio unha parella, un vello amor, mais imposíbel: ela é vexetariana e el traballa no restaurante.
O filme é un exceso. Podería contarvos aquí escena por escena, con tódo-los pormenores cos que disfrutei sen igual, pero sería demasiado extenso. Simplemente listarei os ingredientes cos que está feito: tetas, cus, látex, sangue, gómitos, merda, líquidos corporais, plumas, números musicais, bailes, crítica política e social, incorrección política, sangue, volencia e moito, moito humor. O dito, pura Troma.
Saimos do teatro pasadas a seis da madrugada e sen dúbida pagou a pena.
Deixa un comentario