Co gallo de Cineuropa o outro día puiden desfrutar do último filme do mestre George A. Romero Diary of the Dead e, como non, quedei con ganas de máis doses de zombis e xente en perigo. E que mellor momento para que estrearan [REC].
Non hai que negar que cando un se mete no cine a ver unha película “Hecha en España” sempre entra co medo no corpo e coas dúbidas do que un se vai atopar (normalmente, non é nada bo). Pero este filme era especial, viña abalado con grandes premios e unha boa crítica e ademáis, vai de zombis, polo que os cartos do cine estaban xustificados.
E ben xustificados que estaban. Encántame poder desfrutar dunha película así. Ter esa sensación no corpo de que o estas pasando ben, ou neste caso, non tan ben, porque os primeiros sustos xa impresionan e continúas toda a metraxe nesa tensión e liberando adrenalina que tan ben senta para limpar as veas.
A realización é implecable. Toda a película está rodada en primeira persoa, coa cámara ó lombo, o que provoca que un estea moito máis dentro dos personaxes e vexas en primeiro plano as caras de terror e os babexos dos non-mortos. A ambientación xenial. Canto se pode sacar dun bloque de apartamentos de fai máis de 50 anos e crear esa sensación de claustrofobia e corredores estreitos con “algo” esperándote ó fondo. Os persoaxes do máis variado: bombeiros, un novato da policía, a presentadora dos 40 e dende nais histéricas, vellos o máis estilo “Made in Spain” ata chineses de Todo a Cen e un enfermeiro. Sublime. ¡Ah! E avisar que non aparecen peitos, tan normal (e parece que obrigatorio) que xordan nos filmes con firma española.
O único que se lle pode ter en conta é que está chea de topicazos, moi comúns nesta clase de filmes. Experimentos segredos, científicos, conspiracións e máis dun sobresalto vese vir, pero ¿para qué cambia-las cousas cando así funcionan estupendamente? Con pouco orzamento (fastídiate Alatriste!) conséguese un filme case de culto que eu polo menos recordarei e demostra que soamente fai falla unha boa idea (ou a veces nin iso) e unhas boas maneiras de facer, pódese conseguir un bo producto sen máis pretensións que o de entreter, divertir e facer pasar un bo rato (ou malo, según se mire) que é no que consiste isto do cinema, que aparte dun arte é unha boa forma para estar cos amigos e pasalo ben.
Desfrutade co cinema.
Diefer K’san
Deixa un comentario