Porto. Día 5
5 Marzo 2008Levo dous días de peregrinaxe polos principais centros de adoración consumista: Fnac, MediaMarket, Central de Cómics… e conseguín sair sen mercar nada (e andar moito). A comida deste día foi sinxela: salchichas frescas cubertas con queixo fundido e patacas fritidas nun local preto da Central de Cómics. E de cea unha hamburguesa non moi alá no bar da policía que patrulla a Praça da Liberdade e arredores.
The Ferryman. (ou Caronte does the Fiji Islands) O subtítulo é meu. Dúas parellas pasan as vacacións nun iate propiedade dunha parella local de viaxe a Fidxi. A pesar dalgúns pequenos roces entre eles todo parece perfecto ata que atopan un náufrago nun barco en medio dun neboeiro. E a partir de aí temos sangue, violencia e un argumento curioso que dá lugar a situacións impensabeis ó principio do filme. Estou entre darlle o suspenso ou o aprobado raspado.
The Record. Un grupo de amigos vai de vacacións á montanha. Unha vez alí gástanlle unha broma pesada a un deles para gravar un video e “ser los putos amos de internet”, mais a cousa non sae ben e o mozo morre. Para non estragar as súas vidas e as súas posibilidades de entrar na universidade deciden facer un pacto de silencio e enterrar o corpo. Fan un buraco, botan o corpo, déixanlle a cinta no peto e préndenlle lume. Pero mira ti que o mozo non estaba morto, sae correndo e cae por un precipicio. Pero isto non era un filme de medo? Cando xa se esquezeran de todo un desconhecido empeza a ameazalos, perseguilos e matalos un a un. A vinganza está servida.
Cuns vimbios que xa deron bos resultados noutras ocasións podería ter sido moito mellor.
Ellos robaron la picha de Hitler. Humor descerebrado espanhol. Uns obreiros atopan o membro viril de Hitler e un dos maiores xenios científicos do III Reich, o doutor Weissman, fai que catro skinhead vai ata Berlín para roubala e así poder implantala nun ario vivo e traer de novo á vida ó Führer. A cousa non será sinxela pois intentarán facelos fracasar a Sociedade Secreta para a Destrucción do Macho, sociedade de féminas que colecciona os penes dos maiores persoeiros da historia, Ghandi, Kennedy, Alexandro Magno…
Dirixida por Peter Temboury ó filme non se lle pode pedir máis que boas risas e iso consígueo. E tetas, que para iso é un filme espanhol.
La habitación de Fermat. Todos sabemos de que vai o filme que xa foi estrenado en Galicia, mais coido que poucos a viron. Craso erro!! O filme está moi ben, mantendo a tensión e a intriga en todo momento. Moitos quererían facer unha ópera prima así.
E antes deste puidemos ver RedRojo, unha curta colombiana que é un xenial conto no que un neno tira dos fíos que atan a cidade e todas as cousas. Os curtametraxistas seguen a darnos esperanzas nisto do cinema e de vez en cando podemos ver unha luz ó final do túnel.
E non falo máis destes dous filmes porque hoxe espero poder falar cos seus autores. Entrevista en CINEMA FRIKI!
No deportivo máscase a traxedia. Levamos varios días con xente que só ten unha camisola a dar voltas pola cidade. Son os seguidores do Schalke 04 que esta noite xoga contra o FC Porto na Copa da UEFA. Na minha pensión hai uns cantos. Que non pase nada.