Maratón de Pesadelo en Elm Street. Parte 4

8 Maio 2008

O enorme éxito da terceira parte fixo que tan só un ano despois pudiésemos ver unha nova entrega e en agosto de 1988 estreábase comercialmente Pesadelo en Elm Street IV, que levaba o subtítulo de “Dream Master”. Este subtítulo foi traducido de múltiples formas por estes lares, comunmente como “Maestro de los sueños”, unha tradución moi pouco apropiada. Así que eu prefiro quedarme coa traducción que fixeron no mítico programa de Antena 3, Noche de Lobos, alá polo ano 90, na que falaban de “Amo dos soños”.

Pero vamos ó que vamos. Este Pesadelo 4 é probablemente, xunto coa primeira parte, o mellor e o máis importante de tódalas entregas da saga. Como xa é habitual en toda a saga, continúa o desfile de talentos polos filmes, e se a anterior era a peli de Patricia Arquette, ou a primeira a de Johnny Depp, esta vai ser sen dúbida a peli de Renny Harlin.

O director vikingo vaille dar auténtica personalidade a este filme e eso vaille servir de detonante para unha carreira exitosa aínda que en claro declive nos últimos anos. Harlin, que pouco despois deste filme dirixiría A Xungla de Cristal 2 e a mítica As aventuras de Ford Fairlane vai imprimirlle ó filme un ritmo frenético e un tono metalero co que anticipa, esteticamente, a chegada dos 90.

Despois da inocencia da que falábamos en partes anteriores, Harlin vai marcar un punto de inflexión na saga cun filme máis moderno e que soubo envellecer infinitamente mellor que o resto.

O argumento propón unha volta á orixe, condicionado polas distintas variables que se produciron na historia. Kristen (que agora xa non é Patricia Arquette senón Tuesday Knight), é a que sofre o inicio dos pesadelos, e é a única que pode proporcionarlle vítimas a Freddy (algo similar ó que acontecía na segunda parte). Sen embargo, a historia non tardará en querer desligarse do pasado e as personaxes herdadas da secuela anterior palman na primeira media hora para pasar o protagonismo a Alice Jonson (Lisa Wilcox) unha antiheroína que ten que pasar de ser a rapaza tímida da clase á todopoderosa que remate con Freddy.

A partires daquí, o filme vaise estruturar sobre dúas grandes tramas, a evolución de Alice como heroína e a sucesión de mortes que fan a Freddy máis poderoso pero que paradoxicamente tamén fan medrar o poder de Alice.

As voces máis críticas acusaron ó filme de non aportar nada novo e de ser predecible, mais creo que é dos máis redondos de toda a saga. É certo que desde o comezo podes deducir quen vai chegar ó final, sen embargo, a importante carga de humor, a linguaxe dos soños tinxida de certo surrealismo e o ritmo de rock and roll que cubre o filme, fai que sexa unha das entregas máis divertidas.

Ademáis hai unhas cantas secuencias antolóxicas. A resurrección de Freddy despois dunha ardente mexada do can de Kincaid é gloriosa. Por non falar dos momentos nunchacu ou a kafkiana metamorfose de Debbie (Brooke Theiss).

Despois deste filme todo o que vai vir é decadencia.

Curiosidades moi moi frikis

Continuará…

Fagot

Publicado na categoría Críticas, Nós-rules | Trackback | del.icio.us | Enriba

Unha resposta a “Maratón de Pesadelo en Elm Street. Parte 4”

  1. CINEMA FRIKI » Arquivos » Maratón de Pesadelo en Elm Street. Guía de Críticas di:

    […] Pesadelo en Elm Street IV. Amo dos soños (Renny Harlin, 1988) Publicado na categoría Críticas, Nós-rules | Trackback | del.icio.us | Enriba […]

Deixa unha resposta

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image