"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Decembro, 2008

El Fuego (O Lume)

Despois de máis de 20 anos chega ás librarías a continuación do superventas El Ocho, de Katherine Neville. Nesta segunda parte titulada El Fuego a autora repite os mesmos elementos que lle deron o éxito para contar o que sucede 30 anos despois dos feitos da primeira novela.

Cómpre ler El Ocho para comprender e/ou disfrutar deste? Eu diría que si. Pese a que a autora enche a narración con detallados flash-backs e relatos do sucedido a historia é o suficientemente complicada e interesante como para darlle unha lectura. Por iso para facer un comentario deste libro hai que facer referencia ó que se contaba no anterior.

El Ocho conta dúas historias en dúas épocas distintas mais relacionadas entre si. Unha cóntanos a historia na actualidade (1972) de Catherine Velis, unha informática e xogadora de xadrez que buscará por medio mundo un xogo de xadrez lendario e posuidor dunha forza oculta descubrindo que todo forma parte dun enfrontamento milenario polo dominio do xogo e que ninguén é quen parece ser. A outra historia conta a anterior aparición do xogo na historia, dende un mosteiro agochado nas montañas de Francia, pasando polo nacemento da Revolución Francesa ata chegar á Rusia dos zares. Descubriremos así a orixe do xogo, do conflito e algún que outro dos xogadores/pezas máis relevantes.

El Fuego utiliza o mesmo sistema de narración. Por unha parte seguimos na actualidade (2003) a Alexandra Solaris, filla de Catherine Velis, no comezo dunha nova partida polo control do trebello, cando todo o mundo pensaba que xa todo rematara. Alexandra reproducirá nas súas propias carnes o que a súa nai pasou no pasado e do que ela non tiña nin idea e así irá descubrindo todo o que rodea ó lendario e perigoso xogo de xadrez, ademáis de ver como todo o seu mundo non é o que parecía e todos e ela mesma xogan algún papel no enfrontamento do equipo branco contra o negro. Asemade a outra liña de narración continúa o relato da primeira novela e amósanos como a loita dos dous equipos está agochada en moitos dos acontecementos históricos e das decisións políticas do pasado, ligando o xogo con poderes ancestrais e coñecementos ocultos.

Moi moi resumido isto é o que podedes atopar nas novelas de Katherine Neville El Ocho e El Fuego, unha lectura sinxela mais chea de detalles e datos na que participaremos nun xogo que atrapa a todo o que se achega, inzado de misterios e claves ocultas que só os iniciados saben ler. Sen dúbida faría unha boa película, pero non me poñades a Nicolas Cage de protagonista como en A Busca.

El Fuego sae mañá día 29 de decembro á venda en todo o estado, inda que en El Corte Inglés xa o podedes atopar dende fai uns días. Hai dúas edicións, unha en castelán e outra en catalán.

Un lectura lixeira para desfrutar no autobús, sen moitas complicacións mais chea de elementos históricos e esotéricos ben documentados que farán que quedes atrapado no xogo. Atente ás consecuencias.

Le o primeiro capítulo aquí.

Podedes ler isto gracias a Bloguzz.

A terceira tempada de Heroes. Ou o terceiro volume. As you wish.

Resumindo: se antes tiña dúbidas agora xa non as teño. Non perdáde-lo tempo con estes episodios. Non hai por onde collelos. Non teñen nin alto, nin ancho, nin fondo, nin xeito, nin maneira. E non van nada ben. De feito, van moi mal.

É que non hai unha soa das liñas argumentais que se poida salvar, que xa é dicir. Pero ningunha, ningunha.

E as personaxes que se “incorporan”. Os actores e actrices que os interpretan débeno facer moi ben en horizontal. Pero que moi ben. E inda así non se explica.

Non ten salvación.

Coma Battlefield:Earth.

Nadiña que facer.

Nada.

Perdelo tempo.

Si.

A frase que debe encabezar este post: “É perde-lo tempo”.

Mellor non faceres nada en absoluto que adicarlle neuronas a este insulto.

Meditade sobre a natureza da Nada e do Esquecemento. Seravos máis proveitoso.

Estades avisados.

Don Vitto

PS: Aqueles coma min con fe nun xenial xiro de guión para salva-los mobles, que se pasen a Dexter, que en Heroes non o hai. Mal empezar, peor ir… e de como remata impídeme falar esa regla de “No Spoilers”

Medio crítica de The Day the Earth Stood Still

Saudos, xente.

Este domingo pasado (14-XII-2008) cinco colegas fomos quen de nos xuntar para ires ó cine ver algo.
Un rematou nunha película diferente, pero non ven a conto agora.

Vimos The Day The Earth Stood Still. E a única cousa que se pode dicir, algo compartido por todos, é a seguinte:

O cine é caro de carallo. E falo de Santiago. Que che cobren seis eurazos polo dereito a ver unha peli “en pantalla grande” ten delito. Pero non tanto coma cobrar o que cobran por palomitas e demais complementos dunha boa sesión cinematofáxica. Se polo menos fósemos asistir a unha desas novas experiencias sensoriais das que teñen novas alén dos Ancares, pois ó mellor se cadra pode que tal vez dalgunha maneira a cousa colase sen máis. Pero, de novo, non. Uns cines de primeiros dos noventa non están para esas tecnoloxías. E menos na actual situación de cr-s- [(non completei A verba maldita desta trienio, que conste)(e calquera bo xogador de Cthulhu sabe que non se debe permitir que o filólogo de garda a complete, polo que poida pasar)].

Aclarada esta premisa inicial e imprescindible, continuamos.
A peli tanto da ir vela coma non ir. Se vas, ben. Se non vas, tamén.
(Lembrade o dos 6€)
Sáese do cine medianamente satisfeito, cun nivel de colocón friki o suficientemente intenso como para xustifica-los gastos necesarios na dose. E pouco máis. Non ten dende logo nada que ver con esa ****** de Ala… que por desgracia coñeceredes. Quedas ben. Reflexionas sobre a plana complexidade do guión; sobre a nula existencia de segundas lecturas; sobre a cara de Keanu que lle quedou a Neo (non é erro), etc. E falas cos amigos. Vale. Aceptamos barco. Non queimaremos exemplares de revistas en cerimonias perversas para arrastrar de volta ó lixo do que nunca debeu saír a semellante enxendro, porque non o é. Pasa por vez, qué queredes que vos diga; a min valeume.

Por último, o que máis me gustou:
A naturalidade científica coa que Klaatu se desenvolve no electrificado mundo actual, sen nada que se asemelle a superpoderes raros. Sinxelo e efectivo, e tamén contrarrestable se os que tiñan que velas visen as pelis axeitadas. Pero coidado que me desvío a REC. Hora de rematar.

Que os outros que me acompañaron (ou ós que acompañei) digan algo. E que ese algo non sexa “algo” en plan chiste, que xa non son anos.

Don Vitto

True Blood

True blood é umha série que despista. E com isto nom quero dizer que é umha série com altibaixos: No fondo o produto parece manter sempre a mesma linha, mentres pequenos detalhes fam que o observador nunca tenha claro se está a ver a melhor série fantástica do 2008 ou umha produçom que toca a caixa do ridículo. Há momentos de qualidade de história que lembram as melhores séries da HBO (a sua produtora, nai de séries tam recomendáveis como The Sopranos, Carnivàle, Six Feet Under, Rome, Entourage, Extras, Tenacious D…) e o revolucionário Alan Ball (Criardor de Six Feet Under e roteirista de American Beauty), e outros que de ridículos e prototípicos obrigam a mirar para outro lado e fazer um verdadeiro esforço para continuar. O pior, ou melhor, é que uns segundos depois desses ridículos a história dá um passo mais, convertendo o que era umha caida no prototípico e irrisório numha verdadeira genialidade. Mas agora deixade-me falar um pouco da história…

True Blood é umha série de vampiros. True Blood é umha série sobre umha vila do Sul dos Estados Unidos de América. E desse binómio definitório o segundo item é o mais importante. Sim, na história de True Blood os vampiros (e outras cousas sobrenaturais, mas nom falaremos disso para nom fazer spoiler) existem, e nom som para nada algo oculto. Dous anos atrás na cronologia da série umha empresa japonesa conseguiu um sangue sintético ( True Blood) real avondo para sustentar as necessidades alimentarias -que nom gastronómicas- dos vampiros, e ao nom estar obrigados a caçarem humanos para alimento puiderom fazer pública a sua existência. Agora som umha parte da sociedade, e no caso dos EUA com alguns direitos civís reconhecidos. Ainda que oficialmente os humanos estam fora da sua dieta, nom todo o mundo está dacordo com esta “saida do cadaleito” dos vampiros. E numha pequena vila do Louisiana a chegada dum vampiro que viviu lá na época da Guerra Civil americana e que se quere integrar muda as relaçons sociais e pessoais…

E é nesse momento onde True Blood diverge dumha história clássica de vampiros “modernos”. O feito destas criaturas existirem e serem parte da sociedade é definitório do cenário, mas nom som o centro da trama. Os verdadeiros protagonistas som os habitantes da pequena vila. O retrato desse lugarejo mestiço de velhas famílias, white-trash, afroamericanos e cajunes entre pántanos, cemitérios, casas coloniais, sociedades de lembrança do exército sulista levou a que alguns críticos dixeram que esta série é um Twin Peaks com vampiros… comparaçom um pouco excessiva para o meu gosto, mas que dá umha ideia do ambiente da série. Cada umha das personagens -algumhas melhores retratadas que outras- servem para representar esse mundo, com as suas mesquindades diárias, com as toxicomanias no alcool e outras drogas, o ódio polo diferentes -gays, negros, vampiros…-, a prostituiçom, e também os pequenos conflitos das interacçons humanas. Sobre isso também vemos umha histórica clássica de amor entre um vampiro e umha camareira -que para engadir outro toque surpreendente é quem de ler a mente de todo o mundo… agás dos vampros- com toda a carga sexual que os suga-sangues tenhem na literatura.

Assim True Blood joga com o retrato social para contar umha história de personagens. Os vampiros som parte umha história independente, e em parte umha forma de falar de todos os temas que citávamos antes. E também da capacidade de absorver e neutralizar qualquer variante cultural sem variar demasiado. Assim o local favorito dos vampiros na zona chama-se Fangtasia (“Cairolandia”!!), um local que resulta ridículo, com tanda de camisolas e turistas vampirófilos fazendo fotos nas primeiras horas da noite… em boca dum personagem: Um bar de vampiros… se fosse umha diversom dum parque Disney. E também um local que vai sendo mais sinistro co passo das horas e a entrada da noite. Como a própria série, que segundo avançam os capítulos vai conformando um universo narrativo mais rico e consistente.

Umhas notas finais: 1-O opening da série e boníssimo, desde agora está no meu podium do lado do de Dexter e o de Twin Peaks. 2-Anna Paquin ainda tem que demonstrar porque tem um prémio da Academia, mas neste produto é quem de interpretar dum jeito adequado.Umha rapariga de campo acostumada a tratar com bébados que ante o sheriff vampiro de mil anos de idade sorrí e espeta um: “Nice to meet you” feliz. 3- Um detalhe da trama depende muito do sotaque dum dos personagens… pergunto-me como será a traduçom de Digital+. 4- Esta série tem um ponto de “enganche” um pouco longo, tedes que aturar até o episódio quatro o cinco para colher o “ponto” na série.

fer

 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.