"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Febreiro, 2009

Hoxe fai 4 anos que comezamos esta tolemia que é CINEMA FRIKI. O que comezou sendo un chiringuito de catro colegas segue sendo iso, non conseguimos (de momento) forrarnos.

Nestes 4 anos os que nos visitades ou estades suscritos ás nosas sementes disfrutáchedes da noso irregular ritmo de actualización (que durante meses chegou a ser inexistente) e das nosas opinións carentes de estilo (agás contadas excepcións) E inda así seguides visitándonos e algún ata comentando, vós saberedes porqué.

Aproveitando tan sinalada data imos facer repaso e gustaríamos que nos comentárades que é o que máis vos gusta ver cando visitades CINEMA FRIKI, o que menos, que cambiaríades, engadiríades, etc. Tamen gustaríamos que se hai algún artista entre os lectores que se animara a facer unha cabeceira para o bló, unha cousa sinxela, o que se vos ocorra (tamaño aproximado 200 x 1000)

Seguide atentos porque en breve comezarán os Premios CINEMA FRIKI 2008 (o ano pasado non se celebraron, mais tampouco a ninguén lle preocupou)

E nada máis. Gracias a toda a xente que estivo con nós e sobre todo a toda a xente que coñecimos en persoa e ós que nos quedan por coñecer. Porque CINEMA FRIKI é para comer panterasrosas, pizza e patacas fritidas e os blós para comer churrasco!

Seguir a actualidade do filme de Watchmen é case unha misión imposíbel. Pero inda máis complicado é a tarefa de adaptar semellante obra da banda deseñada ó cinema. Para poder enfrontar a amplitude de tramas, subtramas, material relacionado, historias paralelas, etc. os produtores decidiron crear unha cantidade considerábel de sitios, micro-sites, webpisodios e semellantes para completar o contado no filme.

Unha das partes máis interesantes de Watchmen é cando a realidade camiña parella á lectura que fai un rapaz dunha banda deseñada de piratas. Os produtores do filme decidiron facer esta parte da historia nunha versión animada e sacala en DVD (aquí podedes ver o tráiler). A voz do protagonista na versión orixinal é a de Gerard Butler.

E de agasallo outra das curosidade arredor de Watchmen, un xogo arcade dos Minutemen.

Vía: SuperheroHype!

George Lucas é o mesmo tempo o creador dun dos fitos máis importantes na cultura popular e un terríbel traidor ó seu propio espírito, vendido e todo canto insulto se vos ocurra (así o recoñeceron os amigos de Tierras de Cinefagia)

E este documental, do que vos podedes facer unha idea no tráiler, non é máis que iso, xente que lle debe a vida a George Lucas e xente que ven nel ó mesmísimo diaño.

Vía: CinemBlend

Michael Bay non nos dá tregua e aquí temos un novo tráiler da segunda parte de Transformers, emitido nos EUA nos previos da estrea de Venres 13.
Xa sabemos que non nos podemos fiar dos tráilers (inda menos dos de Michael Bay), mais polo visto esta secuela pode ter un ton bastante distinto do da primeira. Está claro que é un filme do Bay e explosións e espectacularidade non lle faltan.

Vía: CinemaBlend

Novas relacionadas: Haberá un xuizo en Transformers 2

, Imaxes de Megatron en Transformers 2

O western non está morto e de cando en vez temos a oportunidade de ver no cine un novo filme deste xénero. Desta volta será da man da versión dun personaxe de banda deseñada, Jonah Hex.

Obra do guionista John Albano e do debuxante Tony DeZuniga, Jonah Hex conta as aventuras do anti-heroe homónimo, un soldado confederado amigo dos nativos norteamericanos e, inda que en moitos casos pódese comparar a Clint Eastwood, Jonah Hex suberte os tópicos e convencións do xénero.

Dirixe Jimmy Hayward, Josh Brolin será Jonah Hex e John Malkovich unha das personaxes que lle dará réplica (inda agardamos que Malkovich deixe de facer filmes alimenticios e volva a interpretar personaxes á súa altura)

Vía: KillerMovies

E máis outro remake. Isto non ten parada. E por desgraza este Venres 13 non deixa de ser un remake máis. Despois de dez entregas da saga orixinal e un serie de televisión, pouco máis, e inda menos orixinal, se pode engadir á carreira criminal de Jason Voorhees. E abofé que esta non o fai.

O filme ten tres principios. No primeiro vemos como a mai de Jason vinga a morte do seu fillo matando a todos os monitores do campamento, como no primeiro filme. No segundo principio coñecemos ós que semellan van ser os protagonistas do filme (inda que todos sabemos que en Venres 13 só hai un protagonista, o machete de Jason) mais os efectos de acampar preto de Crystal Lake son bastante predecibeis (aquí podemos ver unha das poucas cousas coas que vou quedar do filme, unha rapaza á grella dentro dun saco de durmir) E no terceiro e definitivo principio coñecemos a unha nova pandilla de cachas e cachondas (apuntade: Julianna Guill e Willa Ford) que van pasar uns días preto de Crystal Lake e un mozo que busca á súa irmá (unha das do primeiro grupo).

E o resto xa o coñecedes, berros e intentos inútiles por fuxir da cega e imparábel sede de sangue de Jason. O dito, nin sustos, nin medo, nin ambiente, nin nada. Nalgúns momentos si que parece achegarse ó bo camiño que combina tetas, sangue e violencia, mais unha música molesta, uns cambios de rexistro innecesarios e uns actores que semellan máis modelos que outra cousa rematan por converter o filme nalgo para esquecer.

Para o meu gusto, moito mellor o filme de Rob Zombie, Halloween. A orixe.

ifrit

Le tamén a opinión de Buchinsky.

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.