"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Marzo, 2009

Watch Torino (ou Gran Men)

Ola, xente.

Watchmen é… Watchmen supón… Watchmen… estooo, Watchmen… er… si… Watchmen… si… ou sexa, para falares de Watchmen temos que… temos que…

Temos que deixar de pensar en Gran Torino, e eu de momento non estou como para facelo.

Primeiro consello: non vaiades ver Gran Torino antes que Watchmen. A segunda non ficará na vosa cabeza; de feito, estaredes diante da pantalla de corpo presente, coma quen di, se sodes dos que coñecede-lo traballo orixinal. Gran Torino é demasiado boa coma para deixarvos atender a unha adaptación que resulta todo o fiel que pode ser, pero nada máis. Esa virtude convértese nunha lousa enriba dela. Na miña opinión. Semellante perfección no respecto pola obra de Moore-Gibbons impídelle crear unha emoción de seu nesta versión da 7ª arte. Ou pode ser que eu estivese demasiado emocionado logo de ver a Clint predicando en Gran Torino. Poder ser iso, si. Seguramente sexa iso, polo que xa digo: non vaiades de sesión dobre con estas dúas pelis, nunca con Gran Torino de primeira. Queda dito.

Segundo consello: fiádevos máis de ifrit que de min, porque sobre Watchmen non teño nada esencialmente positivo que dicir. Ollo, tampouco nada esencialmente negativo. E pode que tal cousa sexa o peor. Se cadra Snyder tiña medo de luxar unha magna obra coma a do par citado, e iso púidoo levar a non tomar riscos. Pode que si, pode que non. O caso é que a metraxe se fai un tanto lenta, pero a novela da que sae non é unha barullo de acción mais doutra cousa, polo que non é un fallo. Porén a película non é exactamente o que na miña opinión debería ter sido, que sería exacta. Pódese comprobar como funcionan os dous finais. E iso non debería ser. Se copia e pega é, pois copia e pega, non inventes e metas un final que non mellora o propio. Pero é a miña opinión.

Terceiro consello: pasade polo cine. Watchmen ten calidade de sobra para xustificar ese dispendio. E a recreación é demasiado boa como para non aproveitala.

Xustiño. Deume tempo de escribir algo sobre os vixiantes. Menos mal. Agora xa volve Clint, xunto con Josey «chuspo-en-todo» Wales, o Predicador, William Munny, Harry, o sarxento Highway, etc. etc. etc. Meus, non sei vos, pero nestes momentos estoume lembrando de Fernando Trueba e Billy Wilder, xunto cun proceso mental paralelo de comparación entre Watchmen e The Dark Knight, para rematar nunha solución conxunta un tanto caótica, que resulta nun «I believe in Har.. en Clint Eastwood».

Don Vitto

PS: O ritmo que ten toda a metraxe de The Dark Knight é o único que lle faría falla a Watchmen para subir moitos enteiros, pero para iso Zack Snyder tería que ter feito unha peli baseada pero independente do mito.

Gran Clint

A estas alturas xa pouco máis se pode dicir de Clint Eastwood, como actor ou coma director, nin do seu último filme, Gran Torino, pero hai que falar.

Clint Eastwood volve ó tipo de personaxe que máis sona lle dera, o de Harry, o sucio. Desta volta é un ex-combatente da Guerra de Corea que ve como todo ó seu redor vai cambiando, inda que para el máis ben vaise derrumbando. Walt Kowalski (Clint Eastwood) é un estadounidense viuvo de orixe polaca cun pensamento racista e celoso do seu. O barrio no que sempre viviu está cheo de inmigrantes con comportamentos e costumes que nada gustan a Walt. El só quere beber a súa cervexa americana, mascar o seu tabaco americano, limpar o seu coche americano (un fermoso Ford Gran Torino), botar de menos á súa muller e recordar en soedade os horrores da guerra. Mais todo isto cambia cando axuda ó fillo dos seus veciños (unha familia de inmigrantes da etnia Hmong) que está sendo acosado por unha banda. Mais non pensedes que Mr. Kowalski cambia como noutros filmes, recordade que estamos falando de Clint Eastwood, un dos tipos máis duros do planeta.

Sen Clint Eastwood esta película sería unha quasi irrelevante melodrama ‘fascistoide’, mais a súa incríbel presencia e a súa visión como director convértena nunha xoia, nun clásico (no esquezades que practicamente todos os que escribimos neste bló poderíamos ver un filme no que só aparecera a cara de Clint Eastwood poñendo as súas cara de duro durante unha hora).

Ver este filme na versión dobrada ó castelán ten unha grande chata, a dobraxe dos pandilleiros, tanto dos Hmong coma dos hispanos ou dos negros. Especialmente os Hmong están dobrados por actores con acento poligonero madrileño, o que choca inda máis comparado co grande traballo que unha vez máis fai Constantino Romero dobrando a Clint Eastwood.

Gran Torino é unha película de Clint Eastwood sobre un tipo duro e fachendoso mais con corazón (á súa maneira) e que no final da súa vida apetécelle un carallo cambiar. Recomendábel para calquera.

ifrit

Nun parágrafo

Nun párrafo. Sublime. Clint Eastwood na sua gran despedida (espero que non o sexa), un home duro, Harry Callahan na súa xubilación. Todo o filme con frases que marcarán historia. Todas valen para poñer como dedicatorias en carpetas, «facebookes», «tuentis» ou demáis. Hai que vela. Non se pode dicir máis.

Diefer K’san

Non te deixes sorprender só pola foto e segue lendo que a nova ten tela. A actriz alemana Julia Dietze vai participar en Iron Sky, un proxecto que soa realmente ben.

Iron Sky é un filme de ciencia ficción que conta como científicos nazis fan un revolucionario descubrimento de tecnoloxía anti-gravidade a finais da II Guerra Mundial e logran chegar á lúa nunha nave e así fundar unha colonia no satélite. No ano 2018 teñen unha flota grande dabondo e deciden invadir a terra.

Vivan as co-producións xermano-finesas!

Vía: KillerMovies

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.