"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Agosto, 2011

Novas imaxes acaban de aparecer do novo proxecto co noso kriptoniano preferido. O filme está en proceso de rodaxe como amosan as fotos. El hombre de acero (Man of Steel) está protagonizada ademais de por Henry Cavill (coñecido pola serie Los Tudor), por Amy Adams como Lois Lane, Diane Lane como Martha Kent, Kevin Costner como Jonathan Kent, Michael Shannon como ó Xeneral Zod, Antje Traue como Faora, Julia Ormond como Lara Lor-Van, Russell Crowe no papel de Jor-El e Laurence Fishburne como Perry White entre outros.  Zack Snyder (300 (2006), Watchmen (2010) e máis recentemente Sucker Punch (2011)) encargaráse de reiniciar a franquicia que ten que superar a non moi entusiasta acollida de Superman Returns (ídem, Bryan Synger, 2006). A data de estrea nos EUA será o 14 de xuño do 2013.

Vía: Comic Book Movies, Superheroe Hype e Uruloki

Nun pequeno vídeo grabado na Disney D23 Expo, o actor Bruce Boxleitner confirmou os rumores sobre unha terceira parte da saga.

Nas declaracións feitas hai unhas semanas, Bruce Boxleitner anunciou que TRON 3 xa era oficial. Ademais de confirmar os rumores, o actor dixo que a rodaxe comezaría aproximadamente no 2012 para estrear en 2013. Estas declaracións corroboran as feitas por Joseph Kosinski hai uns meses nas que expresaba o seu desexo de retomar a saga.

O director estadounidense, postúlase tamén coma a aposta máis segura para seguir a cargo da dirección despois de que os beneficios de TRON: Legacy duplicarán o presuposto inicial. Os rumores apuntan tamén un compromiso por parte dos protagonistas (Jeff Bridges, Olivia Wilde e Garett Hedlund) de permanecer na próxima secuela.

Vía: filmonic.com

A canle estadounidense Showtime (Weeds, Dexter) anunciou o novo proxecto de Spielberg e King: Under The Dome, un drama misturado con ciencia ficción. O proxecto levaba dende o ano 2009 parado á busca dun canle que apostase por el.

A serie será un estará basada na novela de mesmo nome de Stephen King e estará producido por DreamWorks Television. Under The Dome ten lugar nun pequeno pobo de Maine, onde, sen coñecer a causa, quedan aillados do resto do mundo debido a un campo de forza no que están atrapados. Ao máis puro estilo buñuelesco, a convivencia claustrofóbica transformarase pouco a pouco nun problema.

O proxecto aínda non ten data de produción nin de estrea, pero os creadores xa se atopan á búsqueda de guionistas.

Vía: Scifiworld.es

Warner Bros finalmente amosa o primeiro trailer do thriller de ciencia-ficción Contagion.

Se o argumento do que se supón un dos últimos proxectos de Steven Soderberg (antes do período sabático que supostamente ten pensando coller en canto remate os presentes compromisos) era ata hai ben pouco unha incógnita máís aló do que o título suxería, agora con este trailer queda case clarificado. Nestes pouco máis de dous minutos revélase moito. O que nos fai pensar, tendo en conta as estratexias de marketing dos americanos, que aínda haberá milleiros de xiros e sorpresas agochadas no producto final.


O argumento (tentando evitar spoilers) é o seguinte: Cando unha muller de negocios volve de traballar en Hong Kong, descobre que o que parecían ser efectos do jet lag, toman un xiro virulento. Soderberg contará como isto afecta á xente que o sofre, ós científicos que loitan por vencelo, e á xente que esixe a verdade ó goberno, dende diversos puntos de vista como xa fixera en Traffic (ídem, 2000).

Este drama, que fará as delicias dos amantes das tramas post-apocalípticas conta cun elenco de luxo cheo de nominados e gañadores de Oscar, que encabezan Marion Cotillard (Inception), Matt Damon, Kate Winslet, Gwyneth Paltrow, Bryan Cranston (o protagonista da serie Breaking Bad), Jude Law e Lawrence Fishburne. Está baseado no guión de Scott Z. Burns e a data de estrea é este 14 de setembro (aquí o 29 de novembro).

Vía: Screenrant.com

Robert Rodriguez e Frank Miller decidiron engadir o talento propio dun gañador de Oscar para axudar a dar forma ó guión de Sin City 2, a secuela da adaptación da novela gráfica, gran éxito de 2005, á pantalla grande.

William Monahan, que acadou o premio ó mellor guión adaptado no 2006 por The Departed (Infiltrados, Martin Scorsese, 2006), foi contratado para traballar no guión, segundo as fontes, tomando coma punto de partida un borrador completado recentemente por Frank Miller.

A expectación pola aparición desta continuación medrou ultimamente. Sin City deixou un balance de beneficios de case 100 millóns de dólares a nivel mundial en 2005. Rodríguez, que co-dirixiu a orixinal xunto con Miller (que tamén se fixo cargo do guión e foi o creador da novela gráfica),  dixo en xullo na Comic-con que a financiación para a secuela estaba solventada, e a rodaxe comezaría tan pronto coma se pechase o proceso de escritura do guión, probabelmente a finais deste ano.

Non está claro que actores repitan, pero rumores nas webs de fans suxiren unha histora mesturando as personaxes que interpretaron Mickey Rourke e Jessica Alba. Rodríguez comentou a THR durante unha entrevista na Comic-Con que os actores que interpretaron personaxes que sobreviviron na primeira parte voltarán probabelmente, e que debido a que a maioría da rodaxe terá lugar ante pantallas verdes de chroma as axendas serán sinxelas de axustar.

Noutra orde de cousas, dende que acadara o Oscar, Monahan convertíuse nun autor demandado. Na súa lista de traballos inclúese o proxecto de ciencia-ficción con Tom Cruise, Oblivion (para Universal), que se atopa no período de casting e o reecontro con Scorsese para a adaptación do filme de 1974 baseado na novela O xogador (Igrok) de Dostoievski, The Gambler (El jugador, Karel Reisz).

Vía: The Hollywood reporter.com

En xullo pasado, estendeuse o rumor de que Josh Brolin estaba en conversas para participar no remake de Oldboy que sorprendeu a todo o mundo ó incluir na dirección a Spike Lee. Segundo di Deadline esta nova visión do Thriller sobre a vinganza de Park Chan-wook, que sorprendeu a moitos no 2003, confirma agora a presenza do actor como protagonista deste proxecto escrito por Mark Protosevich (o mesmo escritor que está traballando nun novo Jurassic Park con Steven Spielberg e que coqueteou nun primeiro momento coa posibilidade de dirixir el mesmo o devandito remake de Oldboy).

Aínda que os fans da orixinal esten a levar ás mans á cabeza, ter a Brolin e a Lee abordo poder garantir un producto final de calidade (como sucedeu con Infiltrados de Scorsese). Outros rumores falaban de que Christian Bale barallaba entre outros proxectos a posibilidade de asumir o rol de antagonista, o que aumentaría aínda máis o actractivo do filme.

Para os que non esteades familiarizados co argumento do filme orixinal Oldboy conta a historia dun home que é secuestrado no día do aniversario da súa filla, e retido preso durante 15 anos nun aillamento forzado sen recibir ningunha explicación. Cando consegue ceibarse, o seu único desexo será o de executar a vinganza sobre aqueles que destruíron á súa vida.

Vía: Firstshowing.net

Aquí a opinión de Godzilla-sama sobre a orixinal.

Normalmente umha boa norma para o cinéfago é aplicar a mesma precauçom – e kilómetros de distáncia- entre qualquer filme dirigido, produzido ou auspiciado por Uwe Boll que a que teria com um almoço informal na casa de Lucrecia Borgia. Os Kamikaze do cinema podemos engolir quase todo, mas há cousas coas que melhor nom jogar. Porém Eaters (Luca Boni e Marco Ristori, 2011) parece escapulir de nefándico toque dum Midas invertido do diretor alemam. Aqui o trailer.

Ainda que a estas alturas do ciclo das modas cinematográficas um poderia pensar que os filmes de Zombies rodados em 2011 nom têm muito que achegar -umha vez que a testemunha está nas maos da TV e os Walking Dead- cumpre ter um pouco de visom histórica e reparar na nacionalidade da fita: Os italianos foram os protagonista de toda umha maré de excelentes e deliciosos filmes de nom-mortos abaneantes que marcaram um capítulo de ouro na história do gênero da carne apodrecida e os miolos espargidos. Nom podemos esquecer obras como Zombi 2 (Nueva York bajo el terror de los zombi, Lucio Fulci 1973) ou Le notti erotiche dei morti viventi (Las noches eróticas de los muertos vivientes, Joe D’Amato, 1980) com a erótiquíssima participaçom de Laura Gemser. Assim que ainda arrepiado pola presença do-que-nom-debe-ser-nomeado nos créditos decidi que pagava a pena ver que tinham que dizer estes dous novelíssimos diretores -conhecidos na sua casa a hora de comer- sobre a esmorecida nova vaga zombie dos 2000.

E o esforço por superar o medo atávico produzido polo diretor de -o deus vou-no escrever- Alone in the Dark (ídem, Uwe-Satam-Boll, 2005)  pagou a pena. Eaters é um excelente filme de zombies, sempre que um tenha em conta as limitaçons técnicas e orçamentarias da obra. O apartado técnico estár resolto com maestria, adaptándose aos poucos quartos e nom escatimando no verdadeiramente importante nestes casos : a aparência dos zombies, porque se em 2011 fazes um filme de mortos no que a maquilhagem provoca riso e nom terror, melhor apagamos o ecram já. As limitaçons som evidentes no tamanho do reparto e no uso contínuo de exteriores e interiores industriais e desolados, mas a fotografia -com um uso contínuo de tons ocres e metá licos no ceu- consegue salvar o limitado do cenário- A história que se desenvolve sobre estes andaimes é um rebúmbio de references do gênero com algumha novidade, parecendo umha mistura acertada de Children of Men (Hijos de los hombres, Alfonso Cuarón, 2006)  e Day of the Dead (El día de los muertos, G.A. Romero, 1985) e umha buddy movie. A origem da praga zombie, a presença central do científico tolo e sádico – Claudio Marmugi- fuchicando com as visceras dos mortos, as sombras de indivíduos com mentes tam apodrecidas como o sangue negro das criaturas, e a sensaçom de que o duo protagonista está tam tolo como os demais populadores do mundo -mas eles som conscientes e empregam essa loucura para sobreviverem- constituem um quadro de partida excelente.

Se calhar o maior erro da história e o que tarda em colher força e velocidade. O desenvolvimento é lento e sem direcçom clara na primeira metade, e acelera-se na segunda tentando aproveitar a história. Com os vímbios do roteiro e umha temporizaçom melhor poderia-se ter contruído um filme mais equilibrado e que deixara um sabor mais completo no final. Porem o trabalho realizado polos atores principais -especialmente o demoledor Alex Lucchesi- é excelente, com essa força surreal do cinema de terror italiano, o a nulo esforço dos diretores por poupar sangue e recheio visceral agradece-se. Certo é que para ser um filme de zombies onde estes estám bem presentes -nom é um filme de «monstro oculto» para nada- a figura e natureza do morto ficam pouco perfiladas. Com todo nom impede que desfrutemos dum filme recomendável para os conhecederos do gênero.

Fer

Ridley Scott está que non para. Hai uns días saltaba a nova sobre a intención do director británico de grabar unha precuela do filme Blade Runner, pouco tempo despois descubríase que algunhas esceas do seu filme Prometheus íanse grabar na Ciudad de la Luz (Alacante), e hoxe saen á luz novas imaxes sobre este filme.

Prometheus, é a precuela da película que levou á fama a Ridley Scott: Alien. Desta vez, o cineasta conta coa experiencia dun dos creadores de Lost, Damon Lindelof, na creación do guión, así como de Charlize Theron, Michael Fassbender e Guy Pearce como actores principais.

As fotografías filtradas preséntannos un dos moitos corredores da nave Prometheus, así como algúns dos transportes que se empregarán no filme. Semella que o universo da película será o mesmo ao que nos ten acostumado o director inglés pero, a única dúbida que fica nas mentes dos amantes de Alien é: será capaz Ridley Scott de superar a súa primeira película ou haberá que engadir o filme á longa lista de precuelas innecesarias?

Prometheus ten prevista a súa aterraxe nas taquillas no verán do 2012.

Vía: Cinemania.es

«You’re stronger than they are… you are.»

A productora Lionsgate desvelou un primeiro achegamento visual a The Hunger Games (Los Juegos del Hambre, Gary Ross, 2012), na forma dun pequeno teaser de 60 segundos amosado durante os Premios da Mtv a pasada noite. A agardada adaptación da serie de libros de Suzanne Collins, na que Jennifer Lawrence (vista como Mística en X-Men First class (X-Men: Primera Genración, Matthew Vaughn, 2011) e nominada ó Oscar por Winter’s Bone (ídem, Debra Granik, 2010)) interpreta a Katniss, unha rapaza de 16 anos que vive no post-apocalíptico país de Panem. Cada ano, un rapaz e unha rapaza son escollidos de cada un dos 12 distritos de Panem para loitar entre eles ata a morte. No teaser atopamos a presentación da personaxe de Jennifer Lawrence, que interpreta a Katniss Everdeen, e no que tamén podemos apreciar o peso que os exteriores cheos de bosques e natureza van ter no filme.

Con Gary Ross (nominado ó Oscar e responsable entre outras de Pleasantville e Seabiscuit pero tamen escritor de blockbusters coma Big, Mr. Baseball, Dave, ou Lassie) asinando o guión e dirixindo a adaptación desta nova saga (agora que rematan as de Harry Potter e Crepúsculo) que parte das novelas de Suzane Collins, aparecidas no mundo editorial alá polo ano 2008, e vellos coñecidos como Woody Harrelson e Stanley Tucci no elenco, a data de estrea prevista é o 23 de marzo do 2012 (aquí o 20 de abril de 2012).

Aquí podedes ver o teaser tráiler

Vía: Firstshowing.net

A marca Conan é unha marca que vende gracias á calidade dos produtos anteriormente aparecidos con esa marca como son os relatos orixinais de Robert E. Howard, a serie de banda deseñada de Marvel, as ilutracións de Frank Frazetta ou o filme de 1982 interpretado por Arnold Schwarzenegger e dirixido por John Milius. Por iso os produtores desta nova versión deberon pensar que non habería que esforzarse moito para ter éxito e mesmo lle puxeron o mesmo nome que a versión do século pasado, Conan the Barbarian (Conan el bárbaro).

É verdade que hai cousas que só co nome xa son un éxito e que hai que facer ben pouco para ter un produto máis ou menos decente, pero fixo que en calquera desas outras que podades ter en mente hai alguén de renome ou minimamente competente ao mando. Neste caso decidiron poñer a dirixir a Marcus Nispel, director que ten no seu currículo fitas como Friday the 13th (Viernes 13, 2009), un reboot máis que prescindíbel e soso da saga (aquí a miña crítica); Pathfinder (El guía del desfiladero, 2007), ese filme de viquingos e indios nativos norteamericanos de fotografía máis que escura e na que hai un dos FAILS máis grandes da historia dunha tribo de indios; ou The Texas Chainsaw Massacre (La matanza de Texas, 2003) que se salva por pouco da queima gracias ás achegas de Jessica Biel.

Mais antes de entrar a coitelo imos ver un pouco do argumento do filme. O título do filme non é o único que “copia” do filme de 1982 e a historia que conta tamén é moi similar. Todo comeza nunha pequena aldea cimmeria onde un pequeno, salvaxe e sanguinario Conan ve como un malvado demente acaba co seu pai e todos os seus veciños. O símbolo deste vilán non son dous serpes enfrontadas, senón un polbo e ademais anda á procura do derradeiro anaco que lle falta para completar a máscara de Aquerón, lendario artefacto que outorga a inmortalidade e permite resucitar aos mortos, e co que pretende traer de novo á vida á súa esposa bruxa e así poder conquistar o mundo coñecido. Pero claro, este señor do mal subestima o poder do rancor do pequeno Conan, que cando medra viaxará por toda Hyboria buscando aliados e trala pegada do asasino do seu pai.

É un filme de Conan e eu non pedía grandes argumentos, nin moito menos, pero un pouco máis de interese non estaría de máis. Semella que tiñan claro como comezar e como rematar (máis ou menos), así que decidiron encher polo medio con insulsos e irrelevantes encontros con secundarios totalmente esquencíbeis. Así Conan vai de escenario de croma a escenario de croma buscando pistas innecesarias nas que se alía con compañeiros innecesarios para pelexar cos lugartenentes de Khalar Zym, unha sorte de malos de final de fase coas súas habilidades e estilos de loita característicos.

Podería estenderme moito máis, pero non nos levaría a ningún sitio. Tampouco a vou comparar coa adaptación do Tío Arnie, pero é que incluso sairía perdendo coas producións de Sam Raimi Xena: Warrior Princess (Xena, la princesa guerrera, 1995) ou Hercules: The Legendary Journeys (Hércules, sus viajes legendarios, 1995) e ademáis o compositor da banda sonora debeu sufrir dun grande estrés polas posíbeis comparacións con Basil Poledouris e enche toda a metraxe de música intentando crear épica onde non a hai.

Coma sempre esto non servirá de nada, agora quereredes ir vela para comprobar por vós mesmo se é tan mala como digo. Eu xa vos aviso que o guionista pediu perdón, pero que Jason Momoa, o protagonista, inasequíbel ao desalento, escribiu un bosquexo do que podería ser o argumento dun posíbel segunda parte.

E si, hai ostias, sangue e tetas en 3D e nin así mellora a casa.

ifrit

Le tamén a crítica de: Uruloki.

Non vou negar que está moi ben ir ao cine a darlle alegría á vida cos corpos hipermusculados (Thor, Capitán America ou Conan) e a ver rapazas embutidas en imposibles traxes de látex (Viuva Negra). Pero non ten prezo volver a sentirse como cando unha era pequena no cine, e iso é o que consegue Super 8 (J. J. Abrams, 2011).

Levo días querendo escribir algo sobre ese retorno aos meus tenros anos 1980, xa que dende o primero fotograma voltamos ao mundo de aventuras, amizade, lealdade, etc. que nos ensinaron The Goonies (Los Goonies, Richard Donner, 1985), un dos meus filmes favoritos.

Interpretacións simplemente xeniais, como as do grupo de amigos (Joel Courtney, Riley Griffiths, Ryan Lee, Gabriel Basso e Zach Mills), unha gran descuberta, como Elle Fanning (que se perfila para ser mellor actriz infantil que a su sosa irmá Dakota) e ver na gran pantalla a caras coñecidas da pequena, como Kyle Chandler (Early Editon, Friday Night Lights), Jessica Tuck (True Blood), Joel McKinnon Miller (Big Love) ou Ron Eldard (ER, Blind Justice).

E todo unido a unha coidada posta en escena, o impresionante accidente ferroviario e a trama secundaria (ou terciaria) da rodaxe dun filme de zombis en formato Super 8, que fan que para min sexa o mellor que vin este ano no cine.

Non quedes coa manida frase de “é unha cousa entre…”. Vai ao cine, merca a túa entrada, deixate levar pola nostalxia e desfruta.

E como dixo Don Vitto: Quen lle dera a Gary Hobson (a personaxe de Kyle Chandler na serie Early Edition (Edición anterior, Ian Abrams, Patrick Q. Page e Vik Rubenfeld, 1996) ter nas súas mans o xornal do día seguinte!

A Raiña dos Mortos

Le tamén a crítica de: Uruloki.


Esta é umha liçom importante: nom todos os filmes que no trailler inspiram a afirmaçom “vai ser tam mau que vai virar bom” cumprem despois estes desejos. As vezes os filmes maus som simplesmente isso, sem importar que se apilem detalhes fuleiros que num contexto adequado retroalimentariam-se até a película acadar essa classificaçom de “horrivel mais adorável”.

Confesso que quando olhei o trailler de Orcs! (James MacPherson, 2011) pensei que ia ser umha boa fuleirada para botar risos a esgalha. Todo apontava bem: título (umha soa palavra e um signo de admiraçom, isto tem que ser bom!), actores director e roteiristas totalmente desconhecidos, orçamento de telefilme, argumento delirante (da nada os orcos aparecem num parque nacional dos EUA e os guarda-bosques têm que lutar contra eles pola sua vida), e trailer com referências a cultura freak (O Senhor dos Anéis, WoW…). Mas por desgraça o passo seguinte, construir um divertimento visual no que um poda desligar por umha hora o bom gosto artístico e deleitar-se com parvadas, nom se adianta e o filme fica nesse val escuro das boas-más ideias que caem pola ladeira de inerme.


Acho que a principal carência de toda a cinta é a falta de compromisso com o género “filme mau”. Ninguém aguarda boas actuaçons, grandes cenas de luta, giros da história ou tensom narrativa. E evidentemente nada disso está presente no filme, mas tampouco os adubios que podem converter o mau em “mau-bom”: Um roteiro que é propício para o desenvolvimento do gore, do sangue a pressom e a violência exagerada até a comicidade fica desaproveitado. E a falta dessa aura de fascinaçom polo produto consciente das suas limitaçons fam que as chiscadelas do género -como a repetiçom de cenas de luta, os pequenos grupos de pessoas disfarçadas de jeito barato que pretendem dar a imagem de “multitude” com planos curtos, os erros narrativos obviados, ou uso e abuso da câmara lenta- nom tenham efeito positivo. Se calhar o único bem levado -ainda que nom é para tirar foguetes- é a contínua referência aos filmes do Senhor dos Anéis com cenas totalmente cuspidas.


Assim que se querem a minha recomendaçom: Nom perdam nem um minuto com este filme, porque nem levaram o prémio de consolaçom.

Fer

Vencelho
s. m.

(1) Atilho feito com palha, junco, vime, etc., para atar a messe e outras cousas.

«Deus os cría e internet os xunta», dixo alguén nalgures desta rede infinita. Gando con gando, usando unha expresión de noso. Iso é o Vencello, a unión de varios blogues especializados en temas como a tecnoloxía, os móbiles, os videoxogos, a construcción, as telecomunicacións ou o cinema para crear unha rede de contidos en galego ampla e atractiva. Mais o Vencello non é algo fechado senon que inda collen máis blogues no feixe, así que se tes unha idea sobre un blogue temático, xa tes un ou gustaríache participar con máis xente nalgo novo non deixes de pasar pola nosa Incubadora.

Isto só é o comezo. Detrás disto hai un bo feixe de xente con moitas ideas, ilusións e ganas de traballar. Esperemos que a idea vos guste, vos ilusione e queirades acompañarnos nesta andaina.

De momento forman o Vencello:

Para máis información visitade a páxina principal do Vencello, que irá medrando con máis información. Déixovos aquí o texto de presentación da rede:

Nestes tempos nos que a rede xa tomou o relevo do papel e doutros medios como formato preferente escollido polos cidadáns para informarse, o galego vai traballando pouco a pouco para adaptarse á linguaxe de Internet e do mundo tecnolóxico. Mais, ao mesmo tempo que a nosa lingua avanza e se adapta á rede a nível de usuarios e de software libre, cada vez son menos os medios de comunicación que o utilizan e menos o apoio que reciben os que así o fan.

Nun entorno como o actual, dominado polas redes sociais, os blogues son un refuxio de tranquilidade onde a información detallada, as opinións e os argumentos teñen o seu espazo. Coa posibilidade de chegar a calquera sitio e a todo tipo de público queremos apostar pola información especializada nos máis diversos temas, aportando así o noso humilde gran de area para o fortalecemento do galego na rede.

Vencello xorde neste contexto como a resposta a estas necesidades e co compromiso preciso para afrontala con seriedade e decisión; nace como a primeira rede temática de blogues en galego, disposta a ser un punto de referencia na rede e poñendo os medios para seguir medrando coas aportacións de todos e cada un dos seus lectores.

Vencello non é pechado. Vencello é unha porta aberta a todos e todas, á comunicación e ao diálogo, co galego e con todo o mundo. Por iso agardamos vervos a cotío por aquí:

Benvidos a Vencello.

Longa vida ao Vencello!

We are recruiting!!

O noso tempo de inactividade está rematando. A verdade é que este verán con tanta estrea e algún que outro momento de tempo libre fixo que botáramos de menos este pequeno lugar onde esbardallar e ir compartindo todo o que imos atopando de novidades.

Por iso anunciamos hoxe mesmo que en breve teremos máis novidades e anuncios de novos proxectos, e por iso buscamos nova xente interesada en colaborar connosco en actualizar o blogue con novo material, escribir críticas, acudir a preestreas, festivais, festas con modelos e demáis prevendas da nosa posición. Se estades interesados ou tedes curiosidade podedes enviar un correo a (ifrit en sonche punto eu) e contarnos algo sobre o que vos gusta e que poderíades facer.

Veña, animádevos, que inda o imos pasar ben e non é nin a metade de perigoso que o Mortal Kombat!

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.