"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

No próximo mes de outubro agárdase a estrea no canal británico E4 da terceira serie (o xeito deles para chamar as tempadas) de Misfits, o que nos permite falar da súa consolidación fronte a audiencia. Paréceme pois un bo momento para animar ó visionado deste extraño sainete televisivo baseado nunha premisa que pode soar a xa moi vista: un grupo de delincuentes xuvenís condenados a traballos sociais por delitos menores adquire superpoderes tras ser impactados polos raios dunha treboada. A partir de aquí coñeceremos a historia e inquedanzas destes personaxes a medida que se van enfrontado ós xiros surrealistas, ás veces aterradores, a que a súa nova condición os vai levando.

Esta serie foi moi ben recibida sobre todo en Gran Bretaña, Irlanda e Australia, e tras acabar de visionar a segunda serie, non podo máis que estar de acordo. A súa forza reside fundamentalmente nos seus ben desenrolados personaxes, as convincentes actuacións dos descoñecidos e xóvenes actores e a irreverencia e escasa moderación dos seus guións.

Os personaxes teñen motivacións, historias personais e reaccións ante as situacións que afrontan moi alonxadas do esperado e visto ata agora na televisión, e mesmo así perfectamente cribles e coherentes. De cando en vez o espectador recorda que teñen superpoderes, pero non son en absoluto o centro das súas vidas.

Os actores dan vida propia a personaxes nos que convencen, vencendo o fácil de caer no histrionismo e a sobreactuación. Isto non reza para Robert Sheehan (que interprete a Nathan), quizáis o que asume o protagonismo, sobre todo na primeira serie; este actor abruma precisamente cunha esaxeración nada edulcorada que fai que o espectador sinta un desagrado visceral, case nauseoso que sorprendentemente se vai transformando en entrañable sentimento a medida que avanza a serie. Iwan Rheon (Simon), por outra banda, ten que interpretar a sorprendente evolución dun personaxe  en principio retraído que ten que asumir a responsabilidade de salvar a todos os demáis sen ter demasiado en conta o que signifique para sí ou a súa propia vida. En fin, todo o reparto é salientable; máis Sheehan deslumbra ata cegar.

Pero é no guión onde hoxe en día reside a forza dunha serie de televisión. Intelixente, desenfadado, sen moderación autoimposta, Misfits lévanos por unha paisaxe desoladora, de ermo intelectual e sen esperanzas de futuro, na que se moven unha chea de humanos monstruosos e algún que outro monstruo moi humano. As situacións sucédense cun ritmo vivo, case frenético (cada serie ten únicamente seis episodios), e os xiros abruman de grotescos, surrealistas e  obscenos, como a linguaxe empregada polos habitantes dese mundo perigoso nos que a supervivencia vólvese tan difícil como labrarse un futuro sen estudios, sen traballo e con antecedentes penais. Ten momentos memorables.

Na parte negativa, indicar que a narrativa exprime o concepto con rapidez de xeito que na segunda serie vislúmbranse os tópicos do xénero e certa previsibilidade. Pode esgotar, e por iso anticípase un rediseño: Sheehan anunciou que non repite na terceira, que comezará cun novo personaxe e unha da premisa que pode traer o aire fresco preciso para manter a calidade. En resumo: moi recomendable.

Silenus, O Druida

Para ir abrindo boca o 15 de setembro emitirán un episodio único protagonizado por Nathan titulado VegasBaby!

Comments are closed

 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.