"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Acto de primavera. Defensa dos festivais de cinema

Reproducimos aquí un escrito que subscribimos por completo e no que desde o blogue Acto de primavera fan unha defensa dos festivais de cinema.

Defensa dos festivais de cinema

Os festivais de cinema son eventos fundamentais para o desenvolvemento e coñecemento das prácticas cinematográficas. Representan un punto de encontro entre películas, cineastas, público e crítica e convértense en plataformas para sacar á luz os debates máis actuais, as propostas máis arriscadas e iconoclastas, os creadores máis insubornábeis. Os festivais son útiles en canto funcionan coma pezas esenciais nun circuíto de distribución e exhibición alternativo ás esixencias comerciais máis totalizadoras.

Todos somos conscientes do difícil contexto que estamos a vivir. A crise económica parece minar o resto dos valores da nosa sociedade e os recortes están a condicionar unha morea de proxectos en favor dun suposto equilibrio orzamentario. A falta de recursos está a afectar directamente ao sector cultural, ámbito no que se aplican sistemáticas políticas de derrubo que cortan dunha maneira drástica proxectos cuxa xestación requiriu moitos anos.

Nos últimos tempos vemos como a actividade cinematográfica está máis sacudida que nunca pola incerteza, e probablemente os que máis o sofren sexan os festivais de cinema. Foron moitas as alarmas que saltaron en todo tipo de festivais, dos máis veteranos aos máis novos, até que finalmente os malos agoiros se fixeron realidade coa ameaza de suspensión do Punto de Vista de Pamplona, un dos de maior prestixio no campo do cinema de non-ficción a escala mundial.

Con esta carta de defensa dos certames cinematográficos queremos lembrar o seu carácter de baluartes culturais imprescindíbeis, e por iso pedimos aos responsábeis dos distintos gobernos que non executen políticas agresivas nin tomen decisións irreversíbeis e que procuren atopar, en colaboración cos equipos dos distintos festivais, fórmulas axustadas a estes tempos de carencia que exclúan a súa total desaparición.

Galicia, 22 de setembro de 2011

Xurxo González, Martin Pawley e José Manuel Sande

Comments are closed

 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.