"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Outubro, 2011

Michael Myers, un neno de 10 anos, asasina brutalmente ao seu padrastro, á súa irmá e ao mozo desta na noite de Halloween. 17 anos despois fúgase da institución onde estaba encerrado e comeza a buscar a única familia que lle queda: a súa irmá pequena. Esta historia é que fai comezar a acción en Halloween (Rob Zombie, 2007), un remake da película de mesmo nome de John Carpenter.

Ata onte, eu só coñecía a Rob Zombie pola súa faceta musical. Sabía que fixera algunhas películas pero sempre as imaxinei cun ton máis de serie B que de filme de verdade. Sorprendentemente, a película é bastante constante e sólida, sen deixar de ser unha película de gore-terror. O guión é probablemente onde a película ten o seu talón de aquiles. A serie de asasinatos cometidos por Michael Myers cando foxe da prisión é inconexa: por que querería matar á súa irmá se foi á única que deixou con vida cando asasinou a toda a súa familia na noite de Halloween? por que arrastra algúns dos corpos a dentro da súa casa? quere recrear os feitos que provocaron a súa loucura? E, sen dúbida, a máis importante das preguntas: por que Michael Myers se volve tolo? Descoñezo a resposta a estas preguntas e agardo que se resolvan en Halloween II.

Deixando de lado os puntos débiles, hai que resaltar unha realización bastante próxima ás películas de terror ás que nos ten acostumado Hollywood. Nalgúns casos, Rob Zombie permítese experimentar coa cámara insertando planos invertidos, que rompen co esquema habitual de verticalidade que temos. Evidentemente, tamén hai que facer fincapé nos efectos especiais: sangue, sangue e máis sangue. Litros de sangue bañan os decorados polos que Michael Myers pasa coa súa máscara.

Finalmente, sobre o reparto da película non hai moito que dicir xa que ningún destaca por unha actuación sensacional (tampouco é que a película o sexa). Probablemente sexa Danny Trejo, co seu pequeno papel o único que foi capaz de espertar sentimentos, neste caso de pena, en min. Tyler Mane, interpreta ao adulto Michael Myers. O actor, exloitador de loita libre e armario de 2 metros, fai un papel no que non ten nin unha palabra de diálogo e no que o seu rostro está o 98% do tempo agochado tras unha máscara. E, coma non, Sheri Moon Zombie, esposa do director, tamén fai aparición coma a nai do asasino.

Resumindo, se queredes ver sangue, acción e pasar algo de medo (aínda que non demasiado) dádelle unha oportunidade a Halloween.

BraisR

Os días 21, 22 e 23 de decembro de 2011, levaranse a cabo ás  XI Xornadas “Mostra de Curtametraxes”, comezadas no ano 2001 con grande interese do público en xeral. Nestes días amosaranse curtametraxes e creacións de cineastas, case que sempre noveis, e con especial atención aos cineastas galegos e galegas en especial.

O obxectivo é dar a coñecer a un público amplo a calidade e variedade das curtametraxes, sobre todo das galegas. Estas xornadas están a converterse nun referente, por ser un esforzo realizado para divulgar a produción de curtametraxes, que en moitos casos fica agochada. Trátase de acceder a unha parte do audiovisual que atesoura gran calidade.

Para a inscrición no certame, debedes completar unha ficha cos datos da curta para enviar xunto co DVD do curto. Para máis información, visitade o blog do Ateneo Ferrolán.

Vía: Ateneo Ferrolán

Segundo anúncia a página web de Variety a Warner Bros teria comprado os direitos dos primeiros rascunhos dum guiom nascido originalmente nos fios da página web reddit. O conceito: Umha unidade exploratória dos U.S. Marines (MEU) desaparece de súpeto de Afeganistam e aparece  nos campos da Roma Imperial de Augusto do ano 23 da Era Comum. A criador: James Erwin, que sob o alcume Prufrock451 respondou a umha questom naîve dum usuário no sub-reddit /r/askreddit apaixonado pola séria da HBO Rome (Roma, Bruno Heller, John Milius and William J. MacDonald, 2005.2007) . Ah, e também foi campiom duas vezes do concurso de TV Jeopardy!.

A ideia começou como uns poucos comentários de Erwin que narravam os primeiros dias da unidade MEU aparecida nas aforas de Roma. Como se reponhiam do shock, inspeccionavam o território, estabeleciam um perímetro de seguridade e tentavam contactar com as autoridades da Roma Augusta. O conflito nom tarda muito em abolhar. Quando o formado dos simples  comentários -os mais votados no fio original- ficou pequeno criou um sub-reddit próprio intitulado «Rome Sweet Rome» no que começou a expandir a sua ideia original, mentres outros usuários achegavam conceitos, imagens, linhas de argumento, pros e contras, analises profundos da capacidade operativa dumha força moderna levada até a época imperial romana, etc. Surdiram desde mods para conhecidos jogos de estratégia, até histórias preparadas para jogos de Rol. Mas sobretudo o roteiro da história evoluiu até os centos de dias de diário de campanha. E há umhas horas o criador original anunciou no seu twitter a notícia.

Aguarda saber como se desenvolverá a história, em que formato e até que ponto as ideias originais de Erwin marcaram o rimo. Até o de agora demonstra-se o poder fértil de Internet mas também -se um segue o subreddit, o que escreve esta notícia está subscrito desde há seis meses, quando a história começou- deixa entrever muitos problemas de propriedade intelectual, ao ser partes da história -ou do transfondo- obra de toda umha comunidade em rede.

Nota: Como cinéfilos nom podemos deixar de indicar alguns filmes com histórias parecidas de forças militares modernas -ou hipermodernas- deslocadas no tempo até outra época. Don Vitto comentava há anos umha boa chea delas.

Despois de meses de especulacións, finalmente confirmouse que Javier Bardem protagonizará ao malo-malísimo da próxima película da franquicia James Bond. Durante unha entrevista na televisión, o actor dixo que estaba excitado polo papel. «Os meus pais levábanme a ver as películas e vinas todas. Será emocionante poder participar nunha película«. O actor non deu detalles sobre a próxima película nin sobre o seu personaxe.

Esta noticia únese á elección de Berenice Marlohe como chica Bond, que vos anunciamos hai uns días.

Vía: insidemovies.ew.com

Sacred Peak

Os nosos amigos de Sentinel Wardrobe desvelaron o 25 de Setembro o evento que van realizar no 2012 e que esperábamos todos con ansiedade. Despois de toda esa espera naceu SACRED PEAK.

O evento levaranos a esa fantasía medieval de maxia, aventuras, heroes e bruxería que todos desfrutamos de pequenos. Películas como Conan O Bárbaro, Dentro do Labirinto, O Señor das Bestas, Krull, Masters do Universo, Cristal Escuro, Willow, Lady Falcón, Red Sonja, … verémolas polas rúas de Santiago de Compostela que se encheran de orcos, elfos, dragóns, bruxas, magos, espadachíns, unicornios e demáis. E non hai que esquecer o filme co que comezou a idea e que vai ser o centro do evento: A Princesa Prometida.

Coa lenda do dragón que vive debaixo do Pico Sacro de fondo intentarase restablecer o equilibrio entre o ben e o mal, a luz e a oscuridade, controlando a furia do dragón xa esquecido que reclama o seu tributo. Alí é onde morreu o pai de Iñigo Montoya, Domingo Montoya, asasinado polo conde de seis dedos, e librarase un duelo onde soamente pode quedar un…

Para iso hai que escoller un paladín que loite co conde e traia a paz e a xustiza a Santiago. Para iso comezaron co concurso «The Best Iñigo Montoya». Quen queira participar ten que subir a Internet (a través de Youtube, Vimeo, etc) un vídeo teu dicindo a inmortal frase de Inigo Montoya:

«Ola. Chámome Iñigo Montoya. Ti mataches o meu pai. Prepárate a morrer«.

Logo hai que publicar o link na web http://thebestinigomontoya.com/ Queren que, pouco a pouco, encher con vídeos con esa frase e chegarlle entre todos ó corazón de Mandy Patinkin.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Ha6c7lnjgSw" width="520" height="294" wmode="transparent" /]

El Correo Gallego, Disquecool ou Galicia Confidencial xa deixaron un oco nas súas novas ó día seguinte do anuncio. Aquí tedes unha playlist para que os vaiades metendo no papel.

Seguro que vai a ser outro éxito. Xa estamos ansiosos de que chegue. Ide pensando nas vosas caracterizacións favoritas!!!

Graciñas de corazón, Sentinel Wardrobe, por facernos soñar de novo!

A premisa que presenta Vs (Jason Trost, 2011) non é nada novidosa, pero ben levada pode darnos algunha alegría. Un grupo de mozos decide vestirse de superheroes e loitar contra o crime, pero nunha destas atópanse cun psicópata que os fará loitar contra os seus arquinimigos en varias probas para salvar aos habitantes dunha vila que foron secuestrados.

Unha mistura de Kick-Ass (Kick-Ass. Listo par machacar, Matthew Vaughn, 2010), Super (James Gunn, 2010), cunhas pingas da banda deseñada que as inspirou, Watchmen, e a súa versión cinematográfica Watchmen (ídem, Zack Snyder, 2009), máis as retorcidas probas da saga Saw.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/f1_Q0OeXYhA" width="500" height="412" wmode="transparent" /]

Vía: Uruloki.org

Despois de que hai uns días falasemos sobre a posibilidade de que esta fose a última tempada da familia Simpson, hoxe anunciouse o acordo entre os actores e a FOX. Os seis actores principais aceptaron os recortes propostos pola canle e asinaron un contrato por dúas tempadas máis.

En palabras do señor Burns: excelente.

Vía: uk.eonline.com

Primeiro saltou a noticia de Dexter e a falta de acordo entre Michael C. Hall e a Showtime. Agora é a emblemática serie The Simpsons a que está en perigo. O desacordo entre os actores e a cadea Fox sobre os recortes salariais pode provocar o fin da serie de debuxos animados. Os recortes da productora enfureceron aos actores, que viron recortado nun 45% o seu salario. A pesares deste recorte, os actores amosáronse dispostos a negociar aceptando unha rebaixa do 30%, oferta que a cadea non aceptou.

En Cinemafriki queremos saber que pensades sobre isto. Deberían ter rematado The Simpsons hai anos? Credes que a crise económica xoga aquí un papel importante ou que é só ego dos actores o que provoca casos coma este ou o de Michael C. Hall?

Vía: cadenaser.com

A nova tempada de Dexter comezou cun rotundo éxito con 2.2 milllóns de espectadores. Estos datos confirman a serie da Showtime coma un dos mellores dramas da televisión actual. Pero o drama traspasa as barreiras da ficción e chega á realidade. Hoxe saltaron os rumores de que Michael C. Hall, protagonista da serie, deixaría a serie despois de non chegar a un acordo coa cadea para renovar o seu contrato unha sétima tempada.

As negociacións coa cadea alongáronse nos últimos días ata chegar ao punto de romperse. Os rumores cifran en catro millóns de dólares a diferencia que separa aos dous lados do acordo: a Showtime ofrécelle ao actor 20 millóns de euros por dúas tempadas, mentres que o actor pide 24. O actor acadou a fama despois do seu papel en Six Feet Under, convertíndose nun dos actores con salario máis alto da televisión por cable.

Vía: deadline.com

O 2 de outubro comezou a sexta tempada de Dexter. Dexter Temporada 6: O passageiro escuro retorna é o artigo de Fer sobre o que podemos agardar da serie.

Lobos de Arga é unha comedia de terror, dirixida por Juan Martínez Moreno, que conta a historia de Tomas Mariño (Gorka Otxoa), un escritor que volta ao pobo natal no que é recibido polos veciños con grande hospitalidade. Aínda que ignora que todas estas mostras de afecto non son gratuítas, xa que en realidade os habitantes do lugar pretenden sacrificar ao pobre escritor por pesar sobre a súa familia unha antiga maldición, materializada en forma dun lobishome que leva séculos aterrorizando ao pobo.

A película conta con grande presencia galega no reparto: Luís Zahera, Mabel Rivera Manuel Manquiña foron tres dos actores escollidos polo director. Tamén nas localizacións da rodaxe falouse galego, xa que tiveron lugar entre Noia e Silleda antes de trasladarse a Madrid. Cun presuposto de cinco millóns de euros, esta produción de comedia-terror estrearase no Festival de Sitges.

Vía: lashorasperdidas.com

Novas relacionadas: Lobos de Arga. Rodando en Santiago de Compostela e Remata a rodaxe de Lobos de Arga

O director de cine David Cronenberg únese á tendencia máis seguida ultimamente en Hollywood: sacar secuelas de películas que tiveron un grande éxito. O realizador anunciou que se atopa preparando a secuela da película The Fly, unha das películas máis afamadas do cine de terror. Polo de agora, as súas declaracións deixaron entrever que o único seguro neste momento son as súas ganas de rodar a película, pero que descoñece que rumbo poderá coller a película: «The Fly non é un remake, é máis ben unha secuela. O guión está escrito, e non sei que dirección imos coller, todo está nas mans da FOX».

Agardemos que esta nova versión da franquicia de The Fly teña algo máis de éxito e calidade que a última versión que levou a cabo Chris Walas.

Vía: Scifiworld.es

Vede o tráiler e xa me diredes se estades de acordo comigo:
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/tovYHnuXWso" width="500" height="412" wmode="transparent" /]

Co espírito de The Exorcist (El exorcista, William Friedkin, 1973) e Poltergeist (ídem, Tobe Hooper, 1982) presente e cun estilo que recorda a filmes moito máis recentes como The Last Exorcism (El último exorcismo, Daniel Stamm, 2010) ou Home Movie (Christopher Denham, 2008) a terceira entrega de Paranormal Activity conta a modo de secuela a orixe dos eventos dos dous anteriores filmes.

Cámaras de vídeo, baixo orzamento e moitos sustos é o que promete Paranormal Activity 3 (Henry Joost e Ariel Schulman, 2011). A estrea nos EUA será o 21 de outubro de 2011.

Vía: Uruloki.org

Agora que xa sabemos que non vai haber cambios no actor que interpreta a James Bond o ruxe-ruxe é arredor das súas compañeiras femininas e dos viláns.

A primeira en candidatarse é a actriz e modelo Berenice Marlohe e Javier Bardem e Ralph Finnes xa están confirmados, inda que sen papel anunciado.

O filme número 23 da saga James Bond (o cuarto protagonizado por Daniel Craig) estará dirixido por Sam Mendes e estrearase o 9 de novembro nos EUA.

Vía: Uruloki.org

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.