"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Xaneiro, 2012

O día da estrea, inda pendente de anunciar, achégase cada vez máis e xa podemos empezar a ver imaxes definitivas de Ríos Revueltos (Enrique Diego, 2012), primeiro segmento do proxecto Doble sesión. Disque en breve ata poderemos ver un teaser tráiler.

Novas relacionadas: Teaser pósters promocionais de Doble Sesión: Ríos revueltos e Novo teaser póster de Sesión doble: Ríos revueltos.

April Fool’s Day (Inocentada sangrienta, Fred Walton, 1986) é un slasher xuvenil canónico. Este título menor, que rara vez aparece entre os máis representativos do xénero, contén todos os ingredientes dun filme de terror dos ’80 e, se cadra, mellor utilizados que na maioría dos seus contemporáneos.

Para celebrar o último ano de universidade unha rapaza invita a oito amigos que non se coñecen todos entre eles a un festa nunha mansión nunha illa, propiedade da súa familia. A festa coincide co 1 de abril e xa no ferry as bromas que se gastan os uns ós outros cóbranse unha vida inocente. Unha vez xa na mansión intentarán sobrepoñerse ao accidente e seguir coa celebración, mais as bromas seguen cada vez con tons máis macabros e desenterrando o escuro pasado de cada un.

Grupo de mozos e mozas despreocupados, illa, mansión, bromas macabras, escuros pasados, desconfianza, malas decisións, mortes pouco explícitas e moito humor son os vímbios desta Inocentada sangrienta que, a pesar de todas as boas consideracións que podamos facer agora, non supuxo nada para o grupo de actores e o director, descoñecidos todos e que así quedaron.


ifrit

Red Tails (Anthony Hemingway, 2012) é un filme producido e financiado integramente por George Lucas e que foi concebido por este coma unha superproducción patriótica para mozos negros.

Red Tails conta a historia do escuadrón Tuskegee, un grupo de pilotos negros durante a II Guerra Mundial. E polo visto isto non gustou aos executivos do estudio, que esperaban algo con hip-hop e grandes cus.

Nun acto de promoción Lucas amosou o seu cansancio da industria e anunciou a súa decisión de deixar de facer cinema comercial. «Retírome. Marcho do negocio, da compañía, de todo este tipo de cousas».

O filme, protagonizado por Cuba Gooding Jr., Gerald McRaney, David Oyelowo e Method-Man, entre outros, estrearase o 20 de xaneiro de 2012 nos EUA.

O último que fará para o gran público será a quinta entrega da franquía Indiana Jones, que xa leva tempo en marcha.

Na foto: Mellody Hobson, parella de George Lucas, fala con el.

Vía: Las Horas Perdidas

Já podemos desfrutar do trailer comercial de Moonrise Kingdom (2012) do director Wes Anderson autor e co-roteirista de The Royal Tenenbaums (Los Tenenbaums. Una familia de genios, 2001), The Life Aquatic with Steve Zissou (Life Aquatic, 2004) e The Darjeeling Limited (Viaje a Darjeeling, 2007). Umha fantasia coral que narra a escapada dum raparigo boyscoutt e umha rapariga, e que contará com Bruce Willis, Bill Murray e Edward Norton.

Xa nos gustaría a cada un de nos poder levar unha camisola destas…

A revista Empire sacou fai un tempo unha listaxe dos 100 mellores personaxes do mundo do cinema, que agora queremos compartir con vós.

Non cabe dúbida que cada un de nós terá os seus favoritos, pero considero que a lista é bastante aceptable. Eu soamente cambiaría algún de posición e metería algún esquecido, coma o Conan de Schwarzenegger (o de verdade), Ramsay, de Runaway (Runaway, brigada especial, Michael Crichton, 1984) ou o Sarxento Hartman.

A verdade e que a listaxe é bastante friki, proba clara que o cinema que nos gusta é o que vale. Xa diredes o que opinades.

Vía: Empire Magazine

Non todas as desfeitas e invasións teñen porque suceder nos EUA e todos os paises queren (e teñen o dereito) de sufrir o caos e a destrucción dentro das súas propias fronteiras. Desta maneira temos a oportunidade de ver versións dos clásicos do xénero con toques de idiosincrasia local.

Zombibi (Martijn Smits e Erwin van den Eshof, 2012) é unha comedia desmadrada de zombis, na liña de Shaun of the Dead (Zombies Party, Edgar Wright, 2004) e con homenaxes de todo tipo á Troma, Peter Jackson, etc., etc.

Aquí quedades co tráiler. Coidado que salpica.

A estrea nos Paises Baixos está anunciada para o 16 de febreiro de 2012 e xa vos podo dicir que non vai chegar aquí a non ser que sexa a través dos vosos provedores habituais.

(Vía: Uruloki)

Community volverá á NBC!

Despois do anuncio da caída de Community da grella da NBC, onte Robert Greenblatt (produtor da NBC) declarou que «non hai ningunha intención de que Community desapareza». A principal razón do movemento na grella da serie foi para facer oco a 30 Rock, a comedia protagonizada por Tina Fey e Alec Baldwin. Robert Greenblatt evitou responder sobre se haberá unha cuarta tempada. «É difícil falar deso agora mesmo», dixo o produtor.

Os fans de Community quedamos pois expectantes ás noticias que poidan saír nos vindeiros días, agardemos que sexa confirmando a cuarta tempada e o retorno ás noites do xoves dos estudantes de Greendale. En palabras de Abed: «Cool, cool, cool!».

Vía: Newsroom.mtv.com

Moitísimas películas pasan desapercibidas, moitísimos filmes pasan detrás noso e non viramos nin sequera a cabeza para velos e deste xeito cando visualizo obras como «O verán de Kikujiro» alégrome profundamente de ver que hai filmes que non son o mesmo, e agradécese.

«O verán de Kikujiro» é unha comedia xaponesa de 1999 que narra a historia dun pequeno neno que vive coa súa avoa, mais cando chega o verán todos os seus amigos marchan de vacacións e froito deste aburrimento decide ir en busca da súa nai que non coñece. Pero unha amiga da avoa observa este movemento polo que abriga ao seu marido acompañar ao rapaz. Deste xeito embárcanse nun viaxe con apenas diñeiro e unha foto da nai coa dirección.

Takeshi Kitano é director e actor protagonista desta obra o cal distribúe de forma maxistral o filme por capítulos como se un libro se tratase facendo fincapé nas accións máis irreverentes da aventura. Precisamente aquí é onde destaca esta película, porque lonxe do seu lento inicio atopamos todo unha serie de situacións extravagantes que como mínimo nos fará sorrír e como máximo lóxico afondarnos en gargalladas.

Gran parte de culpa tena a predisposición das cámaras, que nas imaxes máis cómicas manten a escena uns segundos profundizando no espectador.

A selección de actores tampouco diminúe a calidade, xa que temos visto a Kitano en filmes bastante máis serios, mais desta volta observaremos un personaxe totalmente diferente e aínda que os protagonistas estén serios en practiacamente a totalidade do filme, transmiten unha empatía asombrosa co que ve a película. Porque a tenrura aínda que pareza ausente está presente, a amizade entre persoas tan diferentes e dispares aparece e unha vez que remata este filme sentímonos como se un cadro vangardista estivesemos vendo, aparecen detalles camuflados na ironía e na comicidade. Debo mencionar que gran parte de culpa deste contraste entre comicidade e tristeza ben dada pola banda sonora, que aínda que por momentos sexa un chisco monótona, fáinos sentir como se foramos o propio neno.

Pero funme polos ramallos e non falei da calidade dos actores, porque non só Takeshi é digno de mención, xa que o actor que representa a Masao (o neno) é expléndido, transmitíndonos pena por momentos e tenrura pola presunta inocencia do rapaz. E co resto de actores tanto do mesmo, porque unha vez que vexades o filme (e debedes) saberedes que cada personaxe ten unha personalidade moi remarcada o que fai que a esaxeración facilite a saída das risas.

Un filme de culto que a moitos non gustará polo seu plantexamento, polo que arrisca e porque é como se fose unha poesía do cine, transmite añoranza, felicidade, pena,tristeza, violencia,amor… si, certo é que hai controriedade nas palabras, pero así é » O verán de Kikujiro» unha luz no cine cómico con momentos que vos aseguro que recordaredes durante moito, moito tempo.

E con esta pequena crítica/recomendación preséntome en Cinema Friki, porque máis vale comezar con bo pé e con boas películas, que para criticar as malas sobra tempo.

Lake Mungo (Joel Anderson, 2008) é un deses filmes dos que é mellor non saber nada de antemán, achegarse a eles virxe e coa mente aberta a sorprenderse. Por iso vos invito a velo antes de seguir lendo e despois xa volveredes por aquí a queixarvos.

Eu descubrino nunha publicidade do programa do FrightFest, que se celebra en Londres, e pouco máis sabía del. A sinopse é do máis sinxelo: Unha rapaza morre afogada e o documental conta como a súa familia grava en vídeo os recordos da súa vida e como pasa o tempo sen ela.

Agora que xa o víchedes podemos comentar algunha cousa máis. Lake Mungo é un filme de terror en forma de falso documental con numerosas escenas gravadas en vídeo caseiro, na liña da máis coñecida The Last Exorcism (El último exorcismo, Daniel Stamm, 2010). Nun filme calquera sabemos que todo o que vemos é mentira, que na escena máis solitaria ou fantástica hai unha chea de xente fóra de cadro. Pero inda hai un grupo de xente máis arriscada, os que intentan colar como verdadeiro algo que sabemos que é dobremente falso, e inda máis se inclue fenómenos paranormais. E consígueno. Non que nos creamos as cousas, pero si que permanezamos atentos e pegados ás pantallas seguindo a historia que nos contan, que nos revolvamos incómodos no sofá. ‘Suspension of disbelief’, disque lle chaman os anglosaxóns.

Os actores, a música e a ambientación son os ingredientes que fan que o corazón se nos encolla no peito, pero o que fai que esta sensación dure ata o final é a fidelidade de Joel Anderson ao formato escollido. Para o bo e o malo. Como o matrimonio.

Seguiremos agardando un novo filme deste prometedor director, pois este é o seu primeiro e último filme (do que tamén é guionista). Ata entón toca peneirar a filmografía do novo (e vello) cinema de terrór australiano e as páxinas dos programas dos festivais.

ifrit

Tamén podedes ler a miña crítica/opinión de The Last Exorcism en Galiciaé.

Andrew Kosove, produtor de Alcon Entertainment, revelou hoxe que a secuela da película de Ridley Scott é prioritaria para a empresa. «Nalgún momento destes próximos dous meses revelaremos o nome do guionista e diremos se é unha precuela ou unha secuela», foron as palabras de Kosove.

Esta nova versión non contará con ningunha das estrelas presentes na película de 1982, pero si que se desenrolará no mesmo universo, aínda que todavía non se coñece se o filme terá lugar na Terra ou nalgún dos planetas exteriores que anuncian os dirixibles que cruzaban a Los Angeles de 2019.

Agora só queda agardar dous meses para seguir coñecendo as novidades sobre Blade Runner 2. E que mellor forma de agardar que botando un ollo ás últimas recomendacións de CinemafrikiZarkorr. El invasor e Drive.

Vía: Scifiworld.es

Novas relacionadas: Ridley Scott afirma que Blade Runner terá unha secuela.

Neste mundo hai un tipo de seres que escapan a todo tipo de catalogación. Seres estranos capaces de idear as máis estrafalarias, desmadradas e inverosímiles creacións. Ningún de nós é capaz de entender como son quenes de producilas e financialas, como fan para transmitir o interese necesario para que estes proxectos cheguen a materializarse, ou como conseguen que estas creacións sexan difundidas de maneira normal e absolutamente convencional, obviando por completo a súa xénese marciana. Non o sabemos, nin nos importa demasiado, porque gracias a estes seres temos… OS DVDESES DOS QUE SÓ PAGAS A CAIXA!!

Filme: Zarkorr! The Invader (Zarkorr. El Invasor, 1996)

Director: Aaron Osborne

Prezo: 0,99€

Cando un se achega a un caixón con películas amoreadas sexa no lugar que sexa e ve un prezo de 0,99€ a carón do logo de Filmax xa sabe que o que ten nas mans non vai ter desperdicio. Se a eso lle engadimos unhas letras maiusculas en tipografía cutre nas que podemos ler: «EL APOCALIPSIS HA LLEGADO”, pois xa podemos confirmar antes de ver nada que nos acabamos de atopar cunha xoia. Esto é o que acontece con Zarkorr, botemoslle un vistazo á sinopse: «Una civilización extraterrestre vigila la Tierra desde hace cientos de años. Ahora el planeta se encuentra en peligro por un gigante que lanza rayos láser por los ojos. Nada parece que pueda detener su avance. Sin embargo, los extraterrestres han designado a un joven como el único defensor posible de la Tierra. Y sólo cuenta con la ayuda de una pequeña chica en forma de holograma enviada por los protectores alienígenas.” Dálle xa ó play!!!!

Pois eso que a peli comeza e o primeiro que vemos son unha especie de montañas rochosas de cartón pedra das que se comezan a ver luces de cores saíndo de pequenos buracos, polo susto que se levan os operarios da construcción que andaban pola zona podería tratarse perfectamente dunha rave montada por David Guetta, pero non, trátase de Zarkorr. Esta é unha peli de bicho e o primeiro que sae é o bicho, os prólogos son para nenazas. A cámara sobrevoa unha vila feita con casiñas de xoguete e entramos nunha cociña que canta a plató a máis non poder. (NOTA: Señores productores de Zarkorr e cousas similares, nos EE.UU. existen milleiros de cociñas reais por todo o país nas que poder rodar 1 única secuencia, non é necesario usar un decorado cutre. E se o que están facendo é reutilizar un decorado de outra cousa pois poñan polo menos algún prato, algo de menaxe, algún electrodoméstico…, as cociñas da xente, incluídas as persoas que loitan contra seres extraterrestres, soen ter utensilios para comer) . Haberá quen pense que me estou a poñer moi tiquis miquis co tema da cociña, pero é que nesa cociña ten lugar o que sen dúbida é o mellor momento da película. Aparece unha adolescente en miniatura vestida con top e minisaia dicindo que é unha extraterrestre. A personaxe en si é totalmente irrelevante e intrascendente para o que pase pero ten a xentileza de explicarnos o que vamos ver na película. Está ben que apareza ó principio, se aparecera ó final o que estaríamos a ver sería unha peli de M. Night Shyamalan e para ver pelis deste tipo non merece a pena pagar os 0,99€ da caixa. O caso é que a secuencia en cuestión é tan gloriosa que mellor que comentar este filme é transcribir directamente unha das conversacións máis surrealistas do séptimo arte:

Read more… »

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.