"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Community volverá á NBC!

Despois do anuncio da caída de Community da grella da NBC, onte Robert Greenblatt (produtor da NBC) declarou que «non hai ningunha intención de que Community desapareza». A principal razón do movemento na grella da serie foi para facer oco a 30 Rock, a comedia protagonizada por Tina Fey e Alec Baldwin. Robert Greenblatt evitou responder sobre se haberá unha cuarta tempada. «É difícil falar deso agora mesmo», dixo o produtor.

Os fans de Community quedamos pois expectantes ás noticias que poidan saír nos vindeiros días, agardemos que sexa confirmando a cuarta tempada e o retorno ás noites do xoves dos estudantes de Greendale. En palabras de Abed: «Cool, cool, cool!».

Vía: Newsroom.mtv.com

Andrew Kosove, produtor de Alcon Entertainment, revelou hoxe que a secuela da película de Ridley Scott é prioritaria para a empresa. «Nalgún momento destes próximos dous meses revelaremos o nome do guionista e diremos se é unha precuela ou unha secuela», foron as palabras de Kosove.

Esta nova versión non contará con ningunha das estrelas presentes na película de 1982, pero si que se desenrolará no mesmo universo, aínda que todavía non se coñece se o filme terá lugar na Terra ou nalgún dos planetas exteriores que anuncian os dirixibles que cruzaban a Los Angeles de 2019.

Agora só queda agardar dous meses para seguir coñecendo as novidades sobre Blade Runner 2. E que mellor forma de agardar que botando un ollo ás últimas recomendacións de CinemafrikiZarkorr. El invasor e Drive.

Vía: Scifiworld.es

Novas relacionadas: Ridley Scott afirma que Blade Runner terá unha secuela.

É dificil para min agora mesmo escribir sobre este filme. Agora mesmo estou entre alegre, abraiado e triste. Comecemos pola sinopse: Drive é unha película sobre un especialista de Hollywood que durante as noites exerce de conductor en determinados roubos. En palabras do protagonista: «Se eu conduzo para ti, dame un lugar e unha hora. Eu douche unha ventá de cinco minutos, se algo pasa durante eses cinco minutos eu estou contigo pase o que pase. Se pasa fóra desa marxe, estás só. Eu non levo un arma: eu conduzo«. Con este monólogo do noso protagonista comeza Drive.

A secuencia que abre a película é absolutamente demencial. Un atraco, policías, un helicóptero da policía, catro derrapes, fuxida ‘in extremis’ e títulos de créditos. Neste punto xa te podes deixar levar porque non te despegarás na hora e media que resta de película. A trama, a pesar de que pode parecer moi próxima a películas do estilo To Fast To Furious, está tratada dunha forma moi delicada. Evidentemente, non pode faltar a trama amorosa na película, aínda que (e non digo máis para non spoilear), nesta ocasión non se rixe ás normas ás que estamos acostumados no cine de persecucións. En canto a actores, Ryan Gosling, ao que só coñecía de Crazy, Stupid, Love, sorprendeume moi gratamente encarnando a este heroe (?) cuxo nome non chegamos a coñecer. Un home inexpresivo, tímido, que ten un lado absolutamente escuro e tenebroso. De onde saíu? Por que fai o que fai? Son preguntas que non chegamos a coñecer, ao igual que apenas chegamos a coñecer nada do protagonista.

Deixoume sen palabras a elegancia do director Nicolas Winding Refn ao empregar o silencio e o oído subxectivo de cada personaxe nalgúns momentos da película. Algunhas secuencias rozan a máis pura beleza grazas a que, ironicamente, se nos priva de parte da escea. Igual que o son, o uso que fai dos planos slow-motion e os xogos coas sombras son para quitarse o sombreiro. Por outra banda, e como parte negativa, os efectos especiais parecéronme ás veces excesivamente cutres e mal logrados, así coma algúns planos detalles que me parecen innecesarios e desagradables.

Drive é unha película absolutamente recomendable se queredes gozar de persecucións, tiros e ostias respaldados cunha trama máis que decente. Coma bonus, dicir que a banda sonora escollida, maiormente música electrónica, dalle un ambiente irrepetible que deixa moi bo sabor de boca.

Despois do desencontro que protagonizaron a Showtime e o actor Michael C. Hall hai un mes, hoxe xa sabemos cal é o resultado da disputa: haberá dúas tempadas máis de Dexter (o que farán un total de oito tempadas). O presidente da cadea David Nevins asegurou que xa se trazou a traxectoria que seguirá Dexter os próximos tres anos (incluindo esta tempada), polo que os próximos episodios irán guiando a serie cara a fin.

Sobre o proceso de negociación, o presidente da canle insistíu en que o actor foi «un cabaleiro durante todo o proceso». Recordemos que a renovación de Michael C. Hall demorouse debido a que o actor solicitaba vintecatro millóns de dólares fronte aos vinte que lle ofrecía a canle. Ante a pregunta de se a oitava tempada sería a final, David Nevins sinalou que «non aseguro con certeza que vaia a ser a fin, pero si que será o escenario ideal; a serie está avanzando e é inevitable que remate nalgún punto». Finalmente, remarcou a importancia de que a serie Dexter non descendera en calidade nin en éxitos de audiencias durante esta seis tempadas.

Agora é o voso turno: pensades que este é o final ou, polo contrario, pensades que só é unha estratexia para conseguir publicidade? No caso de que sexades dos da primeira opción: como pensades que pode rematar? Cales son as vosas teorías?

Vía: deadline.com

A canle NBC anunciou este xoves que Community, a sitcom de Dan Harmon, non se continuará a emitir. A decisión semella estar provocada polas baixas cotas de audiencia acadadas pola serie. A canle estadounidense decidiu suspender a serie deixando así o oco libre para a volta de 30 Rock. A serie pode voltar en verán, tal e como comentou a actriz Alison Brie no seu twitter.

A serie veu reducidos de forma considerable o número de episodios. Esta tempada só terá 11 capítulos e finalizará o 8 de decembro. Só queda agardar ata verán de 2012 para saber se Community voltará a ofrecernos momentos coma este:

Vía: newsroom.mtv.com

«Un equipo de exploradores atopa unha pista sobre os orixes da humanidade na Terra. Esto provocará que se vexan inmersos nunha viaxe polos recunchos máis escuros do universo. Alí será onde teña lugar unha loita que decidirá a salvación da raza humana». Esto era o pouco que sabíamos de Prometheus, a precuela de Alien que está preparando Ridley Scott, ata agora. Nun chat co The Wall Street Journal o director deu máis detalles sobre a película.

O realizador xustificou a súa separación do terreo da ciencia ficción por que «non atopaba un guión que me gustase realmente. en cambio, Prometheus desenvolveuse e saíu dunha forma extraordinariamente boa«. Na conversa co medio estadounidense, confirmou a súa preferencia por construír os escenarios a pesar de apoiarse en imaxes xeradas por ordenador neste proxecto: «Son un gran defensor de filmar as cousas reais e polo tanto construín moitos dos escenarios de forma real«. Hai que recordar que neste proxecto, o realizador empregou o escenario «007″, situado no Pinewood Studios (Reino Unido) e que é un dos maiores escenarios en Europa.

O director tamén falou do título do filme. Segundo o director, a metáfora central da película xira arredor dun ser superior que desafía aos deuses roubandolles o lume, ao igual que o mito grego de Prometeo, e que remata castigado eternamente por tal acción. O británico tamén confirmou que Sigourney Weaver, a famosa Ripley, non terá ningún cameo nesta película. Finalmente, Ridley Scott dixo que os últimos oito minutos da historia de Prometheus conforman «un bo ADN para Alien«.

Prometheus estrearase en xuño de 2012, segundo a 20th Century Fox, e está protagonizada por Michael Fassbender e Charlize Theron.

Vía: Speakeasy (The Wall Street Journal)

En agosto deste ano, o director Ridley Scott confirmou os rumores que o situaban de novo no universo de Blade Runner. Tres meses despois, no The Wall Street Journal, o británico confirmou máis detalles entre os cales estaba que a nova película será unha secuela.

O proxecto está próximo a tomar os primeiros pasos despois de que Scott dixera que se atopa moi preto de atopar escritor para o guión. O produtor de Alcon Entertainment, Andrew Kosgrove, situou o comezo do rodaxe no ano 2013, deixando un lapso de 2 anos para que o director finalice o guión e comece a preprodución. Tanto o director como o produtor deixaron claro que Harrison Ford non participará neste proxecto así como ningún dos actores da primeira película.

Ridley Scott atópase actualmente inmerso en Prometheus, a precuela da película de terror Alien, cuxa estrea agárdase para o 2012.

Vía: TheWallStreetJournal.com

Michael Myers, un neno de 10 anos, asasina brutalmente ao seu padrastro, á súa irmá e ao mozo desta na noite de Halloween. 17 anos despois fúgase da institución onde estaba encerrado e comeza a buscar a única familia que lle queda: a súa irmá pequena. Esta historia é que fai comezar a acción en Halloween (Rob Zombie, 2007), un remake da película de mesmo nome de John Carpenter.

Ata onte, eu só coñecía a Rob Zombie pola súa faceta musical. Sabía que fixera algunhas películas pero sempre as imaxinei cun ton máis de serie B que de filme de verdade. Sorprendentemente, a película é bastante constante e sólida, sen deixar de ser unha película de gore-terror. O guión é probablemente onde a película ten o seu talón de aquiles. A serie de asasinatos cometidos por Michael Myers cando foxe da prisión é inconexa: por que querería matar á súa irmá se foi á única que deixou con vida cando asasinou a toda a súa familia na noite de Halloween? por que arrastra algúns dos corpos a dentro da súa casa? quere recrear os feitos que provocaron a súa loucura? E, sen dúbida, a máis importante das preguntas: por que Michael Myers se volve tolo? Descoñezo a resposta a estas preguntas e agardo que se resolvan en Halloween II.

Deixando de lado os puntos débiles, hai que resaltar unha realización bastante próxima ás películas de terror ás que nos ten acostumado Hollywood. Nalgúns casos, Rob Zombie permítese experimentar coa cámara insertando planos invertidos, que rompen co esquema habitual de verticalidade que temos. Evidentemente, tamén hai que facer fincapé nos efectos especiais: sangue, sangue e máis sangue. Litros de sangue bañan os decorados polos que Michael Myers pasa coa súa máscara.

Finalmente, sobre o reparto da película non hai moito que dicir xa que ningún destaca por unha actuación sensacional (tampouco é que a película o sexa). Probablemente sexa Danny Trejo, co seu pequeno papel o único que foi capaz de espertar sentimentos, neste caso de pena, en min. Tyler Mane, interpreta ao adulto Michael Myers. O actor, exloitador de loita libre e armario de 2 metros, fai un papel no que non ten nin unha palabra de diálogo e no que o seu rostro está o 98% do tempo agochado tras unha máscara. E, coma non, Sheri Moon Zombie, esposa do director, tamén fai aparición coma a nai do asasino.

Resumindo, se queredes ver sangue, acción e pasar algo de medo (aínda que non demasiado) dádelle unha oportunidade a Halloween.

BraisR

Os días 21, 22 e 23 de decembro de 2011, levaranse a cabo ás  XI Xornadas “Mostra de Curtametraxes”, comezadas no ano 2001 con grande interese do público en xeral. Nestes días amosaranse curtametraxes e creacións de cineastas, case que sempre noveis, e con especial atención aos cineastas galegos e galegas en especial.

O obxectivo é dar a coñecer a un público amplo a calidade e variedade das curtametraxes, sobre todo das galegas. Estas xornadas están a converterse nun referente, por ser un esforzo realizado para divulgar a produción de curtametraxes, que en moitos casos fica agochada. Trátase de acceder a unha parte do audiovisual que atesoura gran calidade.

Para a inscrición no certame, debedes completar unha ficha cos datos da curta para enviar xunto co DVD do curto. Para máis información, visitade o blog do Ateneo Ferrolán.

Vía: Ateneo Ferrolán

Despois de meses de especulacións, finalmente confirmouse que Javier Bardem protagonizará ao malo-malísimo da próxima película da franquicia James Bond. Durante unha entrevista na televisión, o actor dixo que estaba excitado polo papel. «Os meus pais levábanme a ver as películas e vinas todas. Será emocionante poder participar nunha película«. O actor non deu detalles sobre a próxima película nin sobre o seu personaxe.

Esta noticia únese á elección de Berenice Marlohe como chica Bond, que vos anunciamos hai uns días.

Vía: insidemovies.ew.com

Despois de que hai uns días falasemos sobre a posibilidade de que esta fose a última tempada da familia Simpson, hoxe anunciouse o acordo entre os actores e a FOX. Os seis actores principais aceptaron os recortes propostos pola canle e asinaron un contrato por dúas tempadas máis.

En palabras do señor Burns: excelente.

Vía: uk.eonline.com

Primeiro saltou a noticia de Dexter e a falta de acordo entre Michael C. Hall e a Showtime. Agora é a emblemática serie The Simpsons a que está en perigo. O desacordo entre os actores e a cadea Fox sobre os recortes salariais pode provocar o fin da serie de debuxos animados. Os recortes da productora enfureceron aos actores, que viron recortado nun 45% o seu salario. A pesares deste recorte, os actores amosáronse dispostos a negociar aceptando unha rebaixa do 30%, oferta que a cadea non aceptou.

En Cinemafriki queremos saber que pensades sobre isto. Deberían ter rematado The Simpsons hai anos? Credes que a crise económica xoga aquí un papel importante ou que é só ego dos actores o que provoca casos coma este ou o de Michael C. Hall?

Vía: cadenaser.com

A nova tempada de Dexter comezou cun rotundo éxito con 2.2 milllóns de espectadores. Estos datos confirman a serie da Showtime coma un dos mellores dramas da televisión actual. Pero o drama traspasa as barreiras da ficción e chega á realidade. Hoxe saltaron os rumores de que Michael C. Hall, protagonista da serie, deixaría a serie despois de non chegar a un acordo coa cadea para renovar o seu contrato unha sétima tempada.

As negociacións coa cadea alongáronse nos últimos días ata chegar ao punto de romperse. Os rumores cifran en catro millóns de dólares a diferencia que separa aos dous lados do acordo: a Showtime ofrécelle ao actor 20 millóns de euros por dúas tempadas, mentres que o actor pide 24. O actor acadou a fama despois do seu papel en Six Feet Under, convertíndose nun dos actores con salario máis alto da televisión por cable.

Vía: deadline.com

O 2 de outubro comezou a sexta tempada de Dexter. Dexter Temporada 6: O passageiro escuro retorna é o artigo de Fer sobre o que podemos agardar da serie.

Lobos de Arga é unha comedia de terror, dirixida por Juan Martínez Moreno, que conta a historia de Tomas Mariño (Gorka Otxoa), un escritor que volta ao pobo natal no que é recibido polos veciños con grande hospitalidade. Aínda que ignora que todas estas mostras de afecto non son gratuítas, xa que en realidade os habitantes do lugar pretenden sacrificar ao pobre escritor por pesar sobre a súa familia unha antiga maldición, materializada en forma dun lobishome que leva séculos aterrorizando ao pobo.

A película conta con grande presencia galega no reparto: Luís Zahera, Mabel Rivera Manuel Manquiña foron tres dos actores escollidos polo director. Tamén nas localizacións da rodaxe falouse galego, xa que tiveron lugar entre Noia e Silleda antes de trasladarse a Madrid. Cun presuposto de cinco millóns de euros, esta produción de comedia-terror estrearase no Festival de Sitges.

Vía: lashorasperdidas.com

Novas relacionadas: Lobos de Arga. Rodando en Santiago de Compostela e Remata a rodaxe de Lobos de Arga

O director de cine David Cronenberg únese á tendencia máis seguida ultimamente en Hollywood: sacar secuelas de películas que tiveron un grande éxito. O realizador anunciou que se atopa preparando a secuela da película The Fly, unha das películas máis afamadas do cine de terror. Polo de agora, as súas declaracións deixaron entrever que o único seguro neste momento son as súas ganas de rodar a película, pero que descoñece que rumbo poderá coller a película: «The Fly non é un remake, é máis ben unha secuela. O guión está escrito, e non sei que dirección imos coller, todo está nas mans da FOX».

Agardemos que esta nova versión da franquicia de The Fly teña algo máis de éxito e calidade que a última versión que levou a cabo Chris Walas.

Vía: Scifiworld.es

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.