"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

CríticasArchives for category

Elegante e atronador legado

Se únicamente queres ler unha frase, quédate con esta:

Mentres vía a película no cine, e un bo anaco despois de saíres da sala, era/estaba feliz; dese contento que afasta calquera preocupación ou pensamento que che altera a tranquilidade.

Se queredes podemos tentar ir por partes, pero o conxunto resúmese no anterior, polo menos na miña experiencia. As dúas veces que fun, as dúas veces que o sentín. E de haberes unha proxección en versión orixinal, terceira vez que pasaría por taquilla. Se ifrit está pola labor, non me importaría rerepetir.

A película para o meu gusto é fermosa: estéticamente moi agradable, cunha realización tranquila que non trampea empregando esa axitación do plano para gañar dinamismo. Últimamente valoro iso moi profundamente, desbotando con desprezo a urxencia que se pode ver nunha secuencia feita a trompicóns, cámara en man ou como sexa. En Tron:Legado cando hai acción, hai acción; desa boa que podes seguir, que non te amedoña, trampulleira na súa mala execución. Se cadra o dixital colabora nisto, cas posibilidades de edición case infinitas, vale, pero queda moi ben, qué demos.

Fermosa, xa digo. E a súa beleza aprezase, por riba de todo, escoitando. A música é sinxelamente perfecta, no senso xa que estamos da propia película, esa perfección. Tódalas (longa vida á segunda forma do artigo e o tilde nas contraccións) imaxes gañan unha a unha enteiros co fondo sonoro que as acompaña. E de novo con ritmo correcto, sen espasmos e semellantes.

A montaxe fai que toda a película se vexa dun tirón, sen eses momentos nos que tes tempo de pensar “si, esta parte debe ser a maior gloria de… porque non sei que ten que ver co resto”. Se cadra podes rematar pensando nunha escopeta e no navegante do Enterprise, pero gracias a iso ter visto a primeira non é imprescindible. Se a víchedes de nenos e vos gustou, se a lembrades con agarimo, mellor o ides pasar nesta, e se non tamén, pero distinto.

Continuaría con cousas boas, pero por non pasarme vouno presentar en negativo: o contido de ideas, de referencias, de homenaxes é case absoluto en toda a metraxe. Sempre tes algo na pantalla ou nos diálogos que te retrotrae a outras memorias do audiovisual. Star Wars, por exemplo, Lucas case debería cobrar dereitos, a maiores dos que sacou por face-los efectos. Casabranca, en coalición coa segunda de Matrix, outra que tal. A verdade é que coma estímulo para activar áreas de recordos agradables funciona moi ben.

A trama, o fondo da historia, pois semellante ó anterior. Hai tantas cousas entretecidas que o conxunto remata sendo universal. Dende un flash Moisés ata o dualismo primario das tradicións orientais, pasando por un montón de filosofía grega comprimida en dúas pastillas, vermella e azul.
A frase de “vai cara a luz”, alén de me facer berrar interiormente “non, cara a luz non, cara a luz malo” por culpa de Poltergeist, pois que vos vou dicir, non intre que a solta o Buda do lugar (istooo, Buda menos algo, deixémolo en mestre jedi cun bo level up -ola de novo, George-) queda un chisco oco. Pero o que importa é ter saudado de novo.

Remantado, que postos a falar do que nos suxire esta producción podemos sacar calquera cousa. Principalmente, sendo malos, que ten toda a pinta dun reinicio ou comezo doutra saga de pelis, porque deixa presentadas moitas cousas que ben poden dar para unha tetraloxía ou penta, ou o que mande a recadación.

¿En 3D? Máis de 9 € por entrada, e xa vos digo que tripitiría. Pero non é unha presentación do formato coma Avatar. O 3D está presente, e cos tons escuros e as liñas de luz quda coma Dios, pero tranquilos os que teñades un cerebro sensible a esas caralladas, que non vos a matar. Ide vela. E logo contádeme nos comentarios. Teño curiosidade por saber canta xente disfrutou tantísimo coma min. Os colegas e as mozas saíron a gusto, e de momento non hai queixa verdadeira, así que se alguén quere se-lo primeiro en lle levar a contraria á maioría, que empregue o teclado.

Como peli para ires ó cine a vela, eu doulle un dez sobre dez.

Pensando no recoñecemento, pois obviamente ó apartado visual, por riba de todo á banda sonora e sendo xenerosos a un Jeff Bridges que o ano 2010 estivo en racha (fáltame ver True Grit, que xa me tarda).

Thirteen está moi ben. O que me lembra de sinalar unha cousa ben apuntada por Pol: o orzamento para vestiario mellor gastado en anos.

A sinxeleza do guión non vos debería enganar, porque de feito é o que non fai, non engana con saltos no baleiro, deses que só se explican se anulas o cerebro un anaco. A peli ten consistencia interna, que non é pouco.

Teño que marchar, E para seguires gabando Tron non fai falla que siga.

Por certo, Tron e unha personaxe de Star Wars son moi semellantes ¿sabedes cal?

Don Vitto

Lede tamén as opinións de: Uruloki (de Uruloki.org) e de Nacho Vigalondo.

Recomendacións Cineuropa do venres 6 ó domingo 8

Violentos emigrantes mexicanos nos EUA, problemas familiares no Xapón, unha comedia casaca, un neno con ás, historias cruzadas sobre un asasino en serie, terrorismo en Irlanda, unha cabeza reducida e nenos que dan moito medo. Este é o menú que vos propoño.

Seguir lendo [+]

La mujer sin piano

Carmen Machi disfrazada de Berta Ojea pasea de noite por Madrid. Que non vos parece interesante abondo? Pois iso contado despaciño despaciño é o que podedes atopar neste novo filme de Javier Rebollo.

Seguir lendo [+]

[REC] 2

rec 2

As segundas partes de filmes de terror con éxito que igualan ou superan en calidade ás orixinais pódense contar cos dedos dunha man. A liña entre o éxito e o fracaso máis estrepitoso é ben delgada, pois a receita é ben sinxela: multiplicar as claves do éxito, engadir un par de xiros e deixar as portas abertas á terceira parte.

Paco Plaza e Jaume Balagueró, grandes afeccionados ó xénero, colleron o libro de receitas baixo a presión do éxito internacional para enfrentarse á rodaxe de [REC] 2. E para o meu gusto acertaron.

[REC] 2 é [REC] ó cadrado, mais sen caer no exceso. [REC] estaba contada dende unha cámara de TV ó ombreiro, [REC] 2 está contada dende as cámaras dos cascos dun grupo de operacións especiais, e que poden ver uns o que ven os outros, e dende unha videocámara dixital caseira. [REC] tiña un par de infectados, [REC] 2 ten moitos máis infectados. [REC] tiña á nena Medeiros, [REC] 2 ten á nena Medeiros e a máis nenos experimentais. E [REC] 2 explica cousas, e abre novos interrogantes e ó final… remata sendo unha cousa case totalmente distinta.

Xa sabemos que todo isto dos filmes de terror é un xogo no que cada espectador entra ou non, tamén, en parte, atraido polas invitacións que os directores fan ca historia e presentación da mesma. Por iso, se entras no ambiente de [REC], nas cabezas deses policias de operacións especiais que non saben ó que se enfrentan (bastante alonxados dos heroes infalíbeis doutras fitas), na dese falso funcionario do Ministerio de Sanidade que vai soltando a información ós poucos ou na dese trío de rapaces que vén podían estar tirados dun capítulo de Callejeros (coma os veciños da primeira), se entras aí, dicía, poderás sentir o medo, a incertidume, os nervios, as inseguridades, as preguntas sen resposta (ou com respostas desas das que ninguén gusta…)

Deixade as vosas opinións nos comentarios mentres agardamos a terceira parte.

ifrit

Máis críticas: Lord Absence e Yume Kuroi.

Teenage Caveman

teenage caveman

El regreso a las cavernas (Teenage Caveman, 2002)

Non me deu medo. Moito porno e coma sempre un final aberto. Non sabes si o bo é bo porque ó final convértese en malo para que se poda producir máis desta merda.

Só me pregunto de que cerebro sae esta merda.

En alemán dicimos: “das geht gar nicht”.

Sanne106

The IT Crowd (Primeira e segunda tempada)

the it crowd

A estas alturas xa todo o mundo coñece The IT Crowd, así que non me vou enrollar moito.
Dous apuntamentos rápidos para a polémica:

  1. The IT Crowd non é unha serie friki ou geek, tan só é unha comedia de situación británica arrodeada de chiscadelas frikis e geeks (hai ducias de sitios na internet onde identifican un por un os bonecos, camisetas e demáis que teñen estes dous ciscados pola oficina). Mais iso non converte a unha serie en friki ou geek e por iso tampouco se pode comparar con The Big Bang Theory, unha serie totalmente friki/geek e para a que necesitarás tradutor se non estás no allo.
  2. Para parella de parvos meténdose en problemas e totalmente estúpida e adorábel: Flight of the Conchords.

Rin cas dúas tempadas e vinas case do tirón, seguramente tamén vexa a terceira e ten momentos de humor negro brillantes e para o recordo e recoméndoa, mais tamén recomendo ver antes The Big Bang Theory e Flight of the Conchords.

ifrit

shaun of the dead

shaun of the dead

shaun of the dead

Zombie’s Party (2004, Edgar Wright)

E aquí está a derradeira, mais non por iso menos importante, da lista: Zombie’s Party (sic), que é comose coñece por estes lares ó filme Shaun of the Dead.
Trátase dun filme un tanto atípico, por así decilo, non que os zombis amósanse tal e como debería ser (iso só se desexáramos que a raza humana non se extinga): lentos, zoupóns e un pouco parvos.
Unha comedia negra, moi negra, con moito humor e apta para todos os públicos.

A Raiña dos Mortos

shaun of the dead

Ata aquí podo contar, inda que seguramente me queden algunhas no tinteiro que a continuación recapitularei: O día dos mortos (Day of the Dead, George A. Romero, 1985), O exército dos mortos (Masters of Horror: Homecoming, Joe Dante, 2005), Severed: Forest of the Dead (idem, Carl Bessai, 2005), Resident Evil (calquera das tres partes), La noche de las gaviotas (idem, 1975), El buque maldito (idem, 1974) e El ataque de los muertos sin ojos (idem, 1973), estas últimas do coruñés Amando de Ossorio; La legión de los hombres sin alma (White Zombie, 1932) con Bela Lugosi…

diary of the dead

diary of the dead

diary of the dead

O diario dos mortos (2007, George A. Romero)
Un dos últimos filmes de Romero somentes estreado nuns poucos e selectos festivais (Sithes, Donosti ou Cineuropa). Definida coma “unha feroz comedia negra” na que se narra coma un grupo de mozos viven a plaga zombi e colgan en internet todas as súas experiencias gravadas con videocámaras, teléfonos móbiles… Quizais unha crítica a toda esta sociedade da información? Por sempre inolvidábel Samuel, a partir de agora o noso amish favorito. Sempre teremos un lugar para el no noso corazón!

A Raiña dos Mortos

diary of the dead

planet terror

planet terror

planet terror

Planet Terror (2007, Robert Rodríguez)
É a primeira parte de Grindhouse, filme dirixido por Robert Rodríguez e Quentin Tarantino. Xenial de principio a fin, incluindo, por suposto, o falso tráiler de Machete e a banda sonora do mesmísimo Rodríguez e o seu grupo.


A Raiña dos Mortos

planet terror

Valkiria

Valkiria

Xa fai tempo que se estrou. E non é dos típicos filmes frikis, pero é bélica, e soamente por iso merece o seu momento de dedicación.

Un problemilla que ten antes de nin sequera escoller o seu visionado é Tom Cruise. Sempre bota para atrás ver unha película protagonizada por el pero esta podía vale-la pena. Teño que recoñecer que me gustou. Os momentos de suspense en intriga chegan a atrapar ó espectador. Moi correcta e que engancha por momentos. Tom Cruise fai o seu papel, pero está arropado por tódolos demáis actores que case teñen a mesma importancia. Iso axuda moito. Pouco máis podo dicir despois de tanto tempo que pasou dende que a vin, pero non quería deixala escapar sen comentar.

Diefer K’san

Clone Wars 3D

Star wars 3d

Fai tempo que o filme (ou episodio piloto) desta nova serie do mundo de Star Wars que foi estreada no cine. Como non, non piuden deixar escapar a oportunidade de vela, sobre todo co bo sabor de boca da serie animada e con mal sabor dos últimos filmes perpetrados por Lucas. Pero, como todo, sempre existe esa sensación de medo de ver un novo produto da factoría Lucas e pensar cómo pode estropealo máis.

Unha serie 3D. O deseño das personaxes chamou a atención. Ese aspecto caricutesco dos protagonistas non convenceu a todo o mundo. O rasgo infantiloide encamiñaba a unha serie encamiñada os máis pequenos. E aínda así había que vela para aclara-las dúbidas.

E comeza. E a típica “fanfare” é cambiada. Unha pequena desilusión percorre o corpo. Pero é temporal. Toda a banda sonora é sublime, máis épica e aventureira. O dobraxe é perfecto, con todas as voces das orixinais das películas (excepto Dooku, pero perdóase porque é mellor). Pequenos retazos infantís coma a padawan de Skywalker, estúpidas denominacións coma “Skygüai”, “Erredosito”, “Huttito” deseseperan en certos momentos pero compensa todo o resto. Unha boa historia de conspiracións, as esceas de acción son moi correctas, brutas en certos momentos (isto é para nenos?), e certos momentos cómicos que son agradecidos. É complicado collerlle o punto para os puristas, pero non cabe dúbida de que é un filme para desfrutar sen moitas complicacións.

Logo de todo isto ven a serie. Despois de ver os primeriros capítulos empezas a pensar… ¿Por qué carallo George Lucas non fixo as películas baseándose nestes guións? A historia é impresionante. Toda unha galaxia en guerra. Unha campaña bélica de mágnitudes espaciais. Cabaleiros Jedi no seu esplendor, soldados clon duros e profesionais máis humanos do que críamos, conspiracións, asasinatos a sangue fría… Non, definitivamente non é para nenos. Aparece a división 501!!! Unha división creada por fans, co único requisito para entrar nela é ter un traxe de stormtrooper e que Lucas lle fixo unha homenaxe no xogo Star Wars Battlegrounds 2 baseándose na súa creación. Bótase de menos non facela un pouco máis adulta no deseño dos personaxes pero chega certo momento en que todo iso pasa inadvertido.

Pouco máis se pode dicir. Sobresaínte para os incondicionais. Boa para os profanos que buscan unha tarde de relax sen preocupacións. Simplemente desfrutar…

Androide: “Tomamos prisioneiros?

Clon: “Eu non…”

Diefer K’san

10 filmes zombis que marcaron a miña non-vida (VII)

Braindead

Braindead

Braindead

Braindead (idem, 1992, Peter Jackson)

Un dos primeiros filmes de Peter Jackson, despois [director] doutros títulos coma Bad Taste. O título en castelán é, por así decilo, algo rebuscado Tu madre se ha comido a mi perro mais nel pódese ver o ton de “guasa” que ten o filme.

Un momento para recordar: Só darei tres pistas: festa zombi, unha cortadora de céspede e un home namorado.

A Raiña dos Mortos

Braindead

Zombie 2
Zombie 2
Zombie 2

Nova York baixo o terror dos zombis (Zombie 2, 1979, Lucio Fulci)

Este filme de Lucio Fulci é outro dos clásico do xénero, e o seu nome [na versión en castelán] débese ó final da mesma. É a máis gore de todas e non apta para todos os estómagos.

Escenas para o recordo: a loita encarnizada entre un grande branco (o que vén sendo un tabeirón) e un zombi nas augas do Caribe. Simplemente impagábel.

A Raiña dos Mortos

Zombie 2

We watched Watchmen!

E chegou o día. Unha das estreas máis agardadas dos últimos tempos, a adaptación a pantalla grande do Quijote da banda deseñada. A verdade é que xa lle collemos un pouco de medo a isto das adaptacións de banda deseñada e intentamos non facernos moitas ilusións, mais o Watchmen de Zack Snyder está a altura da versión orixinal, e moito.

Intentar contar aquí de que vai Watchmen e todas as súas bondades, innovacións e excelencias dentro do mundo da banda deseñada e niso que se deu en chamar novela gráfica coido que sería excesivo para o que neste bló se pretende, por iso voume limitar á versión cinematográfica e intentar transmitir o moito que disfrutamos.

Ó igual que a banda deseñada de Moore e Gibbons, o filme de Snyder pódese disfrutar a moitos niveis e inda que o visionado deste dura moito menos que a lectura de aquela soubo facer unha escolma dos mellores momentos e dos mellores argumentos que fixeron de Watchmen unha das obras mestras da novena arte. Unha ambientación xenial (tanto histórica como de momentos), un casting de actores de luxo, un deseño de vestiario e de complementos actualizado e ó mesmo tempo tan fiel ó orixinal que pasa desapercibido…
Zack Snyder é un auténtico siareiro disto da banda deseñada e por iso respecta e fai súa (e non ó revés) cada unha das obras ás que se achega. O director glosa de maneira sublime unha obra rica en detalles como poucas sen deixalos de lado ó mesmo tempo que ten que ter en conta que ten unha metraxe limitada. Os mellores momentos da banda desañada, cos que más disfrutamos, e ó mesmo tempo eses pequenos detalles, esas chiscadelas coas que sorrimos ó descubrilas, están no filme, perfectamente integrados e sen deixar de ser iso, un filme. Todos temos na mente que Zack Snyder antes de todo isto adicábase a facer videos musicais e por iso dalle tanta importancia á posta escena e ó impacto visual, mais non dunha maneira baleira, senon que todas as súas imaxes teñen uns bos vimbios por detrás. Porque se alguén cre que isto só é un exercicio visual, e a banda deseñada só cuadriños coloreados, avisar que en Watchmen, en todos eses niveis dos que falabamos antes, fala de moitos dos temas que preocupan ó ser humano dende o principio dos tempos, dende o máis persoal ó máis mundial e universal. Porque non debemos esquecer que estamos falando dun grupo de homes e mulleres que se disfrazan, sen moito gusto, para loitar pola xustiza.

Podería estar aquí falando tempo e tempo, porque disfrutei moito (e espero disfrutar máis as próximas veces que a vexa), mais prefiro falar nos comentarios e ver máis opinións.

E recordade que esta versión non queda só nunha película, senon que a rede está inzada de material promocional que a complementa, dende webs, contas de twitter, de flickr, con imaxes, anuncios, xornais, webisodios, a versión animada de Tales of the Black Freighter, etc. etc.

ifrit

O Comediante
Esperando por un remake mellor…

Por algunha estraña razón nunca dou coincidido con ifrit no referente a filmes que parten coa pretensión de poder convertirse en filmes de culto. Este é o caso de Watchmen, a adaptación cinematográfica do tebeo do mesmo nome e o maior bodrio das pelis-comic desde que o estafador de Shyamalan fixera aquela porquería que se chamaba O Protexido.

O problema, que xa deixou de ser problema para convertirse en epidemia, segue a ser o de sempre: O GUIÓN. Nesta ocasión, que non sei se lles tocaría a folga de guionistas polo medio, son responsables do desastre un tal David Hayter, que ademáis de actor de segunda xa era responsable de guións tan brillantes como o de O Rei Escorpión e X-men e outro tal Alex Tse ó que non se lle coñecía nada. Se a eso lle sumas que o director Zack Snyder non sabe ler, pois o resultado é o que é: unha merda (con perdón para tódalas merdas do mundo por rebaixalas á altura de Watchmen).

E é que así como das por sentado que nunha peli de tropecentosmil millóns de dólares vas atopar unha factura impecable e uns efectos visuais deslumbrantes (Non vas ver bichos de cartón pedra e cousas así), tamén asumes que vas atopar unha historia construída de forma brillante e máis tratándose dunha adaptación da máis importante novela gráfica da historia. Pero todo o contrario. Watchmen é un refrito de tramas sen peso nin sentido que en ningún momento sabes cara onde van. A morte do Comediante, que supostamente é o eixo sobre o que xira a historia, queda diluída entre secuencias mal sintetizadas que non levan a ningures. Os dilemas éticos plantexados no tebeo como se “o fin xustifica ou non os medios” ou os conflictos interiores de personaxes como Rorschach simplemente non aparecen. É a película de alguén que se cargou o texto dunha novela e só acertou a ver os debuxiños.

Buscando unha equivalencia fácil, Watchmen e o mesmo que se colles A Guerra das Galaxias, eliminas a historia de superación persoal de Luke Skywalker e deixas as batalliñas de naves, pois eso: fogos de artificio.

No fondo todo se resume en que pedirlle a Zack Snyder que dirixa unha película é como pedirlle a un pirotécnico que faga unha obra de teatro, pode ser posible pero normalmente é improbable. E se en 300 que era un comic faciliño, Snyder non foi quen de distinguir quenes eran o protagonista e o antagonista da historia, nun libro no que as personaxes se multiplican e as tramas son numerosas e cruzadas, pídelle ti que acerte cal é a historia.

Tendo en conta esto, o filme reducese a calcar as viñetas de forma espectacular, igual que acontecera en 300, e a incrustar cachos recortados do libro pero sen orde nin sentido, para que rematase da mesma forma. A ineptitude á hora de saber seleccionar as tramas apropiadas, e eliminar outras (como debe ser unha adaptación), fai que a peli dure case 3 horas e que se faga lenta e cansina, xa que só chegas a disfrutar as pelexas, explosións e barbaridades varias visualmente moi potentes. O máis rescatable é a personaxe de Rorschach da que chega a adiviñarse un perfil, parecido ó que pasaba con Lobezno en X-Men, pero que non chega a desenvolverse de todo e quedas coa sensación de que a personaxe prometía pero a súa historia vaise esgotando pouco a pouco. Como xa ven sendo habitual aparece tamén o patriotismo ianqui máis chungo que cheo dun maniqueísmo ridículo estorba na recreación dun entorno de guerra fría que é o que dá sentido á novela.

Resumindo: Peli para baixarse o screener no Transmisión ou no Emule sempre que estexas moi desesperado por vela.

Pd: O guionista David Hayter pediulle ós fans que volveran a ver o filme por segunda vez porque a taquilla non os estaba a acompañar. Non te toca o carallo!!!!! O que tiñan que facer os fans era denunciarte!!!!

Fagot

Le tamén as opinións de: Nacho Vigalondo, Psicopanadero, E. Martín, David Muñoz, Buchinsky, Xabibenputa, Álvaro Pons, Edu, Rafa Marín, Uruloki, Kraken17, DVD ou absence. E máis en Twitter.

Watch Torino (ou Gran Men)

Ola, xente.

Watchmen é… Watchmen supón… Watchmen… estooo, Watchmen… er… si… Watchmen… si… ou sexa, para falares de Watchmen temos que… temos que…

Temos que deixar de pensar en Gran Torino, e eu de momento non estou como para facelo.

Primeiro consello: non vaiades ver Gran Torino antes que Watchmen. A segunda non ficará na vosa cabeza; de feito, estaredes diante da pantalla de corpo presente, coma quen di, se sodes dos que coñecede-lo traballo orixinal. Gran Torino é demasiado boa coma para deixarvos atender a unha adaptación que resulta todo o fiel que pode ser, pero nada máis. Esa virtude convértese nunha lousa enriba dela. Na miña opinión. Semellante perfección no respecto pola obra de Moore-Gibbons impídelle crear unha emoción de seu nesta versión da 7ª arte. Ou pode ser que eu estivese demasiado emocionado logo de ver a Clint predicando en Gran Torino. Poder ser iso, si. Seguramente sexa iso, polo que xa digo: non vaiades de sesión dobre con estas dúas pelis, nunca con Gran Torino de primeira. Queda dito.

Segundo consello: fiádevos máis de ifrit que de min, porque sobre Watchmen non teño nada esencialmente positivo que dicir. Ollo, tampouco nada esencialmente negativo. E pode que tal cousa sexa o peor. Se cadra Snyder tiña medo de luxar unha magna obra coma a do par citado, e iso púidoo levar a non tomar riscos. Pode que si, pode que non. O caso é que a metraxe se fai un tanto lenta, pero a novela da que sae non é unha barullo de acción mais doutra cousa, polo que non é un fallo. Porén a película non é exactamente o que na miña opinión debería ter sido, que sería exacta. Pódese comprobar como funcionan os dous finais. E iso non debería ser. Se copia e pega é, pois copia e pega, non inventes e metas un final que non mellora o propio. Pero é a miña opinión.

Terceiro consello: pasade polo cine. Watchmen ten calidade de sobra para xustificar ese dispendio. E a recreación é demasiado boa como para non aproveitala.

Xustiño. Deume tempo de escribir algo sobre os vixiantes. Menos mal. Agora xa volve Clint, xunto con Josey “chuspo-en-todo” Wales, o Predicador, William Munny, Harry, o sarxento Highway, etc. etc. etc. Meus, non sei vos, pero nestes momentos estoume lembrando de Fernando Trueba e Billy Wilder, xunto cun proceso mental paralelo de comparación entre Watchmen e The Dark Knight, para rematar nunha solución conxunta un tanto caótica, que resulta nun “I believe in Har.. en Clint Eastwood”.

Don Vitto

PS: O ritmo que ten toda a metraxe de The Dark Knight é o único que lle faría falla a Watchmen para subir moitos enteiros, pero para iso Zack Snyder tería que ter feito unha peli baseada pero independente do mito.

 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.