"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

FestivaisArchives for category

Porto. Día 4

Explosión protéica!! Podían telo chamado así, con signos de admiración e todo, mais non, preferiron chamalo “francesinha”. Para os non iniciados direi que a francesinha é un sandwich (si, si, un sandwich!) que se fai da seguinte maneira: unha rebanada de pan de molde, unha loncha de xamón de York, un filete de vitela, salchicha, chourizo e por riba de todo queixo fundido, ademáis a minha tamén levaba un ovo fritido no cumio e patacas fritidas. Todo regado cun prebe feito con tomate, cervexa e picante. Tardas entre uns 15 e 20 minutos en caer totalmente rendido do sopor que produce a súa dixestión.

A primeira desta viaxe foi nun sitio chamado Tupí, tamén preto do teatro Sá de Bandeira.

E despois da sesta máis cinema:

Mirror. Podía ter sido unha boa historia de pantasmas malaia, mais alóngase en exceso e pérdese po-lo caminho. Unha moza a piques de casar ten un accidente, fai unha ferida na cara que non cura e comeza a escoitar voces que non lle dan moi boas ideas, semella que todo é culpa dunha maldición familiar e do espello do seu cuarto.

Suspenso para a organización do Fantasporto que nos fixo ver os primeiros 20 minutos primeiro a imaxe, despois a voz, despois os subtítulos en inglés e por último os subtítulos en portugués… Todo desincronizado. Para tolear.

Dark Corners. Unha muller sometida a un tratamento de fertilidade é asaltada por pesadelos nos que ve a outra muller moi semellante a ela que vive nun mundo oscuro e cheo de perigos. Sonho e realidade mistúranse durante toda a cinta, mais o que semellaba unha boa idea ensaríllase de tal maneira e pasan tantas cousas irrelevantes que ó final todos celebramos que rematara. Inda por riba a pretendida moralexa do filme non ten sentido ningún.

Cannibal, The Musical. Hai títulos nun festival que sabes que van ser un éxito seguro. O deste filme vén da suma Trey Parker + Troma + musical. Un mineiro namorado da sua égua é acusado de canibalismo e de matar ós seus companheiros no caminho de Utah a Colorado. Unha xornalista convencida da súa inocencia intentará axudalo. Un viaxe fascinante através do corazón dos EUA adobiado con cancións, pelexas con trampeiros e bondadosos nativos americanos samurai. Sangue, cancións e moito moito humor. Quen precisa de máis?

Déixovos, que vou ver o río.

Estou de vacacións, así que durmo ata tarde. Paseo, recollo as entradas do día seguinte e vou comer. Hoxe toca carne, Entrecosto con patacas fritidas nun local xusto enfronte do cine Sá de Bandeira. Rico, boa cantidade e bo prezo. Xa lle empezo a coller o xeito a esta comida.

Natural city. Pesadísimo filme de ciencia ficción e romanticismo. A finais do século XXI os robots son idénticos ós humanos e reproducen os seus sentimentos e actitudes á perfección. O problema é que tenhen caducidade e unha curta vida. Un policia de moral laxa namora dun destes robots e fará todo o posíbel para que a súa namorada non morra. Por outro lado unos cyborgs militares descontrolados atacan un banco de ADN non se sabe con que fin.

Un filme con boas doses de ciencia ficción, acción e sangue e romanticismo, mais falla no ritmo e nalgunha cousa máis e ó final faise pesada de máis. Unha outra oportunidade do cinema coreano perdida. (Tamén penso que o filme é moi do gusto e do estilo que se fai por esas terras)

Hell’s Ground. Gore pakistaní. Como vos quedou o corpo? Pois si, alí estaban os produtores do primeiro filme gore de Pakistán. Agardan que sexa o principio dalgo e só o final do bo gusto no país. Unha moi decente historia de adolescentes que minten na casa para ir ver un concerto. Alugan unha camioneta e polo caminho atopan campensinos zombis, un ermitanho vampiro e un asasino con burka e un esmagacabezas. Sangue, malas ideas e conversas de manual. Ó final non fai outra cousa que trasladar paso a paso as características do american gothic a Pakistán cun par de actualizacións. Para a próxima agardamos verdadeiro pakistan gothic (ou algo peor)

Mother of Tears. Final da triloxía do mestre Darío Argento ca súa filla, Asia Argento, como protagonista. Non vos vou mentir. A Argento foiselle a cabeza ou no se toma en serio a si mismo. O filme é un continuo despropósito, un detrás do outro, e ó final os protagonistas rin cunha sonora gargallada. Sen dúbida algunha rin do público.

A historia: Fóra dun cemiterio atopan uns restos pagáns que ó ser manipulados espertan á Nai das Bágoas, a derradeira de tres poderosísimas bruxas (as outras dúas morreron nos dous anteriores filmes, of course) que convoca a tódalas bruxas do mundo para destruir Roma.

Para moi moi fans de Argento ou para botar unhas boas risas. O mellor, o mono.

Antes disto puidemos ver dúas curtas moi distintas entre elas. A primeira (en estrea europea co director recén chegado do Canadá), Peekers, unha inquietante historia de ladróns de corpos; e a segunda, Found Objects, un surrealista conto mudo (mais con son) no que non se sabe moi ben o que está a pasar. A ambientación, os decorados, os efectos, os actores, todo, está moi coidado.

E para finalizar dous apuntamentos:

A Galiza máis cultural segue invadindo Porto, desta volta tócalle o turno ó Play-Doc de Tui, que ten a cidade invadida de cartaces e un día destes fan a presentación na Fnac.

O outro é un apuntamento deportivo. Onte tivo lugar o derby, Sporting – Benfica. Resultado final 1 – 1, o Benfica saiu ganhador.

Porto. Día 2 (bis)

O de onte foi unha excepción, as entradas son ó día seguinte, non no día.

The Eye 10. Primeiro filme para min do festival. Pre-estrea europea para este filme dos irmáns Pang. Nesta ocasión preséntannos unha historia de medo e humor a partes iguais. Un grupo de amigos estudantes de Hong Kong van de vacacións a Tailandia e unha noite aburridos deciden seguir as indicacións dun libro que amosa dez maneiras para ver pantasmas. O que empeza como un xogo complícase e convírtese nun pesadelo. Semella que non foi boa idea. O principio do filme está ben, mais cando voltan a Hong Kong hai algúns problemas de ritmo. De todas maneiras conseguen rematar dunha maneira digna.

Un filme divertido e ben feito de terror adolescente. Especial atención a Bongkoj Khongmalai.

Con Nightmare houbo un problema de loxística e rematei indo ó Maus Habitos á presentación de dous libros de escritores galegos. E como alí estaban Suso e mais postscriptum aproveitamos para ir cear xuntos ó Pink, un local de comida caseira onde puiden probar un Lombo Recheo (non sei de que) con Arroz e Ensalada que estaba moi rico. Agora tenho unha débeda con postscriptum.

Para os que nunca estivéchedes por aquí vou explicar unha cousa curiosa. En todos os menús hai prezos para racións enteiras (1 dose) ou para medias racións (1/2 dose), a minha recomendación e coido que a de todo o mundo é pedide sempre 1/2 dose as racións son ben abundantes; 1 dose chega ben para compartir entre dúas persoas. A nosa figura en perigo.

Despois de probar unhas mesas e pedir uns cafés e infusións no luxoso Majestic toca sesión dobre.

Presumptes Implicats. Non todo no Fantasporto é cinema fantástico e este filme é unha proba. Enric Folch e os seu filmes (longas e curtas) pertence a ese grupo de amigos que todo festival ten. Desta volta Enric Folch presentaba unha comedia de enredo,primeiro pase público. O filme conta de como cinco amigos na treintena que xogan xuntos ó futbol arruínanlle a vida a outro e como polos remorsos (e pola insistencia dun deles) deciden arranxarlla de novo.

Como lle dixen ó director á saida do filme, está moi ben; moi ben enfiado, mantente sempre pegado á historia e os actores están xeniais. Quen me ía dicir a min que Leticia Dolera, Iván Massagué ou William Miller falaban tan ben catalán.

Apuntamos para ver o anterior filme de Enric Folch: Tempus Fugit, este si de xénero fantástico.

Triangle. E chega a hora da primeira mostra de HK da man de tres directores de altura como son Johnny To, Ringo Lam e Tsui Hark. Tres conhecidos atópanse en situacións apuradas cando misteriosamente aparece un home que lles ofrece a solución: recuperar un tesouro que permanece agochado nun edificio gubernamental. Non te metas en sarillos. Tamén pode ser porque estaba pegado á historia, mais non diferencie os segmentos dirixidos por cada un dos directores. Unha historia sobre o patetismo humano e os sarillos que se ensarillan. En definitiva unha desas historias con moitas personaxes e innúmeros intereses e bandos que se cruzan das que tanto gustan en Hong Kong.

E déixovos, que inda que é unha hora menos tamén temos que comer e hai que ir buscar as entradas de manhá e ir preparando o día de hoxe.

Porto. Día 2

Día 2? E onde está o día 1? Pois o día 1 foi o día da viaxe, da chegada á Praça da Galiza e durmir coma un campión despois de reconhecela zona. Perdín a posibilidade de ir ver cousas como The Band’s Visit, Cello, Daddy’s Girl, Lorna, Muoi: The Legend of a Portrait ou Full Metal Yakusa; mais agora estou con máis forzas para o que me queda por diante, que non é pouco.

Día 2. Erguerse pronto, pasear, tirar ducias de fotos e investigar. Cunha Super Bock negra nunha terraza remato de repartir os filmes e os días.

Hoxe sábado toca:

17:15 The Eye 10. Pre-estrea europea do último filme dos Pang Brothers.

21:30 Brain Dead. Un clásico do mestre Peter Jackson (a ver se algún día destes deixa de facer supreproducións e volve ó látex e ós quilolitros de sirope de arce)

23:30 Presumptes Implicats. Ter que vir a Porto a ver cinema en catalán… Un filme de enredos e non sei moito máis.

01:15 Triangle. Unha historia contada dende tres puntos de vista en tres segmentos dirixidos por Ringo Lam, Jonnhy To e Tsui Hark. Por directores que non sexa.

Como non podía ser doutra maneira esta crítica zinéfaga vai acompanhada da súa correspondente crítica gastronómica. É a minha primeira vez en Portugal a serio e no tocante ós sabores, de momento, semella que estou nun pais moito lonxano.

O primeiro día comín nun salón de te (Aviz): Caldo verde (o verde era céspede ou algo semellante) e de segundo Lulas estilo ‘no me acordo’ (lulas en cebola con arroz). Nada especial, boa cantidade.

E hoxe comín nunha adega (Frores dos Congregados): Sopa de verduras (o bo das sopas e caldos e que costan 1’50 € máis ou menos) e Vitela “a un estilo raro”(a vitela parecía atropelada e tinha bastante graxa e ternillas, mais as patacas estaban simpáticas, crocantes por fóra e brandinhas por dentro) E de postre quería tomar requeixón, mais non lles quedaba e recomendáronme pera ó vinho (craso erro, non gustei) E inda por riba cobráronme as aceitunas e maila manteiga que eu non pedira.

A ver se descubro algún sitio xeitoso.

De momento o mellor a pensión. Custa o mesmo que a de Donosti mais é individual, con televisión, banho con ducha, etc. Un luxo! E con almorzo incluido! E nunha zona peonil no centro mesmo!! E con internet!

Xa vedes que todo ben, e ademáis hoxe hai desembarco galego en Porto. Eu para empezar xa me atopei con Suso.

Xa está ben de tanta festa, tanta volta e de facer cousas de proveito! Remato a crónica de Donosti e botámonos a andar de novo, ou? Hai alguén aí?

Filme sorpresa. O filme sorpresa tivo lugar no recentemente restaurado Teatro Cristina, ó que as miñas fotos non fan xustiza. O filme en cuestión foi Jack Brooks: Monster Slayer, cuxo único punto de interese é que contaba con Robert Englund no reparto. O resto é ben malo, dende a historia ós actores pasando po-los efectos (nin sequera para os amigos do látex/inimigos do CGI)

Gala de clausura. Santiago Segura animando o cotarro, entrega de premios e proxección de [REC] (agora que xa a viu todo o mundo non podo dicir moito. Só direi que está moi ben, que inda que a idea non é orixinal si souberon facela súa e que en Donosti os filmes vense doutra maneira e é difícil que dean medo)

Festa VIP. Que esperades que conte dunha festa na disco máis pigha de todo o norte peninsular, con barra libre de canapés, cervexa, viño e refrescos e con algúns dos máis importantes persoeiros da Semana? Un colado de fotos de mostra:

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: sillóns, decoración, con Borja Cobeaga, ca xente de [REC] (Paco Plaza, Manuela Velasco, Jaume Balagueró e ,recortado, o bombeiro), con Alaska, co director da Semana, nunha bañeira, cos máis góticos do lugar e camiseta The Host.

Balance. Moi moi positivo. Hai que volver, sen dúbida. Pelis para tódo-los gustos e posibilidade única de velas. Dúbido se o mellor é a cidade e a súa gastronomía ou o ambiente sen par do festival, cos seus berros e demáis.

Vémonos o ano que vén!!

Veña, vai, que xa queda pouco.

The damned thing: Capítulo correcto da segunda tempada de Masters of Horror dirixido por Tobe Hooper con forza descoñecida e xente que se volve tola.

How to get rid of the others:  Inda me estou preguntando que facía este filme nunha Semana de Cinema Fantástico e de Terror. Explícome. É un bo filme, pero o seu contido é social e non ten o máis mínimo atisbo de terror ou fantasía (só que é un futuro non moi lonxano)

O filme cóntanos como en Dinamarca montan campos de concentración e xurados militares para desfacerse de toda aquela xente que leva moito tempo recibindo axudas e demáis do Estado sen aportar nada a cambio. Unha idea de conversa de bar levada á práctica ata as súas últimas consecuencias.

Bos actores, unha historia que fai pensar mais con boas dosis de humor negro… mais non sei que facía por aquí…

Feast:  Humor negro, moita sangue e situacións imposibeis. Algo así como que pasaría se os Aliens rodearan un bar de estrada no medio de ningures cunha clientela do máis dispar. Recoméndabel.

E para rematar o día The Rocky Horror Picture Show. Eu xa o vira en Compostela, mais desta volta con actores molestando po-lo medio. Estaba ben, mais coido que moita xente virxe (así se chama os que nunca a viron) non se enterou moito pois esta xente anda po-lo medio da pantalla ademáis de animando á xente da platea.

Espero qeu a organización aprendera e non volva a pór en mans do público da Semana matasogras. Que suplicio!

Donosti. Día 6. Pouca chicha

E outro día con cinco filmes para ver (máis curtas)

The Tatooist: Para amigos das tatuaxes e da cultura maorí e semellantes, pouco interesante para os demáis.

Un tatuador desleigado vai de feira en feira roubando deseños e nunha desas rouba un instrumento sagrado de tatuar que un espírito usará para vengarse. Tamén é verdade que quedei durmido, pero o que vin (principio, algo do medio e final) non era moi alá.

Highlander: The Search for Vengeance: Un novo capítulo da saga dos Inmortais, desta volta en animación e da man de Yoshiaki Kawajiri (Ninja Scroll, Wicked City…)

A historia que conta está máis vista que eu que sei e a forma de contalo igual. A animacion de Kawajiri xa non nos sorprende, así que podemos sumar esta ó montón de Inmortais para esquecer.

Aachi & SSipak:  Todo o contrario pódese dicir deste outro filme de animación xaponesa. Deseños pop en 2D perfectamente ambientados en escenarios 3D, un ritmo e unha historia de non parar e todo cheo de referencias a ducias de películas.

A historia é a clásica de un botín e varios bandos detrás del, pero con varias peculiaridades que fan ó filme diferente e digno de ver, entre elas que a nova moeda de cambio nese futuro próximo é o equivalente á merda que cada cidadán caga. Escatoloxía sen parada.

À l’intŕieur:  Os franceses atacan por partida dobre. E con varios puntos en común: as dúas teñen como fondo os disturbios dos arrabais de París, ningunha das dúas aforra en litros de sangue nin en escenas esplícitas, amén de deixa-la corrección política a un lado, e as dúas protagonistas están embarazadas (a de Frontière(s) recén embarazada e menos importante no devir da historia)

Unha muller embarazada  fica soa o día de Nadal xusto o día antes de dar a luz. Po-la noite unha extraña entra na súa casa para arrebatarlle o fillo como sexa. Moita sangue, moita violencia e nada de respecto por nada. Ó igual que a outra peli francesa crea ambientes opresivos e de impotencia que se rompen de forma brutal e fatal.

Outra ópera prima arriscada, po-lo xénero e as achegas ó mesmo.

Dard Divorce:  E cando inda nos estabamos a limpar o sabor a sangue da boca apareceu un xigantón alemán para presentarnos en premiere mundial un filme ó que lle faltaban os efectos especiais.

Por decisión popular o peor filme da semana. Actores de pena, historia e dialogos totalmente prescindibeis, escenas gore  ‘chapuceras’. Coido que non vou salvar nada e recoméndovos que fuxades de Olaf Ittenbach.

Saimos ás catro e pico, cuspindo no chan e cagándonos (amigabelmente) no director da Semana. Mañá será outro día.

Donosti. Dí­a 5. Halloween

(Debido a problemas técnicos e doutras í­ndoles o relato do sucedido foi interrumpido, mais xa está de volta. Tampouco ninguén o botou de menos)

E chegou Halloween, o Dí­a das Cabazas, o Samaí­n, o Dí­a de Tódolos Santos ou como queirades chamalo. O primeiro dos dí­as grandes.

E sen más voltas imos ó que imos.

Epitaph: Filme coreano ambientado durante a invasión xaponesa, que conta tres historias ambientadas nun hospital universitario. Para min foi un pouco lí­o e as historias tampouco eran moi alá. Mais se temos en conta que é unha ópera prima isto fáinos ter algo de esperanza en próximos proxectos dos irmáns Jung (mira que me costou atopalo no IMDB)

Halloween: Unha das agardadas da Semana. E non decepcionou. Rob Zombie fai unha actualización máis que decente deste grande clásico do cinema de terror. E unha vez máis os nenos dan moito, pero que moito medo (máis que un tipo de dous metros cun machado) E unha vez máis Rob Zombie non perde a ocasión de recordarnos o boa que está a súa señora.

Teeth: Terror adolescente e o mito da vagina dentata. Frouxa en tódo-las frontes: humor pobre, pouco medo/terror/sustos, a suposta guapa tiña unha cara rara… Inda que os ataques son poucos sangue non falta (que esperabades, a posuidora de tan temíbel horror é unha férrea defensora da castidade xuvenil) Para pasar o rato.

E chegou a gala da noite de Halloween. A organización tiña preparado un concerto dun grupo de afeccionados chamado Los del Gas con letras graciosas, mais o público queria cinema.

Frontière(s): Brutal gore francés. Litros e litros de hemoglobina, as torturas máis horrendas e as mortes máis desagradábeis. Delicioso.

Un grupo de mozos fuxen de París en plenos disturbios cun botín en dirección á fronteira holandesa. No camiño atoparán un motel e uns personaxes do máis disfuncional e con máis dun segredo agochado. A maioría deles tamén atopará a morte entre gritos, mais ninguén pode escoitarte na campiña francesa.

O clásico da familia de paletos do American Gothic traducido ó francés. Unha ópera prima chea de boas momentos e boas actuacións. O dito, moito sangue (pero moito moito) e unha grande cantidade de barbaridades.

Poultrygeist: Night of the Chicken Dead: E chegou a que para min foi a mellor película da Semana. Unha produción da Troma en estado de gracia.

O argumento é moi sinxelo: unha cadea de cómida rápida con polo levanta un novo restaurante enriba dun cemiterio indio. O lío está armado. No medio unha parella, un vello amor, mais imposíbel: ela é vexetariana e el traballa no restaurante.

O filme é un exceso. Podería contarvos aquí escena por escena, con tódo-los pormenores cos que disfrutei sen igual, pero sería demasiado extenso. Simplemente listarei os ingredientes cos que está feito: tetas, cus, látex, sangue, gómitos, merda, líquidos corporais, plumas, números musicais, bailes, crítica política e social, incorrección política, sangue, volencia e moito, moito humor. O dito, pura Troma.

Saimos do teatro pasadas a seis da madrugada e sen dúbida pagou a pena.

Isto de face-la introdución cada vez é máis complicado, tódo-los días son moi semellantes.

Erguinme, fun de paseo, escribín a crónica do día anterior, comín un pintxo de lombo con pemento e pementos caseiros recheos (non me preguntedes de que) nun bar de barrio de Irún e de aí a ver cinema e máis cinema.

La Criatura Perfecta. (Nova Celandia) Non vos podo contar moito deste filme porque quedei durmido (fago máis cousas das que conto neste bló), mais si vos podo dicir que ten moi boa pinta. Os vampiros (Irmáns) e os humanos viven en perfecta armonía, inda que estes miran con desconfianza ós primeiros a pesar de que levan máis de 300 anos sen matar (organizados en forma de igrexa viven en simbiose cos fieis) E aquí empeza unha historia de asasinatos, investigacións, virus do que non vos podo contar moito. Sen dúbida o máis interesante desta proposta é que a historia desenvólvese nunha ambientación steam actual, alonxándose doutras historias de vampiros recentes coma Blade, Underworld ou Dracula 2000 cunha estética futurista.

O que non conseguín descubrir foi a conexión que anunciaban no cartace: “Dos creadores de O Señor dos Aneis”.

Storm Warning (Australia): Traslación do clásico da American Gothic de urbanitas atopan familia de paletos túzaros a Australia. Parella pérdese navegando, atopan unha casa, chegan os donos, os donos son uns tarados psicópatas, a cousa desmádrase, sangue, sangue, angustia e carreiras. Nada novo mais pasas o tempo.

Para cear bocadillo de tortilla de atún do Juantxo (a este ritmo vou probar toda a carta)

Dainniponjin (Xapón): De momento a grande descuberta do festival. Non hai palabras para describila (po-lo menos sen contar de que vai, cousa que non vou facer por que este filme hai que velo virxe) Tamén teño que dicir que o principio é moi desconcertante e se non estiveramos nun cine para vela ex profeso non chegaríamos a ver máis de 10 minutos. Altamente recomendábel para fans de Bobobo-bo bobo-bo.

E preparádevos, que hoxe toca Halloween/Samaín/Día das Cabazas! (cando chegue a casa haberá fotos)

Donosti. Día 3. Frouxo

Manter o nivel tan alto non é nada fácil e hai días mellores que outros.

Onte tocaba maratón, pero o nivel non foi nada do outro mundo.

Curtas españolas. O futuro (tamén o presente) está nas curtas inda que nesta ocasión non houbo ningunha cousa sobresainte. Plastilina e kriters, pombas e asasinato marcha atrás, reinvindicando o dereito a ser raro e fan de Eduardo Manostexoiras, La Hora Chanante (chanante!), euskadi profunda, un Mars Attacks con theremin e Alaska (sobresainte os marcianos), animación artística, gore burro e animación minimalista. Os directores que puideron asistir foron presentando as curtas.

E logo tres filmes (case) dunha sentada.

Sei quen me matou. Telefilme dos de A3 os sábados despois do xantar. Mala de solemnidade. Só para fans de Lindsay Lohan, ou algún perdido de Julia Ormond (e para os máis enfermos tamén sae Neal McDonough.)

1408. Só con contar como protagonista con John Cusack e Samuel L. Jackson de secundario este filme xa ten algúns puntos deste bló. O clásico da casa encantada reducido a unha soa habitación. Non é nada novo pero si que está moi ben feita e mantenche co corazón nun puño e dándolle voltas á cabeza.

Ha historia é sinxela. Un escritor escéptico non cre na lenda dunha habitación dun hotel maldita. E claro, a habitación está maldita que se non non habería película, e aí temos ó bo de John Cusack puteado po-la habitación dubidando entre a realidade e fantasía.

O outro. Disque un clásico do American Gothic a reivindicar. Eu coido que escoitei algo que non debía no descanso e non me chistou nadiña. Eso si, os nenos seguen no número un de fillos de mala nai nos filmes de medo. Para ver e opinar.

Unha familia de orixe ruso vive nunha lugar indeterminado dos profundos estados unidos onde a imaxinación dos nenos e as mortes desatadas ó seu arredor sobresaltan a súa apacíbel e tranquila existencia.

Para equilibrar o baixo nivel bocadillo de txistorra do Juantxo (haberá que ir cambiando)

Donosti. Dí­a 2. Invasión zombi

Para coller forzas nada mellor que ir comer a un caserío, neste caso Susperregui. Alá­, non alto dun monte nunha paisaxe idí­lica chea de piñeiros. Pratos combinados, bocadillos, sidra, bo peixe, mellor carne. Eu quedei cunha ensalada mixta e unhas costelas de tenreira. Rico, rico.

E co bandullo satisfeito a mogollón!

Contos de Terramar. Comezamos a tarde coa primeira pelí­cula do fillo de Hayao Miyazaki, Gosho Miyazaki, e que conta coa participación de Carlos Núñez na súa banda sonora de inspiración irlandesa. E pouco máis interesante pódese dicir deste filme de animación que calca o estilo propio do estudio (cando non o copia de cintas como Nausicaa, eses gardas, esas capas…) e troca a mensaxe ecoloxista do pai por unha de amor á vida para tardoadolescentes con tendencias emo e/ou suicidas.

Descanso e bocadillo de tortilla de pataca rechea de txaka máis caña, outra vez no Juantxo (cando tes presa hai que ir a tiro fixo)

Resident Evil 3. Extinción. Non gustei demasiado da primeira e xa non vin a segunda, da que tampouco me falaron moi ben, pero podo dicir que gustei desta terceira entrega rendida ó xenero zombi sen ningún tipo de complexos.

Os Estados Unidos están a piques de sucumbir baixo o avance dos infectados po-lo virus T. Só quedan que saibamos os investigadores do Proxecto Umbrella que buscan unha cura, unha caravana de civí­s e Alice.

Ambientada totalmente nun mundo post-apocalí­ptico o filme ofrécenos grandes escenas de loita zombi, sangue, casquerí­a, mortes espectaculares, sangue, moita sangue e algún ataque tipo Matrix, que agora Alice é a elixida. Un argumento sinxelo pero efectivo oportunamente adobiado cos mellores tics do xénero.

E preparádevos, que chega a cuarta parte en Tokio. Que manteñan a liña.

E máis zombis. Primeiro da man dunha simpática curta arxentina, El acomodador de zombies. Os mortos voltan á vida para ver a estrea da Noite dos mortos vivintes en 3D. A guerra continúa.

O Diario dos Mortos. E chegou a esperada última cinta do mestre Romero. Se algún dixo que a fin do mundo será retransmitida por televisión, Romero retorce a idea un pouco máis e chegamos a que a invasión zombi será retransmitida por blós, youtube e myspace.

George A. Romero preséntanos a que posíbelmente sexa a súa obra máis claramente social. Rodada cámara ó ombreiro e mesturando imaxes de cámaras de seguridade, webcams e móbiles o filme é un falso documental que amosa a escapada dun grupo de estudantes que gravan todo o que lles pasa mentras reciben información por todos lados mais non saben o que está pasando realmente.

Sen dúbida toda unha reflexión sobre a era da información, os medios en internet e demáis, pero no nivel zombi non aporta nada do que se lle pide a alguén da talla de Romero. Disfrutar disfrutamos, tranquilos.

O que vén a continuación non sei como describilo ben. O propio Hideshi Hino presentou o filme: “Seguro que queredes vela? Sodes uns valentes!” Estaba a falar de Guinea Pig: Flowers of Flesh and Blood, filme famoso no seu tempo pois corría o rumor de que era unha snuff movie e esas cousas.

Nada máis lonxe da realidade. O que puidemos ver era un filme de baixísima calidade raiando o ridí­culo. E é aquí­ onde se fai notar o valor engadido deste festival. A platea e o balcón convertiuse nunha chea de comentaristas espontáneos facendo que o que noutro lugar serí­a motivo de fuxida en masa aquí­ sexa unha exaltación da violencia e a sangue gratuita e un non parar de brincadeiras alusivas.

En definitiva, non recomendo perde-lo tempo vendo este filme de 50 minutos mais si recomendo enfervorecidamente vir a Donosti.

Donosti. Dí­a 1

Xa estou aquí! Non foi sen tempo!

Dí­a 0. A viaxe

Once horas de tren! As nove primeiras ben, lendo e aprendendo con Mondo Brutto e rematando a pesadez de libro El guardián entre el centeno. Coido que inda non o fixen aquí­ pero recoméndovos a tódo-los que nunca o fixéchedes ler Mondo Brutto, con tres números aprendes máis que en toda a Primaria xunta e metes na cabeza máis merda que vendo A3 e T5 durante unha semana. Incrí­bel! (mais certo) E nas dúas últimas horas xa se empeza a nota-lo cansanzo. Falaría do que gusto de viaxar en tren, mais non estamos aquí­ para iso.

Chegada á estación, recibimento familiar e a cear a un restaurante chinés.

Antes de cear nada mellor que unha cervexa e uns pintxos, neste caso uns bolitxes (ou algo parecido), en Juantxo, disque as mellores tortillas de patacas (eu dou fe de que están ben ricas)

Si, estades no certo, esta vai ser unha crónica cinematográfica/gastronómica. Non podí­a ser doutra maneira neste paí­s.

O chinés é nin máis nin menos que o restaurante do presidente da asociación de hostaleiros chineses de Donosti (ou algo parecido, e non recordo o nome), un tipo singular. O restaurante é como de semiluxo (po-lo menos comparados cos de Compostela), con camareiros superatentos e moi simpáticos. As racións son realmente abundantes e eu saín a rolos. Ademáis poñen para picar ó principio e melón e ananás despois da comida todo de balde (atención ós ananás cortados dunha maneira imposí­bel). E chupitos, e cava e… bueno, que non é un deses sitios nos que tes que comer ás carreiras e andan enriba de ti para que marches.

DÍ­a 1. Inauguración

Vai fresco pero tamén vai sol. Todo moi agradábel para disfrutar desta preciosa cidade.

Hoxe comín na casa da miña tí­a e non vou facer crí­tica gastronómica diso. Só direi que estaba moi rico.


Empeza o festival. Está todo a rebentar. Para ir quecendo o ambiente unha representación na rúa enfronte da porta do teatro. Unha calesa con seres demoní­acos no interior e o mesmí­simo prí­ncipe das tebras liderando un espectáculo de danza e música. Estades todos condenados!!, berraba a súa maxestade.

E xa entrados en calor imos para dentro. O meu sitio está no balcón arriba de todo nunha esquina, un pouco esquinado pero vese ben (este vai se-lo meu sitio para todo o festival)

A presentación está a cargo dun dúo cómico local e do director do festival. Po-lo medio presentan Ó xenial mangaka Hideshi Hino que fai unha demostración con catana e traxe ninja (a serio!). Remata a cousa cunha representación moi do gusto do público presente no que unha rapaza de boa familia guiputxi É posuída por un espírito bilbaíno (pode dicir as paradas do metro de Bilbo todas de seguido) e correctamente exorcizada por dous curas ataviados con sendas bufandas da Real.

E chega o cinema.

Empezamos con dúas curtas a concurso. As dúas de animación que mesturan o fantástico e o humor. Para votar temos o Monstruómetro.


E chega o prato forte do primeiro dí­a. Karra Elejalde e Nacho Vigalondo presentan o seu filme. Parcos en palabras dan paso á acción.

Los Cronocrímenes é sen dúbida un filme arriscado dende a súa concepción ata a súa finalización. Unha historia con saltos no tempo e só catro actores. Un thriller minimalista en canto ós seus plantexamentos que manteñen ó espectador pegado á butaca e todo o tempo dándolle á cabeza para seguir a trama.

Para facer un pequeno resumo o filme conta a historia de Héctor, un home que vai vivir coa súa muller a unha casa no medio do monte e un dí­a cuns prismáticos ve a unha moza espirse e vai buscala. Cando a atopa a moza está inconsciente e totalmente espida (ó final é un filme español, ten que haber tetas) e é nese intre cando un home coa cara cuberta cunha venda rosa o agrede e comeza unha persecución po-lo monte. Así­ ata chegar a un estraño complexo cientí­fico onde un científico non menos estraño dille que se agoche na máquina na que estar a traballar. Comezan as viaxes no tempo, pero Só unhas poucas horas Atrás. E as copias de Héctor… O dito, un thriller de enredo con catro actores.

Recordar que Los Cronocrímenes é a primeira longa de Vigalondo e que a súa factura é moi boa. Os actores encaixan perfectamente (entre eles o propio Vigalondo, actor de vocación). Non chega ós niveis de Primer, mais máis de un necesitará un croquis para entendela.


Descanso. Pulso ó ambiente. Hideshi Hino asina o meu exemplar de O neno gusano. Bocadillo de tortilla de patacas do Juantxo.

E toca meterse en vea tres capÍ­tulos de Masters of Horrors. Os dous primeiros (The Washingtonians e The Screwfly Solution, de Joe Dante) teñen pouco de horror e son máis ben comedias sanguentas. Sen dúbida a terceira é a mellor, dirixida por Dario Argento semella un terrorífico anuncio de PETA. En Pelts Argento saca tóda-las súas armas e amósanos a súa condición de vello verde sen miramentos. Nós agradecémolo.

Fin do día 1.

Anexo. Pack do abono.

O abono, ademáis de dar pase a tóda-las sesións dos dous teatros máis Ás festas inclúe unha serie de agasallos.

Dous libros (un é American Ghotic, exhaustivo repaso ó cinema americano de terror máis propio) e dous fanzines/revistas, unha é 2.000 maníacos, a veterá publicación nunha edición especial do festival con contidos xeniais; e a outra é InterZona (po-la que me pregunta Absence) que inda non lin, pero que vos podo dicir que trae un par de artigos (Hernán Migoya, Jesús Palacios, John Tones…) e varias bandas deseñadas de David Rubín, Hideshi Hino, Kano, etc. En próximas entregas máis detalles.

Pois iso que CINEMA FRIKI estará na XVII Semana de Cinema Fantástico e de Terror de Donosti.

Inda non se sabe se haberá conexións en directo co bló.

O programa é máis que atractivo:

E quen sabe, ó mellor despois disto fechamos o chiringuito.

Sitges 07. En directo

Xa sabedes que en CINEMA FRIKI fuximos dos críticos e demáis xentalla e preferimos fiarnos de espectadores coma nós (e se teñen gustos parecidos ós nosos mellor que mellor). Por iso recomendamos segui-la evolución do Festival de Sitges da man de blós amigos como El blog ausente, Tierras de Cinefagia ou o do propio Nacho Vigalondo.

Isto é o que levan comentado ata o momento:

Desde Sitges con ardor (I): Rolda de prensa de presentación

La Miriloto: apostas de Lord Absence

Listado de películas 1 e 2, en Tierra de Cinefagia

Desde Sitges con ardor (III). El Orfanato (en realidade é a II)

Desde Sitges con ardor (III). Stardust

Desde Sitges con ardor (IV). [-REC] (non ler! SPOILER!!)

Superflato Vigalondo acaba de aterrar e inda non cre o de Austin

Desde Sitges con ardor (V) Pase frustrado de It is fine, everything fine, de Crispin Glover

Desde Sitges con ardor (VI) The Fall

Desde Sitges con ardor (VII) The Last Winter

Desde Sitges con ardor (VIII) Hell’s Ground Gore pakistaní

Desde Sitges con ardor (IX) O medo aniña no que non se comprende

Desde Sitges con ardor (X) A tecnoloxía e os acomodadores

Desde Sitges… (I) Senseless, Aparecidos e a curta Go’el (o colega Yume vai de V.I.P.)

Desde Sitges con ardor (XI) Diary of Dead Chega o último de Romero

Desde Sitges con ardor (XII) Dead Silence O director de Saw e bonecos de ventrílocuo

E o festival de Sitges faise ‘madurito’ de verdade cumprindo corenta anos. Que para unha persoa é media vida, pero para un festival son anos e anos, e filmes e filmes, e premios e anécdotas, e acertos e errores, de todo.

Bueno, na páxina web non din nada (en xeral está un pouco desatendida), pero vendo o cartace parece que entre outras cousas celebrarase o 25º aniversario de Blade Runner e de Tron.

Pero fagamos un pequeno repaso (non exhaustivo) ó que nos ofrece este ano o festival:

Gala de inauguración e clausura:

Para abrir unha nova produción de Guillermo del Toro, dirixida por J. A. Bayona e interpretada por Belén Rueda, Fernando Cayo e
Geraldine Chaplin, entre outros. Disque é un drama con toques de terror. Vendo o tráiler parécese demasiado a Os Outros de Amenábar, pero por outra parte aparecen eses nenos con cabeza de boneco que meten bastante medo.
E para cerrar unha á que xa fixemos referencia por aquí, 1408, baseada nunha novela de Stephen King e interpretada por John Cusack e Samuel L. Jackson. Pinta ben.

Sección oficial Fantàstic:

  • L’interior (Inside): Dúas palabras: splatter francés.

  • Los Cronocrímenes: Recén chegado do Festival de Austin co premio baixo o brazo Nacho Vigalondo presenta a súa primeira longametraxe, coa participación de Karra Elejalde, Candela Fernández, Bárbara Goenaga e o propio Vigalondo. Persoalmente téñolle moitas ganas. Botádelle un ollo ós teaser-tráilers 1 e 2.
  • A habitación de Fermat: Intriga matématica dirixida por Luis Piedrahita e Rodrigo Sopeña, interpretada por Santi Millán, Lluís Homar e Elena Ballesteros. Catro matemáticos son invitados a resolver un problema con só dúas preguntas: que os une e por que alguén os quere matar.
  • Halloween: Rob Zombie atrévese a refacer un dos grandes clásicos do terror do mestre Carpenter.
  • I’m a cyborg, but that’s ok: Un novo filme do autor da triloxía da vinganza, Park Chan-woo (Sympathy for Mr. Vengeance, Old Boy e Lady Vengeance). Cunha mistura de xéneros típica do lonxano oriente contanos a historia dunha rapaza que cre ser un robot de combate.
  • Musishi: Katshuhiro Otomo atrévese agora ca imaxe real e ademáis cunha historia de época misturada con seres sobrenaturais. Baseada no exitoso manga de Yuki Urushibara do que xa se fixo unha versión animada.
  • [-REC]: Un dos directores españois máis entregados ó xénero de terror presenta a súa nova proposta: un filme impactante no que un equipo de televisión acompaña a unha brigada de bombeiros nunha saida. Xénero? Terror, of course.
  • El rey de la montaña: thriller de atmosfera agobiante dirixido por Gonzalo López-Gallego que conta con rostro coñecidos como os de Leonardo Sbaraglia ou María Valverde. A típica historia de persoa perdida en inquedante bosque sen saida, mais promete sorprendentes xiros de guión. Nada é o que parece.
  • Sukiyaki Western Django: Non hai xénero co que Takeshi Miike non se atreva, desta volta é unha mistura de spaghetti western e jidaigeki (filmes costumbristas de época), todo cunha estética e uns decorados moi particulares. Miike non deixa de sorprendernos.
  • Teeth: Dúas palabras: vagina dentata. Xénero: terror adolescente gore.
 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.