"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Archives for Librar category

El Fuego (O Lume)

Despois de máis de 20 anos chega ás librarías a continuación do superventas El Ocho, de Katherine Neville. Nesta segunda parte titulada El Fuego a autora repite os mesmos elementos que lle deron o éxito para contar o que sucede 30 anos despois dos feitos da primeira novela.

Cómpre ler El Ocho para comprender e/ou disfrutar deste? Eu diría que si. Pese a que a autora enche a narración con detallados flash-backs e relatos do sucedido a historia é o suficientemente complicada e interesante como para darlle unha lectura. Por iso para facer un comentario deste libro hai que facer referencia ó que se contaba no anterior.

El Ocho conta dúas historias en dúas épocas distintas mais relacionadas entre si. Unha cóntanos a historia na actualidade (1972) de Catherine Velis, unha informática e xogadora de xadrez que buscará por medio mundo un xogo de xadrez lendario e posuidor dunha forza oculta descubrindo que todo forma parte dun enfrontamento milenario polo dominio do xogo e que ninguén é quen parece ser. A outra historia conta a anterior aparición do xogo na historia, dende un mosteiro agochado nas montañas de Francia, pasando polo nacemento da Revolución Francesa ata chegar á Rusia dos zares. Descubriremos así a orixe do xogo, do conflito e algún que outro dos xogadores/pezas máis relevantes.

El Fuego utiliza o mesmo sistema de narración. Por unha parte seguimos na actualidade (2003) a Alexandra Solaris, filla de Catherine Velis, no comezo dunha nova partida polo control do trebello, cando todo o mundo pensaba que xa todo rematara. Alexandra reproducirá nas súas propias carnes o que a súa nai pasou no pasado e do que ela non tiña nin idea e así irá descubrindo todo o que rodea ó lendario e perigoso xogo de xadrez, ademáis de ver como todo o seu mundo non é o que parecía e todos e ela mesma xogan algún papel no enfrontamento do equipo branco contra o negro. Asemade a outra liña de narración continúa o relato da primeira novela e amósanos como a loita dos dous equipos está agochada en moitos dos acontecementos históricos e das decisións políticas do pasado, ligando o xogo con poderes ancestrais e coñecementos ocultos.

Moi moi resumido isto é o que podedes atopar nas novelas de Katherine Neville El Ocho e El Fuego, unha lectura sinxela mais chea de detalles e datos na que participaremos nun xogo que atrapa a todo o que se achega, inzado de misterios e claves ocultas que só os iniciados saben ler. Sen dúbida faría unha boa película, pero non me poñades a Nicolas Cage de protagonista como en A Busca.

El Fuego sae mañá día 29 de decembro á venda en todo o estado, inda que en El Corte Inglés xa o podedes atopar dende fai uns días. Hai dúas edicións, unha en castelán e outra en catalán.

Un lectura lixeira para desfrutar no autobús, sen moitas complicacións mais chea de elementos históricos e esotéricos ben documentados que farán que quedes atrapado no xogo. Atente ás consecuencias.

Le o primeiro capítulo aquí.

Podedes ler isto gracias a Bloguzz.

 

About Author

CINEMA FRIKI é un blogue de novas e de opinión sobre o cinema que máis nos gusta. Aventuras, acción, fantástico, ciencia ficción, terror, medo, ultraviolencia, de chineses, HK, anime, serie B, serie Z, clásicos, series e moito máis teñen sitio neste recuncho da internet que levamos facendo interrumpidamente dende 2005. CINEMA FRIKI fai parte da rede de blogues Vencello.