"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

Porto. Día 2 (bis)

O de onte foi unha excepción, as entradas son ó día seguinte, non no día.

The Eye 10. Primeiro filme para min do festival. Pre-estrea europea para este filme dos irmáns Pang. Nesta ocasión preséntannos unha historia de medo e humor a partes iguais. Un grupo de amigos estudantes de Hong Kong van de vacacións a Tailandia e unha noite aburridos deciden seguir as indicacións dun libro que amosa dez maneiras para ver pantasmas. O que empeza como un xogo complícase e convírtese nun pesadelo. Semella que non foi boa idea. O principio do filme está ben, mais cando voltan a Hong Kong hai algúns problemas de ritmo. De todas maneiras conseguen rematar dunha maneira digna.

Un filme divertido e ben feito de terror adolescente. Especial atención a Bongkoj Khongmalai.

Con Nightmare houbo un problema de loxística e rematei indo ó Maus Habitos á presentación de dous libros de escritores galegos. E como alí estaban Suso e mais postscriptum aproveitamos para ir cear xuntos ó Pink, un local de comida caseira onde puiden probar un Lombo Recheo (non sei de que) con Arroz e Ensalada que estaba moi rico. Agora tenho unha débeda con postscriptum.

Para os que nunca estivéchedes por aquí vou explicar unha cousa curiosa. En todos os menús hai prezos para racións enteiras (1 dose) ou para medias racións (1/2 dose), a minha recomendación e coido que a de todo o mundo é pedide sempre 1/2 dose as racións son ben abundantes; 1 dose chega ben para compartir entre dúas persoas. A nosa figura en perigo.

Despois de probar unhas mesas e pedir uns cafés e infusións no luxoso Majestic toca sesión dobre.

Presumptes Implicats. Non todo no Fantasporto é cinema fantástico e este filme é unha proba. Enric Folch e os seu filmes (longas e curtas) pertence a ese grupo de amigos que todo festival ten. Desta volta Enric Folch presentaba unha comedia de enredo,primeiro pase público. O filme conta de como cinco amigos na treintena que xogan xuntos ó futbol arruínanlle a vida a outro e como polos remorsos (e pola insistencia dun deles) deciden arranxarlla de novo.

Como lle dixen ó director á saida do filme, está moi ben; moi ben enfiado, mantente sempre pegado á historia e os actores están xeniais. Quen me ía dicir a min que Leticia Dolera, Iván Massagué ou William Miller falaban tan ben catalán.

Apuntamos para ver o anterior filme de Enric Folch: Tempus Fugit, este si de xénero fantástico.

Triangle. E chega a hora da primeira mostra de HK da man de tres directores de altura como son Johnny To, Ringo Lam e Tsui Hark. Tres conhecidos atópanse en situacións apuradas cando misteriosamente aparece un home que lles ofrece a solución: recuperar un tesouro que permanece agochado nun edificio gubernamental. Non te metas en sarillos. Tamén pode ser porque estaba pegado á historia, mais non diferencie os segmentos dirixidos por cada un dos directores. Unha historia sobre o patetismo humano e os sarillos que se ensarillan. En definitiva unha desas historias con moitas personaxes e innúmeros intereses e bandos que se cruzan das que tanto gustan en Hong Kong.

E déixovos, que inda que é unha hora menos tamén temos que comer e hai que ir buscar as entradas de manhá e ir preparando o día de hoxe.

Comments are closed

 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.