"Só leo este blogue para saber o que non teño que ver", Martin Pawley (días estranhos)

We watched Watchmen!

E chegou o día. Unha das estreas máis agardadas dos últimos tempos, a adaptación a pantalla grande do Quijote da banda deseñada. A verdade é que xa lle collemos un pouco de medo a isto das adaptacións de banda deseñada e intentamos non facernos moitas ilusións, mais o Watchmen de Zack Snyder está a altura da versión orixinal, e moito.

Intentar contar aquí de que vai Watchmen e todas as súas bondades, innovacións e excelencias dentro do mundo da banda deseñada e niso que se deu en chamar novela gráfica coido que sería excesivo para o que neste bló se pretende, por iso voume limitar á versión cinematográfica e intentar transmitir o moito que disfrutamos.

Ó igual que a banda deseñada de Moore e Gibbons, o filme de Snyder pódese disfrutar a moitos niveis e inda que o visionado deste dura moito menos que a lectura de aquela soubo facer unha escolma dos mellores momentos e dos mellores argumentos que fixeron de Watchmen unha das obras mestras da novena arte. Unha ambientación xenial (tanto histórica como de momentos), un casting de actores de luxo, un deseño de vestiario e de complementos actualizado e ó mesmo tempo tan fiel ó orixinal que pasa desapercibido…
Zack Snyder é un auténtico siareiro disto da banda deseñada e por iso respecta e fai súa (e non ó revés) cada unha das obras ás que se achega. O director glosa de maneira sublime unha obra rica en detalles como poucas sen deixalos de lado ó mesmo tempo que ten que ter en conta que ten unha metraxe limitada. Os mellores momentos da banda desañada, cos que más disfrutamos, e ó mesmo tempo eses pequenos detalles, esas chiscadelas coas que sorrimos ó descubrilas, están no filme, perfectamente integrados e sen deixar de ser iso, un filme. Todos temos na mente que Zack Snyder antes de todo isto adicábase a facer videos musicais e por iso dalle tanta importancia á posta escena e ó impacto visual, mais non dunha maneira baleira, senon que todas as súas imaxes teñen uns bos vimbios por detrás. Porque se alguén cre que isto só é un exercicio visual, e a banda deseñada só cuadriños coloreados, avisar que en Watchmen, en todos eses niveis dos que falabamos antes, fala de moitos dos temas que preocupan ó ser humano dende o principio dos tempos, dende o máis persoal ó máis mundial e universal. Porque non debemos esquecer que estamos falando dun grupo de homes e mulleres que se disfrazan, sen moito gusto, para loitar pola xustiza.

Podería estar aquí falando tempo e tempo, porque disfrutei moito (e espero disfrutar máis as próximas veces que a vexa), mais prefiro falar nos comentarios e ver máis opinións.

E recordade que esta versión non queda só nunha película, senon que a rede está inzada de material promocional que a complementa, dende webs, contas de twitter, de flickr, con imaxes, anuncios, xornais, webisodios, a versión animada de Tales of the Black Freighter, etc. etc.

ifrit

O Comediante
Esperando por un remake mellor…

Por algunha estraña razón nunca dou coincidido con ifrit no referente a filmes que parten coa pretensión de poder convertirse en filmes de culto. Este é o caso de Watchmen, a adaptación cinematográfica do tebeo do mesmo nome e o maior bodrio das pelis-comic desde que o estafador de Shyamalan fixera aquela porquería que se chamaba O Protexido.

O problema, que xa deixou de ser problema para convertirse en epidemia, segue a ser o de sempre: O GUIÓN. Nesta ocasión, que non sei se lles tocaría a folga de guionistas polo medio, son responsables do desastre un tal David Hayter, que ademáis de actor de segunda xa era responsable de guións tan brillantes como o de O Rei Escorpión e X-men e outro tal Alex Tse ó que non se lle coñecía nada. Se a eso lle sumas que o director Zack Snyder non sabe ler, pois o resultado é o que é: unha merda (con perdón para tódalas merdas do mundo por rebaixalas á altura de Watchmen).

E é que así como das por sentado que nunha peli de tropecentosmil millóns de dólares vas atopar unha factura impecable e uns efectos visuais deslumbrantes (Non vas ver bichos de cartón pedra e cousas así), tamén asumes que vas atopar unha historia construída de forma brillante e máis tratándose dunha adaptación da máis importante novela gráfica da historia. Pero todo o contrario. Watchmen é un refrito de tramas sen peso nin sentido que en ningún momento sabes cara onde van. A morte do Comediante, que supostamente é o eixo sobre o que xira a historia, queda diluída entre secuencias mal sintetizadas que non levan a ningures. Os dilemas éticos plantexados no tebeo como se “o fin xustifica ou non os medios” ou os conflictos interiores de personaxes como Rorschach simplemente non aparecen. É a película de alguén que se cargou o texto dunha novela e só acertou a ver os debuxiños.

Buscando unha equivalencia fácil, Watchmen e o mesmo que se colles A Guerra das Galaxias, eliminas a historia de superación persoal de Luke Skywalker e deixas as batalliñas de naves, pois eso: fogos de artificio.

No fondo todo se resume en que pedirlle a Zack Snyder que dirixa unha película é como pedirlle a un pirotécnico que faga unha obra de teatro, pode ser posible pero normalmente é improbable. E se en 300 que era un comic faciliño, Snyder non foi quen de distinguir quenes eran o protagonista e o antagonista da historia, nun libro no que as personaxes se multiplican e as tramas son numerosas e cruzadas, pídelle ti que acerte cal é a historia.

Tendo en conta esto, o filme reducese a calcar as viñetas de forma espectacular, igual que acontecera en 300, e a incrustar cachos recortados do libro pero sen orde nin sentido, para que rematase da mesma forma. A ineptitude á hora de saber seleccionar as tramas apropiadas, e eliminar outras (como debe ser unha adaptación), fai que a peli dure case 3 horas e que se faga lenta e cansina, xa que só chegas a disfrutar as pelexas, explosións e barbaridades varias visualmente moi potentes. O máis rescatable é a personaxe de Rorschach da que chega a adiviñarse un perfil, parecido ó que pasaba con Lobezno en X-Men, pero que non chega a desenvolverse de todo e quedas coa sensación de que a personaxe prometía pero a súa historia vaise esgotando pouco a pouco. Como xa ven sendo habitual aparece tamén o patriotismo ianqui máis chungo que cheo dun maniqueísmo ridículo estorba na recreación dun entorno de guerra fría que é o que dá sentido á novela.

Resumindo: Peli para baixarse o screener no Transmisión ou no Emule sempre que estexas moi desesperado por vela.

Pd: O guionista David Hayter pediulle ós fans que volveran a ver o filme por segunda vez porque a taquilla non os estaba a acompañar. Non te toca o carallo!!!!! O que tiñan que facer os fans era denunciarte!!!!

Fagot

Le tamén as opinións de: Nacho Vigalondo, Psicopanadero, E. Martín, David Muñoz, Buchinsky, Xabibenputa, Álvaro Pons, Edu, Rafa Marín, Uruloki, Kraken17, DVD ou absence. E máis en Twitter.

1 comentario

  1. by dorfun, on Marzo 13 2009 @ 12:08 p.m.

     

    Estou completamente dacordo contigo nos argumentos, salvo que a conclusi

Comment RSS

 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.